A diferencia entre chechenos e kosovares

¿Cal é a diferencia entre os mortos causados polas bombas serbias no mercado de Saraievo e as ducias de corpos desfeitos polas rusas no de Grozni? ¿Onde está a distinción entre a limpeza étnica no Kosovo e o exterminio de civís en Chechenia? ¿Por qué os EE UU e os seus aliados na OTAN dedicaron múltiples esforzos e medios para deter a sanguenta represión serbia no Kosovo e manteñen o máis absoluto silencio sobre a brutal matanza de civís chechenos? ¿Cal é a sutil medida pola que podemos distinguir entre as masacres que obrigan a unha "intervención humanitaria" e aquelas que podemos ignoran sen sentirnos moralmente perversos? ¿Hai algunha relación entre a debilidade rusa ante o ataque da OTAN a Serbia e o silencio cómplice das potencias occidentais na segunda guerra de Chechenia que algúns, como o primeiro ministro Putin, mesmo interpretan como apoio?¿Son menos lexítimos os votos que elixiron a Milosevic que os que lle deron a presidencia a Boris Ieltsin?. A eufemisticamente denominada "comunidade internacional" debería xa comezar a dar resposta a algunha destas incógnitas.

Chechenia e Kosovo forman, ou formaban, parte de Estados legalmente constituídos. O país norcaúcasico é, ou era, un dos 89 suxeitos que constitúen a Federación Rusa, entre os que tiña o nivel máximo de recoñecemento ao ser considerada como república. O Kosovo unha provincia autónoma da República Federal Iugoslava, se ven esta foi desposuída da autonomía por Milosevic. Agora ben nin Chechenia nin o Kosovo se atopaban a gusto dentro das estructuras federais dos estados nas que están, ou estaban, integradas.

Boris Ieltsin é o primeiro presidente de Rusia elixido por sufraxio, ao igual que Milosevic. Os dous iniciaron accións armadas para rematar co que denominan "actos terroristas" de grupos armados de inspiración arredista e confesionalidade musulmán. Salvadas as distancias a semellanza entre a UÇK e os wahabíes de de Shámil Basáiev son evidentes. ¿Por qué os bombardeos rusos son comprendidos polo secretario de Estado adxunto, Strobe Talbott, xa que se enfrontan " a unha ameaza moi perigosa, o extremismo e o terrorismo", mentres a represión serbia no Kosovo foi merecente de múltiples iniciativas diplomáticas, conferencias pacificadoras e, finalmente, dun ataque desproporcionado e discutible tanto política como xuridicamente? ¿Onde están os pronunciamentos dos gobernos da Unión Europea, do Secretario Xeral da ONU ou dos intelectuais que gustan de xestos moralistas?

¿Qué pretende Rusia? ¿Qué lle pediu o goberno de Moscova ao presidente checheno Aslán Maskhádov?. Chechenia é moito máis pequena que Iugoslavia e ten 10 veces menos habitantes, non chega ao millón, para asustar ao "xigantesco oso ruso". A guerra de 1994-1996 provocou 80.000 mortos esta vai camiño de converterse nunha carnicería aínda maior. As ringleiras de refuxiados son semellantes as que vimos no Kosovo e ao igual que alí víctimas das bombas ao atravesar as pontes. Só que os primeiros dirixíanse cara Macedonia ou Montenegro onde podían ser recibidos con certas garantías e os chechenos camiñan cara Ingushetia, xa que as demais fronteiras están pechadas, e son demasiados para ser acollidos nas pobres casas dos ingushes.

As claves para comprender a intervención rusa en Chechenia pasan por Moscova. As estratexias de poder ante a proximidade das eleccións a Duma e das presidenciais son as que poden explicar as constantes negativas do Kremlin a dialogar co presidente Mashkádov baixo o pretexto de que non había nada que falar xa que, en palabras do elocuente xeneral ruso Ivachov, está é a "solución final", non debeu caer na conta de que esta expresión é a mesma que empregaron os nazis para se referir ao exterminio xudeu.

¿E o silencio occidental, como se entende?. Amais de non incomodar a Ieltsin, por que gorentan ambiciosos o múltiples beneficios que o petróleo e o gas do Cáucaso pode reportar a unha Unión Europea, que prepara a súa ampliación cara o Leste, necesitada destas enerxías que terían que pasar, cando menos en parte, por territorio checheno. En clave petrolífera poderíase entender tamén o estraño asasinato do primeiro ministro armenio, o caos xeorxiano e en xeral os conflictos dunha e outra beira do Cáucaso.

O presidente Maskhádov non foi capaz de impoñer a súa autoridade e tivo que enfrontarse ao seu rival Basáiev, quen derrotado nas eleccións seguiu recrutando milicianos co apoio de Arabia Saudita e outros países árabes. A ataque ruso pode unificar aos chechenos e Maskhádov, ex xeneral soviético ao igual que o fundador da Chechenia actual Iókar Dudáiev, sabe que nas beiras do Terek quedaron atascadas as tropas de moitos tsares, o Exercito Vermello e a Vehrmacht alemana. O mesmo pode pasarlle ao desesperado Boris e ao belicoso Putin.