Eixos de actividade

Historicamente a nosa actividade desenvólvese en 4 ámbitos preferentes:

Liñas de Investigación e análise

Ás Liñas de Investigación permean a misión, os contido e a propia organización do IGADI, proxectándose en todas as nosas actividades. Ás nosas liñas tradicionais de análise: Relacións Internacionais e Xeopolítica, Paradiplomacia, e Cooperación Internacional, conectáronse á creación do Observatorio de la Política China (2004) e ao Observatorio Galego da Lusofonía (2009), coma espazos xeográficos estratéxicos.

A nosa traxectoria entre o 1991 e o 2023 permitiu consolidar ao Igadi como un espazo consistente e orixinal no contexto europeo en relación á súa natureza como think tank e asociación de estudos internacionais. Desde xaneiro de 2023 activamos as Liñas de investigación en Unión Europea, Economía e o Observatorio das Diásporas.

A especialización xeográfica desde Europa, conectado ao mundo chinés e asiático, ao espazo lusófono ou latinoamericano, xeran unha comunidade mundial de coñecemento plural con capacidades moi diversificadas e unha potencialidade de proxección nos cinco continentes.

As análises fornecidas polo IGADI aspiran a desempeñar un papel útil na toma de decisións e a significar un nivel de especialización internacionalmente recoñecido nos eidos preferentes de investigación. A tal efecto, presta especial atención á interacción co mundo académico e universitario e máis alá, participando e asociándose ás institucións, as empresas, aos axentes culturais e de cooperación internacional…

A web e as publicacións

O IGADI caracterízase por nacer no final da Guerra Fría e a explosión da Sociedade da Información. Desta maneira desde 1994 contou cun espazo web propio, de seguimento e análise das nosas liñas de investigación temáticas e xeográficas de investigación principal, colaborando con institucións, medios de comunicación, empresas, ongd´s…

Ademais as nosas publicacións físicas promoveron un marco teórico en galego para as relacións internacionais como disciplina, especificamente arredor da paradiplomacia galega. Destaca Tempo Exterior, a revista académica e semestral do Igadi, creada en 1997 e refundada no ano 2000, que conta cun amplo Consello de Redacción e Científico, ligado a universidades galegas e internacionais. Tamén os nosos informes anuais, o IGADI Annual Report ou o Nós No Mundo, así como a colección de monográficos Texturas Internacionais ou ducias de publicacións extraordinarias.

Os proxectos e a xestión: as matrioskas do Igadi

A historia do IGADI caracterízase por empregar as súas capacidades como comunidade de coñecemento, para impulsar proxectos e iniciativas concretas, de distinta escala, en liña cos seus obxectivos fundacionais. Destacamos algunhas das iniciativas impulsadas nestes 30 anos:

O IGADI promoveu a creación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (1997), unha asociación na que participan máis dun cento de administracións locais galegas, que poñen en común as súas accións de cooperación ao desenvolvemento. Desde o ano 2020 o IGADI deixou de exercer a súa Secretaría, mantendo igualmente unha liña de colaboración permanente.

A creación e impulso da Fundación Plácido Castro (2001), coa participación dos concellos de Cambados, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), serve para reivindicar a obra e o pensamento dunha figura singular do galeguismo histórico. A Fundación organiza unha Conferencia Anual e un Premio de Tradución, entre outras actividades.

O Observatorio de la Política China, OPCh (2005), é un proxecto promovido polo IGADI que conta co apoio de Casa Asia. O seu obxectivo é efectuar un seguimento permanente da evolución política no mundo chinés prestando atención ao seu sistema político e legal, a política exterior, Taiwán, as nacionalidades minoritarias, os dereitos humanos, ou a seguridade e defensa. O IGADI tamén promoveu e xestiona a Rede Iberoamericana de Sinoloxía (RIBSI) na que participan máis de vinte especialistas dunha ducia de países. O OPCh publica o Informe Anual de la Política China e organiza o Simposio Electrónico Internacional sobre Política China.

O Observatorio Galego da Lusofonía, OGALUS (2009), pon o acento na lingua ao promover o seguimento analítico da actualidade xeral dos países integrantes da lusofonía xerando propostas de sensibilización e dinamización da cooperación galego-lusófona a todos os niveis.

Tamén forman parte da historia do IGADI iniciativas como os Foros Bilaterais, impulsado cos países latinoamericanos da diáspora galega e iniciáticos na diplomacia económica da Autonomía; a Rede ORBALIA, de xornalistas que se interesan na información internacional (en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia), a Rede Arredalia, formada polas ducias de persoas que pasaron de realizaron prácticas no IGADI, ou proxectos concretos como os faladoiros O Mundo Desde Aquí ou o proxecto Cooperación Expandida.

Documentación

O Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea, CIDIC, único no seu xénero en Galicia, conta cunha hemeroteca especializada en relacións internacionais, así como cun arquivo histórico especializado arredor da internacionalización de Galicia. Actualmente o CIDIC atópase no Concello de Pontevedra, no Centro Cívico Sur.