A ameaza de alxerización en Exipto

Moito se ten dito xa sobre a (im)pertinencia do concepto "golpe de Estado democrático" en alusión ó derrocamento de Mohamed Morsi en Exipto. Para uns a sustracción manu militari da vontade do pobo expresada nas furnas. Para outros un mal necesario para a reconducción dunhas "primaveras árabes" deturpadas polo islamismo. Máis aló do debate, Morsi amousouse coma un político populista, sectario e inhabil para afrontar os desafíos ós que se enfronta o país. É certo que as dificultades eran grandes. A situación de partida nada envexable. E o tempo botouselle enriba. Pero nada impedía a Morsi intentalo. Alomenos iso. Quizáis se os exipcios albiscaran algún xesto, algunha iniciativa para a mellora do seu cotiá, teríanse amosado máis pacientes co barbudo presidente.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

A crispación erixíuse en dogma. Os Irmáns Musulmáns instigaron o repliegue comunitario e a polarización social, que derivaron en inseguridade, degradación da paz civil. As víctimas tamén foron o turismo, o clima de negocios e a inversión estranxeira. Outro descuido de Morsi foi crer que representaba á totalidade do país, sen ter en consideración ás forzas de oposición e minorías. Un autismo notorio durante a elaboración da Constitución, adubiado de arrogancia tras ampliar os seus poderes por decreto. Dado ós baños de masas, invocando sempre a "lexitimidade das furnas", nas oracións morsianas só a irmandade tiña cabida, decidida a colocar só ós seus nos postos clave da administración, reproducindo o comportamento do sistema chamado a extinguirse.

As protestas arreciaron. O seu punto álxido foi a multitudinaria manifestación do 30 de xuño. O exército, omnipresente desde 1952, deu o golpe de gracia a Morsi, inscribíndose o xeneral Abdel Fattah Al Sissi da tradición dos Nequib, Nasser, El Sadate, Moubarak e Tantaoui. Agroma un periodo de incertidume, inestabilidade e grandes riscos. O escenario ideal: un goberno de transición, outra carta magna e novas eleccións. Nembargantes o espectro alxerino planea sobre Exipto. A ameaza dunha escalada violenta capaz de dexenerar en guerra civil é real. Nun bando a institución castrense. No outro islamitas radicalizados secundadas por extremistas de todo o planeta. O país árabe máis poboado como novo campo de batalla da yihad global. E todos nós estamos concernidos.