Capa do Tempos Novos nº303

Madrid toma partido

As últimas decisións en política exterior do actual goberno en Madrid ilustran un cambio de enfoque que ten como premisa maior un aliñamento máis substantivo coas teses e orientacións de Washington. Deuse carpetazo definitivo -e por ambas as dúas partes- ao simbólico desplante de Rodríguez Zapatero en 2003. O propio ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, como tamén a ministra de Defensa, Margarita Robles, voces particularmente entusiastas do novo rumbo, certificaron que a relación de España cos EUA “é a máis estreita dos últimos vinte anos”. A diferenza da predecesora, González Laya, que apostaba por afortalar as relacións cos grandes da Unión Europea e contribuír á definición dunha autonomía estratéxica que significara o papel de Europa no mundo, España semella querer figurar agora no pelotón de cabeza máis comprometido cos postulados dos EUA no continente.
Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

As últimas decisións en política exterior do actual goberno en Madrid ilustran un cambio de enfoque que ten como premisa maior un aliñamento máis substantivo coas teses e orientacións de Washington. Deuse carpetazo definitivo -e por ambas as dúas partes- ao simbólico desplante de Rodríguez Zapatero en 2003. O propio ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, como tamén a ministra de Defensa, Margarita Robles, voces particularmente entusiastas do novo rumbo, certificaron que a relación de España cos EUA “é a máis estreita dos últimos vinte anos”. A diferenza da predecesora, González Laya, que apostaba por afortalar as relacións cos grandes da Unión Europea e contribuír á definición dunha autonomía estratéxica que significara o papel de Europa no mundo, España semella querer figurar agora no pelotón de cabeza máis comprometido cos postulados dos EUA no continente.

O cambio de posición na cuestión do Sáhara, deixando totalmente ao pairo á poboación saharauí, ou o crecente entusiasmo belicista manifestado na actitude ante a guerra ruso-ucraína, o descarte de solucións diplomáticas e a aposta pechada por unhas sancións de dubidoso efecto, culminou co recente cumio da OTAN en Madrid e o anuncio dun novo acordo que afecta á base de Rota e ao compromiso de incremento substancial dos gastos militares. A maiores, é sorprendente o cambio de actitude ante o feito migratorio: a evolución dende o compromiso de rescate dos migrantes no Aquarius en 2018 á errática actitude ante a matanza de Melilla, expresan algo máis que unha anécdota. Para cando o recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel?….

Este novo rumbo da política exterior española participa dun determinado diagnóstico da situación internacional que parte da asunción como propia da hexemonía narrativa estadounidense a propósito do carácter inevitable (e ata desexable) dunha nova Guerra Fría. Presentando como trasnoitado calquera ideario que nos  conecte cun compromiso antimilitarista e pacifista que tivo sempre aquí un espazo de proxección significativo, aléntanse alternativas que sitúan a seguridade á cabeza da xerarquía dos supremos intereses estatais.

Acontece esa controvertida viraxe nun país endebedado ata as orellas, cunha situación económica e social precaria e de extrema gravidade e penuria para unha parte moi significativa da poboación, trala crise financeira de 2008 e cunha pandemia persistente. Paradoxalmente, nun contexto desas características, é a seguridade erixida en valor superior, mesmo forzando o argumento da soberanía de Ceuta e Melilla e o control dos fluxos migratorios, como contraprestacións e retornos satisfactorios, ata “históricos”, dun tránsito que probablemente non remate aquí, quedando sometido aos imperativos que emanen dunha política en gran medida determinada polas necesidades dos EUA e a OTAN.

Por tanto, o eixe pivotante da política exterior española incrementa a súa proximidade aos EUA, un xiro que igualmente afecta a outras capitais europeas (e de Asia) que tamén asumen a narrativa orixinada na outra beira do Atlántico: estamos inmersos nun conflito decisivo entre as democracias e as autocracias, cómpre defender unha orde internacional baseada en normas, garantir a primacía dos nosos valores, a democracia e os dereitos humanos… O fracaso da guerra económica e comercial, o pulso tecnolóxico que non estamos a gañar e a redución da influencia global do mundo occidental determinan un escenario adverso no que medran os envites ao desacoplamento como derradeiro recurso para evitar o sorpasso. Cun sistema colapsado e inmerso nunha fonda crise social e política, non se trata xa de protexer a orde fundada no dereito internacional, inscrita na Carta das Nacións Unidas e noutros textos fundamentais da mesma inspiración, senón de esaxerar a magnitude da ameaza exterior coa esperanza de que actúe como sortilexio dunha cohesión e blindaxe de dubidoso percorrido.

No esencial, pois, visto que unha nova orde internacional estase a trazar, non baixo o impulso directo da invasión rusa de Ucraína senón da reacción subseguinte dos EUA e Occidente para valéndose dela dispoñer con maior folgura as estratexias para preservar a súa hexemonía global, España toma partido con claridade polas teses dun dos bandos dunha hipotética Guerra Fría cuns fundamentos que estarían a esbozarse coa nova guerra en territorio europeo. “Socio indispensable”, como dixo o presidente estadounidense Joe Biden, España súmase ao rearme da OTAN para unha nova bipolaridade e aplaude o incremento desa presenza de tropas estadounidenses en Europa que aseguraría a súa protección fronte a Moscova pero tamén fronte a calquera aceno de autonomía efectiva.

O apelo da Moncloa ás forzas progresistas en nome da protección dos máis vulnerables para xustificar o rampante belicismo representa unha inaudita e cínica pirueta que evidencia o mais absoluto (e interesado) desnorte dun goberno que tradicionalmente sempre exaltara a diplomacia como valor de referencia para achar solucións pacíficas e xustas aos conflitos internacionais.

Sen un ápice de autocrítica por accións pasadas, por certo ben recentes, de resultado nefasto (da ex Iugoslavia a Libia pasando por Afganistán, entre outros), pasando por alto aquelas vítimas civís ás que se lles chamou ‘dano colateral’, aos asasinatos selectivos ‘operacións clave’, á obtención de confesións por medio de tortura ‘técnicas de interrogación melloradas’ ou ao asasinato de civís ‘desgastar ao inimigo’, participamos entusiastamente do branqueo mais repugnante recorrendo a posados ante cadros emblemáticos cuxos autores se revolverían ante tal indecencia.  Viva pola artista peruana Daniela Ortiz que pediu retirar as súas obras ao “Reina Sofía” por acoller un acto da OTAN!….

Os EUA, cuxos actuais tres “faros da liberdade” son Ucraína, Israel e Taiwán, ventan o momento crítico que atravesa o seu liderado mundial e reaccionan en consecuencia. Certa conciencia do fracaso das medidas adoptadas ata agora, amosan unha clara preferencia crecente pola opción militar e pola presión estratéxica. A esaxeración deliberada da ameaza e a manipulación da opinión pública forman parte dese decálogo que as actuais autoridades españolas asumen sen inmutarse no mais mínimo. Calquera contradición desta narrativa emerxente e repetida con teimosía e unanimemente polos principais medios de comunicación, é vista con desconfianza. E en paralelo, as acusacións de desinformación, de guerra híbrida, de coerción económica, etc., son imputadas ao contrario.

Veremos aos buques da Armada española en anos próximos navegando polas augas do Mar da China meridional para defender a “liberdade de navegación” e os valores de Occidente? Semella unha posibilidade remota, pero lembremos que tamén Afganistán estaba lonxe…

O goberno de Pedro Sánchez elixiu campo na contenda xeopolítica global

O actual goberno desentendeuse da reafirmación da independencia da política exterior española en consonancia cos postulados de Nacións Unidas e a defensa da legalidade internacional e o compromiso cos principios básicos recollidos na súa Carta. Hoxe, o reclamo dunha posición independente é rexeitada por “ambigua”.

Pero tomar partido, lonxe de proveernos seguridade, incrementa o risco de ser parte dun desenlace fatídico da actual conxuntura. O que cabería é instar un compromiso activo para asegurar o tránsito da actual orde mundial cara a multipolaridade e a democratización efectiva das relacións internacionais, descartando involucrarnos en pugnas hexemónicas e na hipotética reedición de guerras frías. Esa debera ser a posición da Unión Europea e Madrid debera contribuír a esa definición.

A participación internacional de España debera orientarse a rexeitar as dinámicas belicistas, incluído o aumento exponencial dos gastos en defensa, e avogar por unha cultura de paz, diálogo e negociación que fomente o progreso social, o benestar xeral, a convivencia e a confianza nas relacións internacionais; a apostar por unha autonomía estratéxica europea baseada no fomento dos seus propios valores no mundo como resposta idónea para acompañar os cambios que se anticipan na sociedade internacional contemporánea; a defender unha participación activa nas estruturas multilaterais de todo tipo, incluíndo as relativas á seguridade, firmemente comprometida coa resolución pacífica dos conflitos.

O que Madrid debera facer, como Europa no seu conxunto, é rexeitar tomar partido entre China, Rusia ou os EUA. Ata Javier Solana advertiu que unha “OTAN global”, ou “OTAN Plus”, como a que se está trazando co fervor madrileño, podería dividir ao mundo en bloques enfrontados. A expansión da OTAN, en busca dunha presenza máis forte en todo o mundo e en particular en Asia, onde se dilucida o futuro do mundo no século XXI, fará máis difícil para os membros desta organización interactuar con outros países que non perciben a China ou Rusia como inimigos nin rivais. Contrariar a súa influencia por medios preferentemente militares sen ofrecer alternativas sólidas no ámbito do desenvolvemento, que é a súa principal opción e preocupación, pode derivar finalmente nun inédito illamento.

Con todo, a actual resignación ante unha axenda na que calquera entusiasmo progresista (no social, no climático, dúas das grandes urxencias) cede ante o avance do militarismo ao ritmo que diten os EUA e a OTAN, está a expensas desa volatilidade que axexa nun mundo liberal pletórico de contradicións e incertezas dificilmente obviables apelando á exacerbación das ameazas, a resistencia ante cambios solidamente ancorados no presente e a simplificación interesada do futuro.