G8-1

A axenda do cumio bávaro do G7, en Alemaña, baixo a presidencia de Ángela Merkel, incluíu tanto o fomento dos acordos de libre comercio, en particular o TTIP ou o TPP, un para Europa e outro para Asia-Pacífico e ambos os dous baixo a éxida de EUA excluíndo aos BRICS, como a crise de Ucraína ou o Estado Islámico, Grecia ou a tensión nos mares da China. Os líderes reunidos en Schloss Elmau dixeron avogar por eliminar a fame e a pobreza absoluta en 2030, pero ao tempo son os auténticos campións do fomento da desigualdade no mundo, valedores dunhas políticas neoliberais que están propiciando autenticas bancarrotas sociais en numerosos países.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

O fomento a gran escala do libre comercio e a submisión dos poderes públicos a un mercado xestionado polas grandes multinacionais e os axentes financeiros está a derivar nunha perda substantiva de calidade democrática. O G7, como o FMI ou o BM e outras instancias similares participan dese discurso, que reclama dos cidadáns respostas de crecente contundencia. A estratexia de fondo consiste en instar por esta vía unha recapitalización do capitalismo occidental para preservar a súa hexemonía global, en perigo polo retorno do xigante asiático.

Expulsada do grupo o ano pasado logo da crise de Ucraína, Rusia foi novamente advertida. Berlín salienta que o obxectivo do G7 é volver a ser G8, pero tamén que non se pode regresar sen mais á normalidade como se non tivera pasado nada. Por outra banda, o auxilio de Moscova é reclamado por algúns para resolver os desaguisados de Siria, Iraq ou Libia,en gran medida agravados polas erráticas políticas occidentais. O agravamento da situación en Donbass apunta a un reinicio do conflito coincidindo co verán, o cal podería levar a unha nova onda de sancións contra Moscova e a un reforzamento das capacidades en materia de defensa da OTAN  e dos países aliados de EUA.

A Rusia de Putin, despois da suspensión da súa condición de membro do G8, non cre na integración con Occidente e aliñase cada vez mais claramente cos que pensan que o papel do G7 vai de capa caída. Outros formatos están a gañar unha relevancia paralela, desde o G20 aos BRICS ou a OCX, aos que Rusia concede mais atención alternativa.  Non se poden infravalorar as capacidades do G8-1 para decidir os destinos de todo o mundo, pero é cada vez mais evidente que eses outros foros complementarios gañan en peso específico e incidencia global. Con todo, hai tirapuxas para rato.