A axenda do cumio bávaro do G7, en Alemaña, baixo a presidencia de Ángela Merkel, incluíu tanto o fomento dos acordos de libre comercio, en particular o TTIP ou o TPP, un para Europa e outro para Asia-Pacífico e ambos os dous baixo a éxida de EUA excluíndo aos BRICS, como a crise de Ucraína ou o Estado Islámico, Grecia ou a tensión nos mares da China. Os líderes reunidos en Schloss Elmau dixeron avogar por eliminar a fame e a pobreza absoluta en 2030, pero ao tempo son os auténticos campións do fomento da desigualdade no mundo, valedores dunhas políticas neoliberais que están propiciando autenticas bancarrotas sociais en numerosos países.

O fomento a gran escala do libre comercio e a submisión dos poderes públicos a un mercado xestionado polas grandes multinacionais e os axentes financeiros está a derivar nunha perda substantiva de calidade democrática. O G7, como o FMI ou o BM e outras instancias similares participan dese discurso, que reclama dos cidadáns respostas de crecente contundencia. A estratexia de fondo consiste en instar por esta vía unha recapitalización do capitalismo occidental para preservar a súa hexemonía global, en perigo polo retorno do xigante asiático.
Expulsada do grupo o ano pasado logo da crise de Ucraína, Rusia foi novamente advertida. Berlín salienta que o obxectivo do G7 é volver a ser G8, pero tamén que non se pode regresar sen mais á normalidade como se non tivera pasado nada. Por outra banda, o auxilio de Moscova é reclamado por algúns para resolver os desaguisados de Siria, Iraq ou Libia,en gran medida agravados polas erráticas políticas occidentais. O agravamento da situación en Donbass apunta a un reinicio do conflito coincidindo co verán, o cal podería levar a unha nova onda de sancións contra Moscova e a un reforzamento das capacidades en materia de defensa da OTAN e dos países aliados de EUA.
A Rusia de Putin, despois da suspensión da súa condición de membro do G8, non cre na integración con Occidente e aliñase cada vez mais claramente cos que pensan que o papel do G7 vai de capa caída. Outros formatos están a gañar unha relevancia paralela, desde o G20 aos BRICS ou a OCX, aos que Rusia concede mais atención alternativa. Non se poden infravalorar as capacidades do G8-1 para decidir os destinos de todo o mundo, pero é cada vez mais evidente que eses outros foros complementarios gañan en peso específico e incidencia global. Con todo, hai tirapuxas para rato.