galegas 2009 capa programa electoral PPdeG

A acción exterior nos programas electorais: PP

 Propostas para recargar Galicia; clic para aumentar
O programa do PP fai unha achega singular, discutible pero nova: a "Comunidade de Traballo" pasaría a ser unha especie de "Asamblea" singular que incluiría aos municipios do "Eixo Atlántico", universidades, patronais e sindicatos, etc, superando deste xeito as carencias da Rexión Norte. A recentemente creada "Agrupación Europea de Cooperación" converteríase no brazo executivo, o "goberno" da euroregión. [Foto: Capa do programa electoral do PP de Galicia].
 

É Galicia grande ou pequena? A única forma de contestar a esta pregunta é medir e comparar, pero ao noso debate político non lle gustan as cifras e prefire discutir de mitos e símbolos. De feito os números utilízanse como fetiches e, sen solución de continuidade, pasamos de considerarnos un país con salarios terceiromundistas a vernos como unha potencia turística ou eólica mundial.

O programa electoral do PP non escapa deste noso "vicio nacional" e, de cando en cando, escápanselle prexuízos que lastran os argumentos que defende. Na páxina 297 cualifica a área Galicia/Rexión Norte de Portugal como "micromercado" (sic) de 6 millóns de habitantes. Libia, Xordania, Serra Leona e Laos teñen entre seis millóns e seis millóns e medio de habitantes, Dinamarca ou Finlandia non chegan aos cinco millóns e medio, Irlanda apenas supera os catro, etc. O PP fai, como veremos deseguido, de Portugal a clave da Acción Exterior pero o redactor do programa sofre a nosa falta de referencias obxectivas e cae na minusvaloración.

Para o PP a cooperación transfronteiriza é o que nos dá "vantaxe competitiva non escenario europeo" e, como boa oposición, responsabiliza ao goberno de coalición de todos os erros destes anos, entre outros que o Secretariado Técnico dos fondos Interreg instalásese en Estremadura e non en Galicia. Non se trata de rebater aquí a exactitude desa afirmación, pero unha vez máis a tendencia ao drama esconde que Estremadura fixo de Portugal unha aposta estratéxica, fai moito tempo, e estase convertendo nun interlocutor privilexiado. Mentres aquí "con gobernos PP ou PSdG/BNG" seguíase pensando que a nosa proximidade lingüística e cultural liberábanos do traballo duro e constante.

O programa do PP fai unha achega singular, discutible pero nova: a "Comunidade de Traballo" pasaría a ser unha especie de "Asamblea" singular que incluiría aos municipios do "Eixo Atlántico", universidades, patronais e sindicatos, etc, superando deste xeito as carencias da Rexión Norte. A recentemente creada "Agrupación Europea de Cooperación" converteríase no brazo executivo, o "goberno" da euroregión.

Polo demais o PP volve considerar á emigración como un asunto de Servizos Sociais e pouco máis. Abandona, ata, a idea da circunscrición especial para a emigración como defendía no 2005 e só céntrase nas garantías de voto. Non queda moi claro se os populares queren ou non abrir "Delegacións oficiais" da Xunta no estranxeiro. A proposta queda pendente dunha "reflexión" que partiría de criterios tan obvios (v.g: habería que ter en conta as dispoñibilidades orzamentarias) que a deixa en mans da conxuntura política do momento. Se non se creasen as Delegacións o PP propón "dispor de persoal especializado nas Embaixadas de España". Aínda que é difícil imaxinar que servizos pode proporcionar esta especie de agregado que non forneza xa o actual sistema a un español ou á Xunta.