Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 18 de Xullo de 2016 Mansilla Blanco

Golpes baixos

Un manifestante tenta evitar o paso dun tanque militar en Istambul. Fonte: El País

Non deixa de ser inquietante a confusión e as inevitables especulacións, non menos intrigantes, sobre o que realmente sucedeu en Turquía co inesperado intento de golpe militar do pasado 15 de xullo. Como tampouco é unha boa noticia para a súa democracia e sistema político que o goberno de Recep Tayyip Erdogan alimente as especulacións detrás do golpe, acusando prematuramente ao movemento Gülen e a unha trama exterior presuntamente enraizada en EUA, toda vez lanza unha represiva purga a todos os niveis que supera os 6.000 detidos. Sendo evidente a importancia estratéxica de Turquía, non deixa de ser inevitablemente preocupante observar cómo a súa deriva implica visualizar síntomas de inestabilidade e confusión tanto en Oriente Próximo como no inquietante espazo euroasiático.

A repetición ata a saciedade nos mass media occidentais, empeñada en explicar que detrás do intento de golpe está a tradicional dicotomía de polarización entre islamismo e laicismo, entre a Turquía kemalista e a Turquía islamita, en realidade non explica con total veracidade o que ten ocorrido. Como tampouco as especulacións, algunhas con certa lóxica, dun posible autogolpe de Erdogan para purgar os elementos díscolos e reforzar o seu poder, cada vez mais autoritario e absoluto. Ou ben dunha implicación de intereses exteriores, expectantes e decididos a reproducir en Turquía o pretorianismo militar instalado en Exipto tralo golpe militar de 2013 contra o islamismo político.

Para quen poida observar a actualidade turca desde que Erdogan e o partido islamita AKP alcanzaron o poder en 2003 poderá observar a proliferación de certas ambigüidades e incongruencias que dificultan realizar unha conclusión convincente sobre o que está sucedendo. En todo caso, o mais sensato sería observar unha sórdida loita intestina de poder en todos os niveis entre diversos actores ascendentes no contexto turco, e as implicacións que este escenario ten para os intereses exteriores, principalmente para Occidente por ser Turquía un país membro da OTAN. Tanto como iso debe observarse en qué medida a confusión turca sume de incertezas a un Oriente Próximo aletargado pola guerra siria.

Nin Erdogan nin o AKP ten acadado unha islamización radical nun país fortemente laicizado como Turquía, tal e como lle acusan os seus detractores, nin as relacións entre Erdogan e o poderoso estamento militar estaban tan deterioradas como para que unhas faccións golpistas, cuxo orixe son un misterio, tomaran a decisión de alzarse contra a súa presidencia. Como tampouco semella completamente convincente que o golpe turco tomara por sorpresa ao eixe “neoatlantista” deseñado en Washington en momentos en que a OTAN busca reconfigurar os seus intereses.

Por tanto, nestes trece anos de goberno do AKP pódense visualizar diversas fases, algunhas tensas e outras de maior cooptación, que definen as relacións entre Erdogan e os militares. A neutralización do excesivo poder político dos militares, herdanza do sistema kemalista e amparado constitucionalmente tralo golpe militar de 1980, ten sido unha tarefa estratéxica para Erdogan, pero cuxas consecuencias obviamente ían suscitar reaccións moi encontradas.

Desmantelar progresivamente o sistema kemalista suporía para Erdogan asentar un novo status quo co denominado “Estado Profundo”, esa rede de poderes establecidos durante ao calor do sistema kemalista do que os militares eran a principal cabeza. Toda vez, o AKP alcanzaba sucesivas vitorias electorais (lexislativas 2007 e 2011, reforma constitucional 2010, municipais e lexislativas 2015) que consolidaban unha hexemonía política só atribuída con anterioridade ao fundador da República turca, Mustafá Kemal Atatürk. A “nova Turquía” precisaba por tanto dun novo pacto.

Era claro que este novo status quo non ía resultar nun consenso perpetuo entre actores con intereses distintos e diametralmente diverxentes como Erdogan e os militares. Como tampouco o Erdogan de 2016 é o mesmo que o de 2003, aquel que impulsaba demandas autonomistas para o Curdistán dentro dunha batería lexislativa de dereitos humanos que se ampliaba na súa febril adopción inicial da practicamente desaparecida Alianza de Civilizacións. Tempos xa moi distantes nos que Erdogan era visto cunha mestura de mesurada simpatía e inquietude en Occidente, pero con incógnitas dentro do seu país.

Hoxe, a realpolitik motivada polo conflito sirio desde 2011, particularmente establecido pola posibilidade dun Curdistán independente de feito na fronteira sirio-turca e a ameaza do terrorismo xihadista do Estado Islámico, propicia unha reconfiguración das esferas de poder en Ankara e Istambul, propiciando a aparentemente inquebrantable deriva autoritaria e “sultanista” de Erdogan. Pero isto precisaba de acordar determinadas “liñas vermellas” entre o presidente islamita e o estamento militar. Un “matrimonio de conveniencia” plasmado en determinas decisións, como a ruptura de negociacións cos curdos (agosto de 2015), a renovación da alianza con Israel (suspendida desde 2011) e o retorno turco ao redil da UE e da OTAN, por mor da crise dos refuxiados, que levan o selo deste acordo de Erdogan cos mandos militares, igualmente “purgados” con anterioridade por elementos afectos ao presidente turco.

Pero as consecuencias desta realpolitik contradín claramente os postulados ata agora sostidos por un presidente turco cuxa política exterior ten acadado preocupantes ambigüidades. De amigo nos seus inicios do réxime sirio de Bashar al Asad (por factores mais ben enerxéticos) pasou a ser un dos seus peores inimigos por mor dunha xeopolítica “neotomana” que ambiciona unha Gran Turquía en Oriente Próximo, con intereses enerxéticos incluídos. De misteriosas relacións cos xihadistas do Estado Islámico, incluso dando tácito apoio loxístico toda vez se materializou a súa ruptura con Damasco, pasouse a sufrir as consecuencias do terrorismo xihadista en enmarcarse no plan occidental anti-EI para lavar a súa faciana. De manter nos seus inicios unha política exterior autónoma dos postulados atlantistas e distanciarse da UE, coqueteando con amigos de ruta como Rusia, China ou levemente Irán (pacto nuclear de 2010 con Brasil) pasou a volver aos postulados atlantistas, crise diplomática con Rusia mediante. De prometer unha paz no Curdistán a romper esas negociacións en aras de evitar un Curdistán sirio, mentres coquetea co Curdistán iraquí como socio enerxético.

Das ambigüidades de Erdogan e da súa necesidade de reconfigurar un novo status quo cos factores de poder en Ankara da conta a crise actual. Como tamén é probable que moitos dos opositores anti-Erdogan que se manifestaron en 2013 no parque Ghazi contra as súas políticas urbanísticas que denotaban as súas ambicións de poder sexan agora os que saíron as rúas a desafiar ás tanquetas militares golpistas, ironicamente apoiando a lexitimidade de Erdogan. Un exemplo claro de cómo ten cambiado Turquía baixo Erdogan e de cómo unha cultura política progresista e democrática tenta botar raíces nunha sociedade que quere romper cun pasado de militares no poder, pero que ironicamente observa a consolidación dun “neosultán” autoritario.

Dicía Stephen Kinzer, correspondente do New York Times en Turquía a finais da década de 1990, que o país euroasiático “podía ser un dos maiores éxitos do século XXI ou, polo contrario, un dos seus maiores fracasos”. O misterioso retorno do pantasma golpista en Turquía semella mais ben entrever a prosecución de loitas intestinas de poder entre os novos actores emerxentes e os xa establecidos receosos de verse marxinados neste novo status quo no que Erdogan busca perpetuar o seu absolutismo. E Occidente sordidamente expectante, agardando acontecementos para ver con quen establecer tamén ese novo status quo. O transfondo do enigma turco semella mais ben unha prolongación de golpes baixos e de ambicións desmesuradas con finais imprevistos.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais