Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"

Nunca canses de ollar o que pasa no mundo

Cando Xulio empezou, hai máis de trinta anos, a estudar o que ocorría polo planeta adiante e creou o Instituto Galego de Análise e  Documentación Internacional (IGADI, 1991) conectaba cunha necesidade urxente dun país que transitaba, en poucos anos, dunha situación demasiado pechada a outra moi aberta.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Cando Xulio empezou, hai máis de trinta anos, a estudar o que ocorría polo planeta adiante e creou o Instituto Galego de Análise e  Documentación Internacional (IGADI, 1991) conectaba cunha necesidade urxente dun país que transitaba, en poucos anos, dunha situación demasiado pechada a outra moi aberta.

Desde a entrada na Unión Europea, no 86, Galiza estaba abríndose ao exterior, empurrada polas oportunidades que presentaba o novo marco arancelario para a actividade exportadora das súas empresas. Foi fundamental para ese proceso a caída, en termos de intercambio económico, da fronteira con Portugal, que era moi antiga pero tamén moi  artificial. A UE eliminou as barreiras aduaneiras e aportou recursos para construír unha autovía que conectou a nosa parte do eixo atlántico coa portuguesa. Alí aprenderon a ser internacionais moitas compañías galegas. Tíñamos unha escola próxima para exportadores que contaba cunha  cultura semellante e moitos alumnos foron saíndo dela preparados para enfrontárense a desafíos máis complexos e afastados.

Xulio conectou tamén cunha vella tradición galeguista, bastante esquecida nas décadas de ditadura e transición democrática que nos pecharan en exceso nunha auto análise introspectiva. Cumpría volver repensar as ideas de xente como Castelao, Valentín Paz Andrade ou Plácido Castro que tiñan unha visión da Galiza moi vencellada ao que ocorría fora. O último dos citados foi plenamente reincorporado a esa tradición polo esforzo de Xulio, que creou a Fundación Plácido Castro e impulsou o coñecemento das súas ideas.

O país necesitaba máis pensamento internacional. Esa mirada era tamén a dos galegos que emigraran. Eles abriron portas para estarmos no mundo e posibilidades de relación exterior, apoiadas nas asociacións que fundaron en cidades de países europeos e americanos.

A incorporación a unha Europa aberta axudou moito a que Galiza se sentira outra vez un norte peninsular, con vocación industrial e exportadora. Agora camiña devagar cara unha situación na que deben viaxar máis as mercadorías para que non teñan que emigrar os que as producen. Aínda temos por diante un largo percorrido nesa ruta cara o progreso, pero avanzamos mellor desde que temos portas abertas en moitos países.

O momento era idóneo, tamén no plano mundial. Caía o muro de Berlín e despegaba o que empezábamos chamar globalización. As inquedanzas de Xulio por coñecer e analizar desde aquí o que ocorría máis alá das fronteiras do Estado chegaron cando máis se necesitaba. O seu traballo intelectual e o seu esforzo axudáronnos ver con máis claridade as novas forzas que dinamizan o comportamento humano nun planeta moi poboado e interconectado.

Dentro das súas preocupacións ocupa un lugar principal a China, a segunda potencia mundial, que ten unha cultura e unhas posibilidades que para nós son bastante alleas, por non dicir exóticas. Alí viviu un tempo que aproveitou para converterse nun dos principais expertos españois naquel gran país en expansión, nunha referencia con tribuna nalgúns dos medios de máis  prestixio.

Eu publicara o meu primeiro ensaio no 99, co título de O Mundo e Nós, que conectaba directamente coas inquedanzas de Xulio e do IGADI, de termos unha visión propia do que pasaba fora de España. Pouco despois, empecei traballar máis directamente con Xulio no seo da Comisión Exterior do Consello da Cultura Galega, creada nos anos que a institución estaba presidida por Ramón Villares. Alí colaboramos con outras persoas para impulsar liñas de acción exterior presididas polas tendencias que marcaban o paso da Humanidade e polas que tiñan conexión máis directa con nós, como a relación cos principais países receptores da emigración galega e cos que teñen un vencello cultural directo, agrupados no espazo da lusofonía.

Neses anos de principios de século, empecei tamén a colaborar co IGADI, formando parte do seu Consello Reitor. Alí, desde entón, son testemuña directa de como unha persoa, cunha idea de axudar a Galiza para estar mellor preparada para o futuro, é capaz de converter esa idea nunha institución que funciona. Estúdase moito o importante papel dos emprendedores para impulsar o desenvolvemento económico dun país. Fálase menos daqueles que, desde a sociedade civil, axudan a completar e enriquecer o traballo do sector público e potenciar as capacidades da sociedade onde viven, apoiando actividades imprescindíbeis para mellorar a súa situación no ameto económico, político ou cultural, que decote están esquecidas ou non suficientemente incorporadas.

O último paso que ven de dar  Xulio Ríos é proba da súa capacidade de detectar o que compre facer en cada momento. É, ao mesmo tempo, un paso atrás e un paso adiante, consiste en saber retirarse e deixar que outros máis novos recollan a herdanza a vaian adaptándoa e mellorándoa. Poder afastarse discretamente sabendo que a súa obra continúa é un privilexio que só acadan os emprendedores eficaces, esas persoas física que son quen de plasmar o que foi gran parte da súa vida e obra nunha persoa xurídica, nunha organización que non estea condicionada pola transitoriedade da vida do fundador e permitir que continúe sen límite de idade.

Nunca é  fácil o deviñer dunha organización privada que quere apoiar á sociedade a ser máis culta, máis xusta, máis solidaria ou máis produtiva. Necesita unha demanda de servizos, por parte dos sectores público e privado,  que, no caso do IGADI, se conecta coa crecente presenza de Galiza no exterior, e que debe materializarse nunha recorrente aportación de recursos, a cambio de recibir eses servizos.  

A evolución do IGADI, a súa capacidade de crecer sendo útil á sociedade galega á que sirve, supón a permanencia no tempo das inquedanzas do seu fundador. Tamén é un sensor que nos axuda a medir o éxito do país para integrarse no mundo do século XXI, cando moitas referencias están cambiando como resultado dunha nova fase da Humanidade na que debemos preocuparnos por colaborar máis para evitar enfrontamentos perigosos,  garantir unhas condicións mínimas de existencia a todos e coidar o equilibrio ecolóxico dun planeta exhausto polos excesos dunha especie que ten presenza en todos os espazos dispoñíbeis.  Os galegos somos unha moi pequena parte desa Humanidade, pero, grazas a Xulio entre outros, estamos agora máis preparados para facermos aportacións positivas co noso selo particular. 

Sobre o autor: Enrique Sáez é economista e ensaísta. Foi Director Xeral do Banco Pastor. Escribíu entre outros “O Mundo e Nós” (1999) e “La Libertad en el Siglo XXI” (2019). Actualmente Presidente de Torres y Saez e da Fundación Juana de Vega. É membro do Consello Reitor do IGADI.