Cartaz da actividade da Universidade de Vigo

Vigo Noir, cidade ilustrada, debate en homenaxe a Domingo Villar no seu cabodano

O Vigo Noir, cidade ilustrada desenvolveuse no salón de actos do Edificio As Redeiras o pasado 18 de maio, cabodano do pasamento de Domingo Villar, nunha emotiva sesión que se pode ver aquí. Este acto concitou o interese de máis dun cento de asistentes e fixo pequena a nova sede da Universidade de Vigo na cidade.

O evento, organizado por José Montero Reguera, Iolanda Galanes e Blanca Miranda da Facultade de Filoloxía e Tradución, reuniu en torno á mesa a creadores/as de éxito como Pedro Feijoo, Manuel Forcadela e María Xosé Porteiro, en compaña do profesor da U. do Minho Xaquín Núñez Sabarís, premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019 e primeiro académico en acuñar a categoría Vigo Noir nos estudos literarios e culturais. Serviu tamén para render homenaxe a Domingo Villar, que encabeza ese Vigo Noir xurdido en torno á cidade como lugar literario das súas novelas policiais.

Foto Vigo Noir

O debate xirou en torno a Vigo, ao Vigo literario, ao Vigo Noir e á transmedialidade da literatura. Citouse a acta fundacional do Vigo Noir que Manuel Forcadela sitúa “Unha tarde de mediados dos oitenta, no café Tres Luces, xa desaparecido, Ramiro Fonte, escritor, Carlos Blanco, editor e mais un servidor, tomamos a decisión de establecer os alicerces de Vigo como espazo ficcional, nunha colección de novela negra para Edicións do Cumio, unha maneira sutil máis definitiva de restaurar a dignidade desta urbe. E non foi máis que a faísca que acendeu un lume que segue ardendo”.

Ese lume guía hoxe a obra das figuras convidadas e tamén a de Álex Alonso (premio Torrente Ballester 2020), Francisco Castro, Laura Caveiro, Ledicia Costas, Rodrigo Cota, Manuel Esteban (premio Xerais 2016), Elena Gallego Abad, Cándido Paniagua ou do multipremiado Domingo Villar, entre outros/as. Un elenco de boa narrativa que non deixa de medrar ano a ano e que permite transitar polas rúas de Vigo, na ollada de Mariña e Simón de Os Fillos do Lume, na de Toni Barreiro de Sangue sobre a neve ou pola Zona vella de Covardes, etc. e así descubrir na literatura unha nova cidade.

Houbo tempo tamén para unha reflexión máis fonda sobre o fenómeno Vigo Noir como elo de cohesión e motor de dignificación da cidade. Mais foi, sobre todo, unha sentida homenaxe a Domingo Villar cuxo inspector Leo Caldas internacionalizou ese Vigo negro, policial e criminal. Vigo é hoxe coñecido fóra polas traducións de Villar a español, italiano, inglés, francés, portugués e catalán, de grande éxito comercial, mais tamén traducido a polaco, neerlandés, checo ou sueco, no que é menos frecuente atopar obra literatura galega traducida e, aínda máis, que estas traducións leven premio, coma os recibidos por Villar.

A organización do acto amosouse moi satisfeita pola calorosa acollida deste evento público. Non faltou tampouco no encontro a lembranza á calidade humana de Villar, que contaxiou a público e participantes, como sinala a escritora María Xosé Porteiro, membro do Consello Reitor do IGADI, cando manifesta que este Vigo Noir, cidade ilustrada supuxo “conseguir algo luminoso arredor do ‘noir’, o que ten un aquel especial”.

Máis homenaxes veñan a Domingo, ao Vigo Noir, á literatura e á cidade!