20080217tair debba hizbulah retrato imad mughniyeh

Labirinto en Beirut

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Milicianos de Hizbulah e retrato de Imad Mughniyeh; clic para aumentar
O asasinato en Damasco de Imad Mughniyeh, destacado líder das milicias do Hizbulah e considerado polo goberno estadounidense como "un dos terroristas máis sanguinarios", aumenta a perspectiva de violencia e confrontación dentro do fráxil equilibrio libanés. (Foto: Milicianos de Hizbulah forman diante dun retrato do asasinado Imad Mughniyeh, o 17 de febreiro de 2008 na súa aldea natal Tair Debba).
 

A escasas semanas de conmemorarse o terceiro aniversario do asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri, e cunha investigación xudicial aínda en marcha, o convulsionado ambiente político libanés ameaza con deslizarse cara unha nova etapa de violencia política, cun perigoso impacto xeopolítico en Oriente Medio.

Publicamente, aumenta un irresponsable ton bélico nas recentes declaracións de determinados líderes políticos. Paralelamente, o asasinato en Damasco de Imad Mughniyeh, destacado líder das milicias do Hizbulah e considerado polo goberno estadounidense como "un dos terroristas máis sanguinarios", aumenta esta perspectiva de violencia e confrontación dentro do fráxil equilibrio libanés. Un dirixente druso aliado ao Hizbulah afirmou que a situación actual lembra os momentos previos do comezo da guerra civil en 1975.

No multitudinario funeral de Mughniyeh en Beirut, Hasan Nasralá, líder político do Hizbulah, acusou directamente a Israel do seu asasinato, ameazando cunha vaga de atentados contra obxectivos israelís arredor do mundo. Observando o panorama, non semellan esaxeradas as acusacións de Nasralá, tomando en conta que Mugniyeh viña sendo un obxectivo apetecible tanto para Israel como para EEUU e que o Estado israelí busca debilitar ao Hizbulah.

Ao igual que as tensións afloran en Beirut, en Tel Aviv aumenta a presión sobre o goberno de Ehud Olmert ante a revelación dunha investigación xudicial que culpa ao seu goberno e o alto mando militar da derrota na breve guerra contra o Hizbulah en agosto de 2006. En Israel temen a consolidación do Hizbulah ao sur do Líbano, con alta capacidade para atacar obxectivos israelís, caso similar ao de Hamas en Gaza.

Así, a análise dende Israel semella centrarse na posibilidade de que exista unha evidente penetración iraniana preto das súas fronteiras, a través do presunto apoio de Teherán ao Hizbuláh e Hamas. Ao funeral de Mughniyeh asistiu o ministro iraniano de Exteriores, Manoucher Mottaki, coñecido simpatizante do Hizbuláh. Pode que esta perspectiva disuada ao alto mando israelí de alentar outra "operación militar cirúrxica" contra Hizbulah no sur do Líbano, a fin de recuperar o seu prestixio perdido trala guerra de 2006.

A convulsión libanesa implica directamente a tres actores principais da rexión, Siria, Israel e Irán, así como os intereses estratéxicos doutros países como Arabia Saudita, EEUU e Francia, a antiga metrópoli. Pero a clave semella estar no caso sirio: a polarización política libanesa débese, en gran medida, a disputas internas entre líderes e partidos políticos "prosirios" e "antisirios".

Igualmente, a repercusión para Siria do asasinato de Mughniyeh en Damasco supón un claro revés en materia de seguridade para o goberno de Bashar al Asad, especialmente no caso de certificarse unha presunta implicación do Mossad israelí. Con estes factores sobre a mesa, a crise libanesa pode mergullarse nun caótico e interminable labirinto.