iran e entorno galego

A carta iraniana de Obama

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Mapa de Irán e o seu entorno; clic para aumentar
Tres obxectivos parecen xustificar este inédito enfoque de Obama: Afganistán, Iraq e a necesidade de reducir o nivel de enfrontamento causado polo pulso nuclear entre Teherán e Occidente, así como evitar a posibilidade dunha guerra aberta entre Israel e Irán. [Foto: Mapa de Irán e o seu entorno].
 

Non é casual o histórico ofrecemento do presidente estadounidense Barack Obama cara Irán, propiciando un “novo comezo” das relacións bilaterais suspendidas desde 1979. Este inédito xiro da diplomacia estadounidense tenta modificar o enfoque de Washington cara Teherán, evitando configurala dentro do polémico “eixe do mal” ideado por George W. Bush.

Durante a campaña electoral, Obama xa anunciou a súa disposición para “negociar” con Teherán, unha visión ampliada de cara aos novos imperativos xeopolíticos estadounidenses en Oriente Próximo e Asia Central. A visión de Obama coloca a Irán como eixe central dunha vasta estratexia de diplomacia multilateral que, desde diversas perspectivas, define escenarios de incerteza.

Tres obxectivos parecen xustificar este inédito enfoque de Obama: Afganistán, Iraq e a necesidade de reducir o nivel de enfrontamento causado polo pulso nuclear entre Teherán e Occidente, así como evitar a posibilidade dunha guerra aberta entre Israel e Irán.

Obama busca compromisos multilaterais en Afganistán que eviten un retorno de posicións de poder para os talibáns. Incluíndo a Rusia e China nesta estratexia, a comezos de marzo, a secretaria de Estado Hillary Clinton, enviou unha mensaxe ao presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad para que Teherán participe nunha conferencia multilateral sobre Afganistán, pautada para o próximo 30 de marzo.

Cooperar con EEUU e os seus aliados en Afganistán supón un punto de inflexión para que Teherán esvaeza o prolongado illamento occidental e as sancións exteriores, abrindo igualmente unha xanela de apertura cara a estabilización na veciña Iraq. Washington tamén observa como esencial a cooperación iraniana nun escenario post-belico en Iraq, precisamente ante o anuncio de retirada militar pautado por Obama para o 2010.

A participación de Teherán nun esforzo diplomático e político de estabilidade en Afganistán e Iraq dirixirá necesariamente a atención cara a situación do programa nuclear iraniano, en especial ante as posibles sancións occidentais. Se o papel iraniano como actor de estabilización en Afganistán e Iraq funciona, Teherán pedirá como contrapartida a Occidente unha maior marxe de manobra para alcanzar o seu obxectivo nuclear, unha demanda que pode contar co apoio de países como Rusia e China.

Consecuentemente, o novo papel de Irán para EEUU reflicte inmediatamente na reacción que terá en Israel, principal aliado de Washington en máximo rival iraniano en Oriente Próximo, especialmente agora que Tel Aviv conta cun goberno de ultradereita nas mans do primeiro ministro Benjamín Netanyahu e o seu polémico ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman.

Afondando un discurso belicista cara Teherán, o goberno de Netanyahu e Lieberman busca evitar o progresivo ascenso xeopolítico de Irán e os seus obxectivos nucleares, que modificarían o equilibro de forzas rexional. O temor israelí incrementase debido ao papel iraniano no seu apoio aos movementos islamitas Hizbulah e Hamas e a estreita relación de Teherán con Siria.

O novo goberno israelí deberá medir con cautela o ofrecemento diplomático de Obama a Irán, cuxa dura reacción en Teherán na boca do aiatolá Alí Khamenei deixa entrever diversas lecturas. O goberno iraniano quere medidas efectivas por parte de EEUU e o fin da súa alianza estratéxica con Israel. Para Obama, o escenario luce complexo, tomando en conta as históricas relacións estadounidenses con Israel e á influencia do poderoso lobby israelí en Washington.

Este “novo comezo” ofrecido por Obama a Irán tamén ten en vista a celebración das eleccións presidenciais iranianas o próximo 12 de xuño. Con Ahmadíneyad nunha situación económica complicada que afecta a súa popularidade, o sector reformista que conta co apoio occidental vese debilitado ante a retirada da candidatura do ex presidente Mohammed Khatami. Así, a carta iraniana de Obama ofrece escenarios inesperados para un complexo taboleiro xeopolítico.