Durante o 2022 a Presidencia dos BRICS foi da China, no 2023 é a quenda de Sudáfrica

BRICS

Nacidos hai quince anos, os BRICS encaran unha proba de madureza. O seu cumio anual vaise celebrar en agosto en Sudáfrica pero a esa xuntanza deben chegar cos deberes feitos. Están todos os seus integrantes polo labor? Cal é a súa axenda táctica e estratéxica? Un reto é o alargamento e as súas modalidades. Está sobre a mesa. Ata dezanove países terían expresado o seu interese para formaren parte deste grupo. O promotor da expansión foi China, cando exerceu a presidencia rotatoria o ano pasado. Quizais coa idea de seguir construíndo influencia diplomática para contrarrestar o dominio global do G7, promovendo un maior peso dos países do Sur, pero baixo a sombra da repetición do equívoco europeo de confundir alargamento con potencia. Non son necesariamente sinónimos....
Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

Un segundo asunto relevante é o impulso ou non á súa propia moeda. A base técnica xa existe: o Novo Banco de Desenvolvemento creado en 2014 e que agora preside Dilma Rousseff, pero compren decisións políticas valentes. Sería un primeiro intento sistémico crible de competir co dominio planetario do dólar estadounidense e o inicio do réxime financeiro bipolar vaticinado por Nouriel Roubini. Se este proceso tivera éxito, poderíamos pensar que as perspectivas da maior reorganización do mundo da posguerra serían moito máis que desexos sobre o papel. E no práctico e inmediato, podería afirmarse como o gran banco do mundo en desenvolvemento, apoiando a loita contra a fame, a desigualdade e a crise climática, como dixo Lula en China recentemente. Pero polo momento, case todo segue a ser “potencial”.

Noutra orde, a dualidade estratéxica de India segue sen resolver. Se os BRICS comparten, en maior ou menor medida, un fondo escepticismo anti-occidental, a disensión sino-india engade incerteza e modera a retórica revisionista da gobernanza global. A India nacionalista de Narendra Modi ven apostando por unha estratexia diversificada. Historicamente está perto de Moscova, que segue sendo o seu principal provedor de armamento. Pero tamén é parte do QUAD, cos EUA, Xapón e Australia, con clara intención de contrarrestar a esa China coa que, por outra banda, comparte espazo na Organización de Cooperación de Xangai. Un equilibrio xeopolítico complicado.

Hai nos BRICS boas intencións e mellores oficios ante unha axenda exhaustiva de asuntos que van abordando cumio tras cumio (o próximo de Durban será o XV). É recoñecido o seu acrónimo como unha marca global que abandeira un propósito de ruptura pero que, cando menos ata agora, non pasou do voluntarismo. A mellora da eficiencia institucional é unha demanda formulada dentro pero tamén dende fora. Todo terá que avanzar ao seu ritmo en función dos consensos que se poidan labrar. O problema é que a fiestra de oportunidade debe ser aproveitada a tempo ou pasará de longo. Esta é a disxuntiva que pode lastrar os BRICS.

O predominio dos intereses e circunstancias nacionais condiciona a dinámica do grupo e os seus proxectos. Hai un gran potencial, certamente: se ben en valor nominal non corrixido por paridade de poder adquisitivo (PPA) o PIB dos BRICS na riqueza global segue sendo moi inferior ao do G7 (43,7% contra 26%, segundo fontes do FMI), o seu peso no mundo non deixou de medrar. En termos de PPA, os BRICS xa superan ao G7 (31,5% fronte a 30,7%). Entre 2021 e 2022, a súa contribución ao crecemento mundial foi do 31,2% fronte ao 25,6% do G7.

Moscova e Beijing están en sintonía á hora de amosar certa belixerancia anti-estadounidense Non acontece de todo o mesmo cos outros tres socios, onde hai matices importantes. A xeración de confianza política interna é indispensable para mellorar a cohesión. Non o facilita o feito de que exista un desequilibrio tan relevante entre os seus integrantes a favor de China. O PIB de Sudáfrica equivale ao 3 por cento do de China. Representa máis do dobre da suma dos outros catro.

Quizais non sexa cousa de elixir en función de hipotéticos bloques senón dunha axenda transformadora da orde global. A non aliñación, asociada coa tradición contemporánea india, é en boa medida compartida polo discurso diplomático dunha China que critica aos EUA por obrigar aos demais países a elixir bando.

Os BRICS poden ser símbolo dunha alternativa estratéxica, financeira e económica ao G7 que compense a perda de influencia global dos EUA cunha proposta de gobernanza que só pode fundamentarse nunha multipolaridade en proceso de xestación, pero abriga aínda certamente non poucas ambigüidades, contradicións e reservas.

É hora de pasar da retórica á realidade. Sería inxenuo pensar que isto será doado.