Ano 2025. Dez de xuño. Xoves. O coronel Iván Voronych, oficial do Centro de Operacións Especiais Alfa do Servicio de Seguridade da Ucraína (SBU polas súas siglas en ucraíno), morreu tiroteado en Kiev a plena luz do día.
Segundo fontes ben informadas sobre o terreo, tan so tres días despois do asasinato, os presuntos autores, un home e unha muller, foron «eliminados» tras resistirse ao arresto. A operación foi coordinada persoalmente polo xefe da axencia especial, o tenente xeral Vasyl Malyuk. «Esta mañá, as forzas do SBU levaron a cabo unha operación de captura contra o grupo de axentes e combatentes do Servizo Federal de Seguridade de Rusia, que fora enviado previamente a Ucraína e que hai tres días asasinou a un oficial do SBU, o noso compañeiro de armas, o coronel Iván Voronych», manifestou Malyuk nun vídeo. «Quero lembrarlles que a única perspectiva do inimigo no territorio de Ucraína é a morte» advertiu.
Así as cousas, o 16 de xullo de 2025, o diario Kyiv Post informaba de que un grupo que empregaba o nome en inglés de «White Phoenix» (Fénix Branco) mediante un comunicado difundido a través da rede social virtual Telegram asumiu a autoría do asasinato do coronel Voronych: «Nos, a organización White Phoenix, estamos orgullosos dos nosos camaradas que están a limpar Ucraína da horda de sangue suxo. Esta acción é unha advertencia coidadosamente planificada para o réxime, sumido na corrupción, a arbitrariedade e o uso cínico dos sentimentos patrióticos da «raza branca» entre o pobo ucraíno».
A continuación engade: «A execución do coronel do SBU non é o final, senón só o principio. Continuaremos a nosa loita ata que se faga xustiza»
«White Phoenix» combina unha, canto menos pintoresca, mensaxe na que mestura un nacionalismo supremacista branco cunha sorte de respecto cara ao exército e a historia nacional ucraínos. Nas súas diatribas, na que emprega o idioma ucraíno, mostrase crítico coas ás autoridades do país, en particular co presidente Volodímir Zelenski, e as mobilizacións ordenadas por este que define como «zemovilización».
Como é común en organizacións deste tipo, tamén afirma que «Fondos estranxeiros, como a Fundación Soros e Rosa Luxemburg , financian as actividades de diversas organizacións públicas, cuxo obxectivo é difundir a ideoloxía de xénero…» sinalando que na Ucraína « idiotas ao mando, celebran Janucá [festividade xudea] e protexen a sodomitas»
O 18 de xullo de 2025, difundiron outro comunicado onde anunciaban «o inicio de accións activas contra os centros territoriais de recrutamento e apoio social (CTS) na Ucraína. Xa non podemos quedarnos de brazos cruzados ante o caos que xeran. A violencia, as detencións ilegais e a mobilización forzada son inaceptables nun estado de dereito».
Según The Guardian, «White Phoenix» é a facción na Ucraína de «The Base», unha organización fundada nos EUA no 2018 que se sustenta ideoloxicamente no aceleracionismo nacionalista branco militante. O aceleracionismo abarca un conxunto de teses revolucionarias de esquerda e dereita que avogan pola rápida aceleración do crecemento económico e tecnolóxico como parte dun proceso máis amplo de cambio social que, en última instancia, desestabilizará os sistemas sociais existentes para xerar transformacións radicais. Incita aos seus seguidores a comisión de todo tipo de actos violentos para explotar as divisións raciais e acelerar o colapso da sociedade occidental, permitindo así a formación de etnoestados brancos dirixidos por supremacistas brancos.
Seu creador foi Rinaldo Nazzaro. Nado en Nova Jersey, dirixiu unha empresa de seguridade nos EUA. Nizzaro dicía ter experiencia en intelixencia, contraterrorismo, contrainsurxencia e operacións psicolóxicas. En 2012 casou cunha muller rusa na cidade de Nova Iork mudándose en 2017 a San Petersburgo, na Federación Rusa, país do que obtivo a nacionalidade.
En abril de 2025, «The Base» chamou abertamente a perpetración de asasinatos selectivos e ataques contra a infraestrutura crítica de Ucraína.
Toda esta sinrazón dalle a razón, máis se cabe, as verbas do eterno Maiakovski «É fácil morrer. Construír a vida é moito máis difícil».

