O eixo electoral
Imaxe libre de dereitos de autor

Dous Brasís separados – 1ª volta das eleccións presidenciais do Brasil

O senador Flávio Bolsonaro, fillo do expresidente Jair Bolsonaro, rematou a primeira volta das eleccións brasileiras como primeira forza, con máis de 2,2 millóns de votos e menos de dous puntos por riba do seu competidor e actual presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva. O resultado deixa un escenario complicado para a forza oficialista, cun país partido entre o Nordeste e o resto do territorio e unha Cámara de Deputados na que o Partido Liberal será a primeira forza.
Apartados xeográficos Latin America
Palabras chave Brasil Lula Bolsonaro

Un presidente en segunda posición

Pouco antes das tres da madrugada do 5 de outubro, co 100 % das urnas escrutadas, os datos do Tribunal Superior Eleitoral (TSE) situaban en primeira posición ao senador Flávio Bolsonaro, candidato do Partido Liberal (PL), con 56.104.503 votos, o 47,03 % dos válidos. O presidente Luiz Inácio Lula da Silva, do Partido dos Trabalhadores (PT), quedou segundo con 53.879.538 votos e o 45,16 % (Nascimento e Brito, 2026). Ningún dos dous superou a metade dos votos válidos e ambos volverán medirse nas urnas o 25 de outubro. A participación chegou ao 78,92 % do censo, cunha abstención do 21,08 % malia o carácter obrigatorio do sufraxio, mentres os votos en branco e nulos quedaron no 1,84 % e no 2,93 % respectivamente (Congresso em Foco, 2026c).

Este escenario deixa a diferenza electoral máis estreita dende 1989, ano da primeira elección directa do actual período democrático (Nascimento e Brito, 2026). E o resultado contrasta moito co das eleccións de 2022, cando Lula da Silva gañara a primeira volta co 48,4 % e 57,2 millóns de votos, de maneira que o presidente perde agora preto de 3,4 millóns de apoios en catro anos mentres o fillo de Jair Bolsonaro acada os 56 millóns (Brito e Kafruni, 2026).

Con todo, o cambio de posicións non sorprendeu a quen seguise de cerca as enquisas electorais, que levaban meses anticipándoo. Lula da Silva comezou o ano 2026 cunha vantaxe folgada con respecto ao segundo pero, pouco a pouco, esa vantaxe foise esgotando ao longo da campaña e, a partir do mes de agosto, as dúas candidaturas aparecían nun empate técnico que só as urnas serían capaces de desfacer. Este empate deixaba a decisión de voto en mans dos votantes moderados de centrodereita, das mulleres e do electorado evanxélico, os segmentos que ningún dos dous conseguira fidelizar ata ese momento, aínda que non da mesma maneira, xa que as mulleres eran o punto débil da campaña de Flávio e os evanxélicos o de Lula (Nascimento e Brito, 2026).

A xeografía electoral a debate

Ilustración 1. Mapa do Brasil por estados segundo a vantaxe entre os dous principais candidatos

image 118
Nota: En vermello, gaña Lula da Silva, en azul, gaña Flávio Bolsonaro e, en branco, empate técnico.
Fonte: Elaboración propia a partir dos datos do TSE do Brasil con Datawrapper

A ilustración 1 mostra as vantaxes electorais de ambos candidatos segundo os estados do Brasil. Lula gañou nos nove estados do Nordeste e en tres do Norte, Amazonas, Amapá e Pará, mentres Flávio se impuxo en todo o Sur, o Sueste e o Centro-Oeste, ademais de Acre, Rondônia, Roraima e Tocantins (Jovem Pan, 2026). Os extremos dan conta da profundidade da fractura, xa que o presidente acadou o 70,99 % en Piauí e o senador superou o 71 % en Roraima.

Unido ao anterior, o peso demográfico de cada bloque explica que a hexemonía petista no Nordeste non bastase para gañar a primeira volta. Na rexión, Lula sumou 21,49 millóns de votos fronte aos 10,40 millóns de Flávio, unha diferenza superior aos once millóns de sufraxios que, a pesar de todo, non chegou para manter ao presidente en cabeza. E é que o candidato do PL recuperou algo máis da metade dese terreo no Sueste, a rexión máis poboada do país, onde reuniu o 56,41 % dos votos dos dous finalistas e onde, só no estado de São Paulo, lle sacou ao presidente uns 3,4 millóns de votos, mentres que o resto chegou do Sur e do Centro-Oeste, as dúas rexións nas que a marxe media do senador foi máis ampla, como recolle a táboa 1 (Congresso em Foco, 2026a).

Táboa 1. Estados gañados e marxe media por rexión na primeira volta

RexiónEstadosGaña FlávioGaña LulaMarxe media
Norte74317,70
Nordeste90931,30
Centro-Oeste44023,91
Sueste44012,32
Sur33030,08
Total271512

Nota: En vermello, gaña Lula da Silva, en azul, gaña Flávio Bolsonaro

Fonte: Elaboración propia a partir dos datos do TSE do Brasil e de Jovem Pan (2026).

No caso de Minas Gerais, o segundo estado con máis electores do país, o resultado tamén foi para Flávio, cun 48,24 % fronte ao 43,33 % de Lula (Congresso em Foco, 2026a), sendo a marxe máis estreita de todo o Sueste, pero tendo en conta que dende 1989 ningún candidato chegou á presidencia sen gañar alí o dato non é menor para o PT de cara á segunda volta. A estratexia da campaña do senador tamén axuda a entender este reparto, xa que o seu equipo considerou que sumar votos en São Paulo era máis rendible que intentar recortar a distancia no Nordeste, onde historicamente o PT se move arredor do 70 % dos votos válidos, e aínda que nas últimas semanas a axenda se repartiu entre as dúas rexións, os resultados da primeira volta parecen darlle a razón (Nascimento e Brito, 2026).

A Cámara que herdará o gañador

Na Cámara de Deputados o PL elixiu 121 deputados federais, o 23,6 % dos 513 escanos, e conseguiu así o mellor resultado dun partido desde que comezou a serie histórica en 1990, por riba dos 109 que acadara o PMDB naquel ano e 22 máis dos 99 que obtivera en 2022 (DIAP, 2026). Por detrás quedou a federación do PT co PCdoB e o PV, que suma 88 deputados e dos cales 70 son do partido de Lula. A federación entre União Brasil e Progressistas achégase moito a esa cifra, con 87, e máis atrás aparecen o PSD, con 43, e Republicanos, con 41 escanos (Congresso em Foco, 2026b).

Con estas cifras sobre a mesa, os partidos do chamado Centrão decidiron quedar fóra da carreira presidencial na primeira volta. Nin o PP nin União Brasil nin Republicanos pecharon unha alianza formal co PL, polo que Flávio tivo que conformarse con apoios individuais, entre eles o do gobernador de São Paulo, Tarcísio de Freitas, e o do prefeito da capital paulista, Ricardo Nunes (Nascimento e Brito, 2026). Esa neutralidade non significa que vaian quedar á marxe despois, e o máis probable é que teña un prezo que se empezará a negociar en canto se coñeza o gañador.

Con todo, un hipotético goberno de Flávio partiría da maior bancada da Cámara brasileira, aínda que 121 deputados seguen moi lonxe dos 257 que fan falta para a maioría absoluta. No outro escenario, un Lula reelixido tería diante unha oposición máis numerosa ca a que tivo en 2022, de maneira que, gañe quen gañe, o Centrão volverá ser o interlocutor obrigado para calquera reforma de certo calado.

Que sucederá a partir do 25 de outubro?

Máis aló da política interna, o que se decida o 25 de outubro marcará tamén a orientación internacional do Brasil. Flávio xa anunciou que, se gaña, reactivará a adhesión á Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), explorará unha zona de libre comercio hemisférica cos Estados Unidos e reavaliará a permanencia do país nos BRICS (Morales Ruvalcaba, 2026), o que podería deixar en suspenso boa parte do que se acordou hai un mes en Nova Deli. No caso de Lula a campaña estivo marcada pola defensa da soberanía nacional fronte á administración de Donald Trump, un tema ao que o presidente lle deu tanto peso que mesmo o levou ao seu discurso na Asemblea Xeral das Nacións Unidas (Nascimento e Brito, 2026).

Por outra banda, unha vitoria de Flávio faría que o Brasil se sumase a Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia e Perú como países gobernados pola dereita e, seguramente, confirmaría a idea dun xiro ideolóxico en toda a rexión. Esta lectura hai que tomala con cautela, xa que como se viu noutras eleccións recentes o voto en América Latina adoita explicarse máis polo castigo ao goberno de turno ca pola ideoloxía, pero neste caso tampouco esa explicación encaixa de todo. Lula chega ás urnas co desemprego en mínimos e o Nordeste segue votando ao PT por riba do 60 % en sete dos seus nove estados (Jovem Pan, 2026), polo que é posible que o que se está a ver no Brasil teña máis que ver coa fractura territorial que coa situación económica do país.

Referencias bibliográficas

Brito, L., e Kafruni, S. (2026, 5 de outubro). Bolsonarismo vira a diferença sobre Lula em relação a 2022. Poder360. https://www.poder360.com.br/poder-eleicoes-2026/bolsonarismo-vira-a-diferenca-sobre-lula-em-relacao-a-2022/

Congresso em Foco. (2026a, 5 de outubro). Flávio vence em quatro regiões; Lula domina Nordeste. https://www.congressoemfoco.com.br/noticia/122894/flavio-vence-em-quatro-regioes-lula-domina-nordeste

Congresso em Foco. (2026b, 4 de outubro). Nova Câmara: veja os 513 deputados federais eleitos em 2026. https://www.congressoemfoco.com.br/noticia/122927/nova-camara-veja-os-513-deputados-federais-eleitos-em-2026

Congresso em Foco. (2026c, 4 de outubro). Saldo das urnas: Abstenções, nulos e brancos na eleição de 2026. https://www.congressoemfoco.com.br/noticia/122744/saldo-das-urnas-abstencoes-nulos-e-brancos-na-eleicao-de-2026

Departamento Intersindical de Assessoria Parlamentar [DIAP]. (2026, 5 de outubro). Câmara: PL tem eleição histórica de 121 deputados federais. https://www.diap.org.br/index.php/noticias/agencia-diap/93195-camara-pl-tem-eleicao-historica-com-eleicao-de-121-deputados-federais

Jovem Pan. (2026, 5 de outubro). Flávio lidera em 15 estados e Lula em 12 no 1º turno; veja o mapa da eleição. https://jovempan.com.br/politica/flavio-lidera-em-15-estados-e-lula-em-12-no-1o-turno-veja-o-mapa-da-eleicao/

Morales Ruvalcaba, D. (2026, 14 de setembro). BRICS 2026, América Latina y Brasil en una encrucijada política: ¿se abrirá más espacio a la CELAC? TRT Español. https://www.trtespanol.com/article/7a80eeafdd2b

Nascimento, H., e Brito, L. (2026, 4 de outubro). Flávio Bolsonaro e Lula se enfrentam no 2º turno. Poder360. https://www.poder360.com.br/poder-eleicoes-2026/lula-e-flavio-bolsonaro-se-enfrentam-no-2o-turno/