20071105 viena delegacions serbia e cosovo

O túnel cosovar

 Delegacións de Serbia e Cosova en Viena; clic para aumentar
Mentres os serbios apelan, entre outros, ao modelo da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong, a troica, na súa última proposta, contempla unha afirmación do autogoberno albanés, con plena autonomía fiscal e relación directa coas institucións financeiras mundiais, pero rexeitando a independencia formal. As esperanzas dos albanocosovares, que de non conseguir agora a independencia temen non poder acadala nunca, están depositadas nos estadounidenses. (Foto: Delegacións serbia e cosovar reunidas en Viena o 5 de novembro de 2007 para unha ronda de negociacións).
 

A pouco máis dun mes para que remate o prazo oficial fixado para culminar as negociacións entre serbios e cosovares, a definición do estatus futuro de Cosova permanece totalmente bloqueada. A numantina defensa que Putin fixo en Mafra das posicións serbias, os rumores que apuntan a un aprazamento da cuestión ata 2020, a virada que está a experimentar a posición de Washington no Curdistán, así como as novas propostas formuladas pola troica (Estados Unidos, Rusia e a UE), deixan en suspenso o que en Prístina daban por seguro.

Mentres os serbios apelan, entre outros, ao modelo da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong, a troica, na súa última proposta, contempla unha afirmación do autogoberno albanés, con plena autonomía fiscal e relación directa coas institucións financeiras mundiais, pero rexeitando a independencia formal. As esperanzas dos albanocosovares, que de non conseguir agora a independencia temen non poder acadala nunca, están depositadas nos estadounidenses, confiados en que a súa decisión segue sendo firme e que acabará por impoñerse internacionalmente. Esa confianza cega desarmou a preocupación dos negociadores de Prístina, quen ao longo destes 14 meses de negociación, non fixeron aceno algún de flexibilidade arredor da cuestión da soberanía.

A aceptación do aprazamento ata 2020, seica suxerido por Washington, tería como contrapartida o libramento de axudas millonarias (sete mil millóns de euros anuais durante os próximos doce anos) que farían de Cosova a Suíza dos Balcáns. Ciencia ficción, pensan algúns. O mundo dos conflitos está repleto de promesas similares, naturalmente incumpridas. Resulta difícil imaxinar a chegada en masa de investidores a unha das zonas máis pobres de Europa.

Sabedora da necesidade de multiplicar os seus xestos no tramo negociador final, Serbia mestura convocatorias aos reservistas como medida de presión sobre a negociación, deixando entrever a súa disposición para ir á guerra por Cosova, coa disposición a aceptar fórmulas confederais. A proposta da troica, rica en matices e en contidos, apunta un camiño flexible pero xeneroso que mesmo inclúe unha hipótese de participación singular e diferenciada nas estruturas da UE, o que abriría expectativas importantes para as nacións sen estado de Europa occidental que reclaman maiores cotas de soberanía e participación directa nas institucións comunitarias sen modificar para iso fronteira existente algunha.