Stamp of Indonesia - 1958

Parte II: Pangolín, entre dous continentes

O obxectivo desta serie de artigos é actualizar o panorama de fluxos ilícitos a nivel internacional. Con cada entrega, farase fincapé nun ben distinto: dende especies en perigo ata novas tendencias en narcotráfico...
Liñas de investigación International Relations
Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Entre 2015 e 2021, máis de 330 toneladas de partes de pangolín foron incautadas no continente asiático1, xa que o tráfico destas especies queda prohibida por unha serie de normas nacionais e internacionais. Por alarmante que pareza esta cifra, só reflexa unha pequena parte da realidade: un mercado que se atopa á alza, e que non para de crecer.

Aínda que moitas veces pasado por alto polas axencias e organismos nacionais e internacionais, os delitos contra a fauna e a flora (incluíndo, pero non só, especies protexidas) son unha variante da criminalidade organizada transnacional que presenta unha gran variedade de riscos de seguridade asociados.

As especies traficadas non só xeran grandes cantidades de cartos en negro ós que é difícil seguir o rastro, senón que contaminan economías formais introducíndose nestas para borrar as súas pegadas (o que se coñece extensa e popularmente como branqueo).

Existen dous aspectos principais desde tipo de delito: a extracción e o tráfico. A extracción fai referencia á obtención dos recursos, ben mediante caza furtiva no caso dos animais, ou tala ilegal no das especies arbóreas. En ocasións, as persoas que participan desta modalidade son campesiños ou axentes locais que buscan un modo de vida alternativo ou unha fonte extra de ingresos, pero non acostuman a participar a maiores na cadea de valor que se forma.

No tráfico é onde se pode atopar unha criminalidade a maior escala, xa que normalmente é preciso cruzar unha ou varias fronteiras estatais para acceder ós mercados, onde cada un dos chanzos aumenta o prezo final das mercadorías. A xeración de riqueza posibilita que aumente o número e a clase dos actores implicados no tráfico.

Na actualidade, o mamífero máis cobizado nos mercados ilícitos é o pangolín, un pequeno animal folidoto (recuberto de escamas) e insectívoro que habita en África e Asia. Especies de elefantes ou tigres tal vez sexan máis coñecidas polo exótico dos seus nomes o e prezo que algunhas das súas partes, coma o marfil, chegan a alcanzar. Porén, o tráfico de pangolín abre novas fronteiras da criminalidade a nivel global.

O tráfico destas especies está prohibido internacionalmente dende 2017, ano no que entrou en vigor a lexislación da CITES (Convención sobre o Tráfico Internacional de Especies en Perigo2) ó respecto. A pesar deste prohibición, o tráfico de pangolíns continúa a crecer cada ano.

O motivo son as súas características escamas. Estas, secadas e moídas, son un ingrediente moi prezado na medicina tradicional de moitos países; máis notablemente, China e Vietnam, aínda que en outros lugares de África, tamén. As propiedades que se lle atribúen a este animal son varias, dende curaren a asma ata a artrite3. A súa carne é considerada un manxar.

É posible atopar ata catro especies de pangolín en Asia (chinés, indio, filipino e de Sunda4). Con todo, moitos dos exemplares que se atopan nos mercados asiáticos proveñen de África5, continente que se está a consolidar coma nova orixe internacional para suplir a enorme e aínda crecente demanda global.

As redes criminais de tráfico ilícito que operan en grandes rexións do mundo (e, moi a miúdo, entre distintos continentes nos que existe oferta e demanda de distintas mercadorías) acumulan poder e recursos económicos a partir de recursos coma o pangolín e outras especies en perigo. Pero as financeiras non son as únicas ameazas que xorden a partires desta clase de actividade.

No ano 2020, científicos da Universidade Agraria do Sur de China especularon sobre a posibilidade de que existise transmisión do virus da Covid-19 de pangolíns a humanos. Aínda que os resultados dos informes non foron publicados6, que puidera existir unha cadea de transmisión da enfermidade saltou as voces de alarma e puxo en cuestión a salubridade da cadea de comercio dos pangolíns e doutras especies. Os mercados non regulados coma este con frecuencia presentan riscos para a saúde, xa que se efectúan escasos controles e non hai medidas de garantía.

1 Traffick (19/02/22), Asia’s unceasing pangolin demand.

2 Convention on International Trade in Endangered Species of Wild Fauna and Flora, é o nome completo en inglés.

3 World Wildlife Fund (s.d.), Pangolin.

4 Manis pentadactyla, Manis crassicaudata, Manis culionensis e Manis javanica, respectivamente.

5 Phataginus tetradactyla, Phataginus tricuspis, Smutsia gigantea e Smutsia temminckii.

6 Nuwer (11/02/20), Illegal trade in pangolins keeps growing as criminal networks expand, The National Geographic.