O “núcleo” e a propaganda

Días atrás déuseme por contar as veces que se citaba a Xi Jinping nun texto da axencia oficial chinesa: 28 veces en pouco máis de tres páxinas. E non é só o número senón o ton, sempre no medio de eloxios excesivos que soan a outra época. Poida que iso teña algunha efectividade en China -cousa que dubido- pero é seguro que provoca rubor, desconcerto e descrédito no exterior. A propaganda chinesa involuciona.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

Días atrás déuseme por contar as veces que se citaba a Xi Jinping nun texto da axencia oficial chinesa: 28 veces en pouco máis de tres páxinas. E non é só o número senón o ton, sempre no medio de eloxios excesivos que soan a outra época. Poida que iso teña algunha efectividade en China -cousa que dubido- pero é seguro que provoca rubor, desconcerto e descrédito no exterior. A propaganda chinesa involuciona.

Quen admiramos China, a súa xente e a súa cultura, quen recoñecemos o progreso que o país experimentou nas últimas décadas, quen podemos chegar a comprender certas singularidades da política chinesa, non saímos do asombro deste enrevesado xiro na propaganda oficial, en curso nos últimos tempos e agora diríase ata que progresivamente desbocada. Fraco favor estanlle facendo a Xi Jinping; a non ser que algúns pretendan destruír a súa credibilidade a base de elevalo ao desmedido ceo burocrático. 

O Xi visionario, o Xi que irradia luz como un sol incandescente, o Xi sempre ao pé do canón, o Xi máis sacrificado que ninguén, o Xi próximo á xente humilde, o Xi que acapara todos os focos, o Xi que todo o sabe e que todo o entende, etc. é un Xi artificioso. Poida que tal proceder, moi afastado da sofisticación que hoxe require a propaganda, unha arte maior, sexa do agrado de certas hostes en Zhongnanhai pero si o que buscan é efectividade, mellor comunicación co exterior, transmitir sinceridade, gañar simpatía, etc., si non cambian de estilo, van mal encamiñados. Moi mal. 
Probablemente Xi, como todo o seu equipo, pode facer gala de méritos (e deméritos) na súa xestión sen necesidade de recorrer a unha exaltación que destila unha adulación tan sosa como acrítica. Oxalá recuperen a sensatez.

A sociedade chinesa cambiou moito nos últimos tempos. A calquera con dous dedos de fronte esta operación esaxeradamente exaltadora débelle renxer nos oídos. Ata a quen por imperativo de obediencia xerárquica non lle queda máis remedio que recrearse nestes panexíricos sen sentido. Nin eles mesmos, probablemente, creranse o que escriben. Imaxino que estrañarán outros tempos máis normais, non tan afastados, nos que parecía gañar terreo o compromiso da información cunha realidade menos edulcorada.

Con Xi ata na sopa, non crean que a mensaxe dunha maior apertura ao exterior, dunha mellor e máis efectiva comunicación co mundo, vai chegar máis facilmente. Ao contrario, aumentará a preocupación polo rumbo político do país espertando inquietude onde antes había unha relativa empatía. 
Nas lianghui que agora se inician podemos asistir a un verdadeiro carnaval de epítetos garatuxeiros. Unha auténtica carreira de afagos desproporcionados. Expresións dunha lealdade mal entendida.
Terencio, o pensador romano, dicía “Calan: é gabanza suficiente”.