Serie de entrevistas e análises do Observatorio das Diásporas 2026
nico casares

Especial Novas Cidadanías: Votar e moito máis (II) Entrevista ao eurodeputado galego Nicolás González Casares “Este proceso vai conceder novos dereitos a centos de miles de persoas, vai fortalecer lazos, pero tamén ten unhas obrigas”

O Censo de cidadáns no exterior medra a ritmo acelerado e alimenta o optimismo demográfico que trae luz tras anos de tendencias negativas. Son un potencial inexplorado e falta definir o alcance destas novas cidadanías no ecosistema político e social dun país que traballa para consolidar a súa presenza estratéxica no contexto internacional.
Liñas de investigación Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia

En todo o mundo, 1,2 millóns de persoas iniciaron o trámite para adquirir a nacionalidade española pola Lei de Memoria Democrática. Ata o 31 de marzo, tíñanse aprobados 545.000 expedientes de solicitude, segundo vén de confirmar en México o Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares. Só na demarcación do Consulado Xeral en Buenos Aires, hai dados de alta uns 365.000 cidadáns e están a xestionarse unhas 645.000 solicitudes novas, unha cifra que triplica a cantidade de persoas que van pedir asistencia e atención no mediano prazo.

Temos novos galegos e máis españois en todo o mundo, pero que dereitos teñen esas novas cidadanías? Como poden exercelos e quen os representa? Están “equiparados” cos cidadáns da península?

Nestes días elíxense os representantes do Consellos de Residentes Españois (CRE) -órgano consultivo da administración-. A Presidenta do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, Violeta Alonso, pide ao Congreso unha reforma integral da nacionalidade e máis recursos para a rede consular, e comeza –por fin- a andar o acordo da Unión Europea e o Mercosur, que multiplica as posibilidades e fórmulas de intercambio con áreas xeográficas consideradas “prioritarias” pola proximidade cultural e histórica.

Con todo este contexto, faise necesario deterse na cuestión da representación deste colectivo que gaña un peso específico. Logo da súa visita a Arxentina, onde se reuniu con representantes do bloque rexional, autoridades locais e agrupacións de cidadáns, entrevistamos ao europarlamentario galego Nicolás González Casares para coñecer a súa posición ao respecto.

Na túa conferencia no Centro Betanzos de Buenos Aires falaches das posibilidades que se abren co acordo UE-Mercosur. Como pode isto axudar ás novas cidadanías?

O acordo co Mercosur é comercial, pero tamén vai facilitar manter lazos e fortalecelos. Tanto no comercio como na relación entre as persoas. Comerciar con empresas de Arxentina ou do Brasil e iso sempre implica establecer lazos. O feito de ter unha nacionalidade pode abrir portas a un e outro lado. Eu vexo o Mercosur como español, como galego, no eido da gandería, como unha grande oportunidade porque non cabe dúbida que para facer negocios fóra de Europa téñoo máis doado onde se entenda, onde haxa unha serie de valores comúns. Aínda que hai unha serie de valores que non son comúns, a pesar das diferenzas que poda haber, son democracias bastante consolidadas, de tal maneira que non creo que deba ver moitas dúbidas sobre onde deberiamos facer ou buscar relacións deste tipo. Lazos xa existen, son moi antigos e se alguén vai ter a nacionalidade española é porque ten lazos, non por xeración espontánea.

Fóra da lóxica comercial, hai en Europa unha perspectiva que contemple a defensa dos intereses particulares dos cidadáns nos que se superpoñen identidades como no caso dos galegos que residentes fóra (o 20% do padrón), que solicitan a cidadanía do país de nacemento ademais de ser españois e europeos?

En Europa non se é moi conscientes deste tipo de datos. Non hai unha gran conciencia de que, por exemplo, vai haber medio millón de españois máis en Arxentina. Non son conscientes e, por algunha banda, creo que incluso podería provocar preocupación, pero pasa o mesmo en Italia, que tamén ten algo similar, non?. Tamén hai outros países da UE que teñen cuestións similares noutros lados do mundo. Pensemos en Francia ou Alxeria. Pero sí que se entende que cando falamos de Arxentina ou de Brasil hai unha relación que transcende o país. Aquí, no Mercosur, as posicións nas delegacións europeas están ocupadas maioritariamente por españois, portugueses por italianos. Non é só o idioma, é que hai unha relación que vai máis alá, que hai lazos, que moitas veces son familiares, alianzas fortes con estas nacionalidades.

Europa, España, son conscientes de que ademais desta proximidade cultural e de identidade, estas persoas que se suman á nacionalidade teñen uns dereitos como cidadáns?

Eu creo que imos ser conscientes a medida que vaian sucedéndose as cousas. Agora que estamos en España cunha regularización de inmigrantes moi importante, ¿sabes que di a ultradereita? E a dereita, que arrastrada pola ultradereita, oponse a regularización porque din que traemos moita xente que logo van ir a outros países. Ben, eles estaban atacando fundamentalmente aos africanos, como elemento perturbador da nosa cultura. E agora saen coa idea da “prioridade nacional”, que ninguén sabe moi ben o que é, pero que presentan como unha forma de regularizar “moros” e “africanos” (en boca de ultras), pero a foto que sae nas filas das oficinas da Seguridade Social para a regularización é fundamentalmente de latinos. Xente de Arxentina, Colombia, Venezuela, que colleu un avión e veu a España dicindo que viñan facer turismo e quedaron buscando oportunidades. Moitos deles van ser españois igual porque xa teñen procesos de solicitude da nacionalidade nos seus países de orixe. Aí hai unha proximidade cultural. Nós necesitamos unha inmigración, que pode ter problemas de integración, como en todo o mundo ou irse a outro sitio a procurar un traballo, pero vou ter máis choque cultural cun romano ou un lituano que con alguén que ten media familia en Buenos Aires. Por iso eu creo que esta regularización se entendeu mellor en Galicia ca noutros sitios. Primeiro porque temos unha sangría demográfica importante e iso pode axudar a comprender ¿quen vai traballar nas granxas?, por exemplo de Lalín de onde son eu. Alí hai moita xente africana traballando pero tamén moitos venezolanos.

Aínda que tamén hai moitas suspicacias electorais. Creo que vai ser moi complicado polo que teño falado coa maioría da xente en Arxentina. Eles queren a nacionalidade como unha ferramenta de utilidade, de recoñecemento da dobre cidadanía para ter unha saída para eles e para a súa familia en caso de ter que buscarse a vida, pero non creo que o fagan coa idea de intervir moi activamente na democracia española.

Iso nos sitúa nunha nacionalidade de segunda ou dunha orde diferente que non recoñece a igualdade e que semella que require outros instrumentos para exercer eses dereitos?

Eu creo que vai depender moito do interese en participar. Porque se tende a pensar que é unha solicitude instrumental ou por recoñecemento, pero que pouco vai afectar alí mentres non se participe activamente. Pero tamén creo que hai que poñer salvagardas para que non sexa utilizado ese voto como se fixo nalgunhas ocasións. Este proceso vai conceder novos dereitos a centos de miles de persoas, vai fortalecer lazos, pero tamén ten unhas obrigas.

A cantidade de cidadáns vai medrar exponencialmente nos vindeiros anos cando se resolvan os expedientes da Lei de Memoria Democrática. Falou do caso italiano e eles teñen bancadas propias para representar á emigración no Parlamento. ¿Valoran esta posibilidade?

Eu creo que en España non é doado tal e como está a Constitución. Non son un experto constitucionalista, entón non sei como se podería facer. Se podería valorar, de feito, pregúntome por que no Estatuto de Galicia non se ten valorado esta posibilidade que era un elemento xa moi claro. Eu creo que é algo que debería valorarse. É certo que hai moita xente nos partidos que discute a posibilidade de que podan votar estas persoas, que os seus votos podan mudar resultados electorais. Por iso eu creo que é mellor que ese escano exista, que busquemos ferramentas para evitar suspicacias. Se hai unas circunscricións claras e uns escanos determinados para eses representantes, podería ser doutra maneira. Eles mesmos poderían loitar polo voto das súas colectividades e non paracaidistas dun lado ou doutro.

Podes acceder ao conxunto do Especial “Novas Cidadanías: Votar e moito máis” no Observatorio das Diásporas.