A “orientalización” de Oriente Medio

É visible unha inevitable transformación do mapa xeopolítico de Oriente Medio. A década que transcorre entre a invasión unilateral comandada por EUA contra Iraq en 2003 e os escenarios abertos en 2013 derivados da post-Primavera árabe, con especial incidencia na crise siria, no golpe militar en Exipto e no retorno dos reformistas en Irán, deduce unha inédita reconfiguración de actores e intereses na rexión, cuxa principal consecuencia estase identificando nun súbito desprazamento das forzas tectónicas que tradicionalmente confeccionaron a xeopolítica rexional. Esta perspectiva enfócase na notoria perda de iniciativa e de influencia por parte de Occidente e, particularmente, de EUA, como o actor chave, incuestionable e preponderante na definición dos parámetros de actuación na rexión.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

É visible unha inevitable transformación do mapa xeopolítico de Oriente Medio. A década que transcorre entre a invasión unilateral comandada por EUA contra Iraq en 2003 e os escenarios abertos en 2013 derivados da post-Primavera árabe, con especial incidencia na crise siria, no golpe militar en Exipto e no retorno dos reformistas en Irán, deduce unha inédita reconfiguración de actores e intereses na rexión, cuxa principal consecuencia estase identificando nun súbito desprazamento das forzas tectónicas que tradicionalmente confeccionaron a xeopolítica rexional. Esta perspectiva enfócase na notoria perda de iniciativa e de influencia por parte de Occidente e, particularmente, de EUA, como o actor chave, incuestionable e preponderante na definición dos parámetros de actuación na rexión.

Este volátil equilibrio de actores en Oriente Medio, que eventualmente determina a confirmación dun inédito mapa xeopolítico rexional, implica a directa contraposición de intereses entre diversas potencias involucradas, especialmente EUA, Turquía e Arabia Saudita, así como doutros actores indirectamente inseridos como Israel, Irán e, en menor medida, Exipto.

Unha declaración que confirmaría esta percepción á luz dos acontecementos recentes en Oriente Próximo foi establecida polo ex embaixador estadounidense en Arabia Saudita, Chas Freeman Jr, quen declarou sen ambigüidades a mediados de outubro, durante unha conferencia en Washington, que “os estadounidenses xa non temos a capacidade de marcar tendencias en Oriente Próximo”. Freeman asegurou que “Medio Oriente ingresa nunha era de multipolariedade” onde “a maioría dos cambios son impulsados por forzas internas” e cuxa principal sinal de identificación está aparentemente establecido no feito de que “ningún goberno da rexión está hoxe disposto a confiar o seu futuro a estranxeiros(1).

A “furia” saudita

En principio, non deixa de ser casual que estas palabras eventualmente premonitorias viñeran precisamente dun ex diplomático estadounidense en Arabia Saudita. Nos recentes tempos, e particularmente dende a activación a mediados de 2012 dunha etapa que pode considerarse como a da post-Primavera árabe, as relacións entre EUA e Arabia Saudita entraron nunha fase de fricción e deterioro, exemplificadas nun feito inédito: a renuncia por parte de Riad ao seu posto rotatorio no Consello de Seguridade da ONU para os próximos dous anos.

Oficialmente, as razóns de Riad debéronse a que o reino saudita identificaría á ONU como un actor incapaz de resolver o conflito palestino-israelí así como da guerra interna que vive Siria desde comezos de 2011. Pero pode que sexan factores de calado xeopolítico os que maior influencia tiveron nesta inédita postura saudita.

Este xesto claramente inédito nas relacións saudi-estadounidenses foi interpretado dende Washington como unha “protesta” e un “desaire” contra o goberno de Barack Obama. Moi probablemente, esa ata agora inamovible alianza saudita con Washington puido alterarse trala aceptación estadounidense, en setembro pasado, do pacto con Rusia orientado a vixiar e paulatinamente eliminar para mediados de 2014, o arsenal químico en mans do réxime de Bashar al Asad en Damasco(2).

Este feito desarticulou as expectativas de Riad dun hipotético ataque unilateral estadounidense contra obxectivos militares leais ao réxime sirio, obstaculizando ó mesmo tempo os intereses sauditas en asestar a caída do réxime de Bashar al Asad e constituírse nun actor chave do futuro sirio. Precisamente, o escenario sirio tralo pacto ruso-estadounidense consolida as posibilidades de supervivencia do réxime de Bashar al Asad, un aspecto que igualmente reforzaría o peso rexional do seu aliado iraniano e que confirmaría o notorio fracaso da política estadounidense e saudita de propiciar a caída do réxime sirio.

Pero son igualmente importantes outros factores que empanan a relacións entre Washington e Riad. A pesar dun cómplice silencio que certificou a tácita aceptación estadounidense , o goberno de Obama denunciou “baixo a mesa” a represión contra a comunidade xiíta e as demandas de movementos democráticos no emirato de Bahrein (2011), represión amparada pola entrada de tropas sauditas a través do Consello de Cooperación do Golfo Pérsico. Neste sentido, Arabia Saudita utiliza este organismos para erixirse como a potencia rexional no Golfo, coa pretensión de conter calquera infiltración de Irán, o seu principal rival xeopolítico e militar no Golfo Pérsico, en especial de cara á pretendida influencia de Teherán nas comunidades xiítas existentes nos emiratos.

Precisamente, existe inquietude a nivel rexional co respecto á situación en Bahrein como epicentro dunha hipotética rebelión xiíta contra o autoritarismo e a preponderancia sunnita existente nos sistemas de poder dos emiratos do Golfo Pérsico. Incluso, en Arabia Saudita, Israel e o propio emirato de Bahrein observan con preocupación o recente achegamento entre EUA e Irán, cuxa influencia pode condicionar un período de inestabilidade neste emirato do Golfo(3).

Paralelamente, e se ben o golpe militar en Exipto contra o presidente islamita Mohammed Morsi (xullo 2013) e a posterior represión contra os islamitas, constituíu unha notoria ganancia xeopolítica para Arabia Saudita e Israel (escenario tacitamente apoiado por Washington), o goberno de Obama pretende non empanar a súa imaxe nesta fase da post-Primavera árabe a través do amparo das represións e golpes militares na rexión, amosando sutilmente a súa contrariedade con Riad.

Neste nebuloso escenario de pulsos e rivalidades, Arabia Saudita interpretou como un “desaire” a decisión de Obama de suspender subitamente unha serie de contratos militares co réxime militar exipcio comandado polo xeneral Abdel Fatah al-Sissi, o cal a súa vez recibe millonarias achegas económicas e ata militares por parte saudita.

Así e todo, no caso exipcio, Washington amosa unha serie de ambigüidades que complican e contrastan o escenario, tomando en conta que o golpe militar en Exipto igualmente serviu como catalizador de diversos intereses estratéxicos para EUA, así como para os seus tradicionais aliados Israel e Arabia Saudita. A comezos de novembro, o secretario de Estado, John Kerry, visitou O Cairo, no que se explica como a certificación de que Washington aposta polo réxime militar comandado por al-Sissi para dar curso a unha transición tutelada.

Neste sentido, a perspectiva de Washington (e tamén israelí) é observar un Exipto “domesticado”, sen capacidade autónoma de influencia nos asuntos da rexión. Precisamente, a pretensión saudita sería a de ocupar ese baleiro de liderado eventualmente desprazado por un Exipto sumido na inestabilidade, do mesmo xeito que a aposta saudita por “desaparecer do mapa” ao islamismo político liderado pola Irmandade Musulmá (así como dos seus aliados rexionais, en especial o Hizbulá libanés e o Hamás palestino) explica a pretensión de Riad por erixirse como un modelo referente para o mundo árabe e musulmán, a través da súa ideoloxía wahabbita.  

Ó mesmo tempo, e intensificando diversas contrariedades, o constante receo de Washington en apoiar aos rebeldes sirios explicábase polo apoio financeiro saudita a grupos yihadistas radicais sirios, aparentemente afiliados á rede islámica Al Qaeda en Siria e Iraq(4). Pero esta perspectiva de reforzamento saudita nunha eventual Siria post-Bashar a través do apoio de Riad a grupos yihadistas radicais suporía igualmente un risco estratéxico aínda maior para Washington, en especial no relativo á integridade de Israel, o principal aliado estadounidense na rexión.

Neste sentido, unha eventual tolerancia de Washington cara o apoio saudita aos yihadistas sirios implicaba alterar sensiblemente o equilibrio de forzas en Oriente Medio, especialmente porque abriría unha variante de tensión por parte de grupos radicais ferreamente contrarios á preservación de Israel, incrementando un escenario de tensións onde igualmente entran outros movementos islamitas como o Hizbulá, Hamas ou incluso a variante da Irmandade Musulmá en Siria.

Con todo, Washington bascula en diversas direccións para tentar diminuír a tensión con Riad. Tras visitar O Cairo a comezos de mes, Kerry viaxou inmediatamente a Riad ante a decisión saudita de apoiar a pretensión de Moscova de colocar unha base naval en Exipto que servira de abastecemento para o buque insignia ruso Varyag e o acorazado nuclear Pyotr Velik, ambos apostados no Pacífico(5). Isto reforzaría a presenza naval rusa no Mediterráneo, cuxo epicentro están precisamente na base militar de Tartus en Siria.

A discordia iraniana

Finalmente, o súbito cambio político en Irán intensifica os mutuos receos entre Arabia Saudita e EUA. A vitoria do clérigo reformista Hassan Rouhaní, poñendo fin á tensa etapa do seu antecesor Mahmud Ahmadíneyad (2005-2013) determinou un cambio de percepción nas relacións entre Washington e Teherán que provocaron inmediatas friccións e preocupacións nas xa deterioradas relacións estadounidenses con Riad.

A través da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), Washington revitalizou as momentaneamente suspendidas negociacións do programa nuclear iraniano. Incluso, o propio Obama “rompeu o xeo” cunha inédita e histórica conversa telefónica con Rouhaní, rebaixando o nivel de tensións nas relacións entre ambos países imperante desde o triunfo da Revolución islámica iraniana en 1979.

Esta inédita e non menos incerta distensión entre Washington e Teherán eventualmente alteraría o equilibrio xeopolítico saudita. O recente retiro de dous portaavións estadounidenses no Golfo Pérsico foi interpretado con nerviosismo en Arabia Saudita, así como amosou unha sinal de presunta “debilidade” por parte de Washington co respecto a Irán(6), cuxas consecuencias poderían traducirse nun desprazamento do equilibrio na rexión. Neste sentido, Arabia Saudita interpreta que Washington estaría outorgándolle un “balón de osíxeno” a Rouhaní que aparentemente reforzaría as expectativas de Irán de “suavizar” as súas relacións con Occidente.

Paralelamente, a distensión entre Washington e Teherán provocou un inédito e inmediato achegamento entre Arabia Saudita e Israel, países que non manteñen relacións oficiais pero que nos derradeiros tempos veñen colaborando no deseño de estratexias conxuntas en escenarios convulsos como Siria, Exipto, Palestina e Líbano.  Neste sentido, a comezos de outubro, medios israelís informaron que funcionarios sauditas e doutros emiratos do Golfo Pérsico visitaron Tel Aviv coa intención de coordinar estratexias de actuación tendentes a obstaculizar unha hipotética reconciliación entre Washington e Teherán(7)

Todos estes factores semellan gravitar no recente impasse nas relacións entre Riad e Washington. Tras anunciar a súa negativa de sentarse no período rotativo do Consello de Seguridade da ONU, o xefe dos servizos de intelixencia saudita, Bandar bin Sultán al Saud, asegurou ante diplomáticos europeos que esta decisión constituía “unha resposta contra EUA, non contra a ONU(8).

Este distanciamento entre Riad e Washington pode igualmente reconsiderar diversos aspectos relativos á cooperación militar na rexión, toda vez o propio Bandar bin Sultán al Saud chegou a declarar que o seu país estuda abrir a cooperación militar “con outras potencias que sirvan mais aos intereses sauditas”.  

Outro aspecto que pode influír na inquietude de Riad ten que ver coa inevitable sucesión de poder na monarquía saudita. A avanzada idade do monarca Abdalá e do seu sucesor oficial, o seu irmá Salman bin Abdelaziz, implica considerar unha serie de tensións e eventuais fracturas dentro do sistema de poder saudita.

Todo isto sen esquecer as tensións sociais emanadas do autoritarismo e da represión establecida pola monarquía saudita, das demandas de cambio político e dunha hipotética crise económica derivada da obsesión do réxime monárquico por establecer un gasto social expansivo que evite disturbios e inestabilidade. O propio FMI xa advertiu a Riad dun eventual déficit no seu orzamento para o 2014 de continuar con este política de “compra” da paz social(9).

A “rebelión” turca

Pero non é só a “furia” saudita o factor que identificaría esta súbita e hipotética  perda de poder de influencia e persuasión por parte de Washington en Oriente Medio. O xiro “autónomo” da política exterior turca desde 2009, en especial no relativo as friccións e tensións de Ankara cos seus tradicionais aliados estadounidense e israelí, dirime a incapacidade de Washington para reverter este inevitable proceso de reconfiguración de poderes e alianzas en Oriente Medio, onde a histórica capacidade de influencia e decisión occidental comeza a perder forza.

Exemplos neste sentido atopamos no achegamento entre dous históricos rivais en Oriente Medio como Turquía e Irán, unha relación que ven fortalecéndose desde 2010 incluso en materia de intelixencia militar(10). Paralelamente, a principios de outubro, Ankara anunciou un acordo de cooperación con China para albergar un sistema de defensa aéreo incompatible co equipamento utilizado pola OTAN nas súas bases militares en Turquía. Deste modo, este achegamento turco a Irán e China, así como en menor medida a Rusia, alteraría o control estratéxico da OTAN e de EUA no país euroasiático(11).

Se ben a realpolitik turca derivou no seu frontal apoio á caída do réxime de Bashar al Asad en Siria, facendo causa común cos intereses de EUA, Arabia Saudita e tanxencialmente Israel, o hipotético fortalecemento dun eixe turco-iraniano traduciría cambios estratéxicos de gran calado na xeopolítica de Oriente Próximo.

Incluso, este achegamento podería estar definido en obstaculizar calquera pretensión de creación dun Curdistán independente nas porosas fronteiras do “Curdistán histórico” entre o sueste de Turquía, o norte de Iraq, nordeste sirio e o noroeste de Irán, un proxecto que aparentemente contaría co beneplácito de EUA e Israel en aras de debilitar calquera potencialidade turca a nivel rexional.

A ata agora inalterable relación estratéxica entre Turquía e EUA está atravesando por momentos complexos dende que Erdogan e o islamita Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP) chegaron ao poder no 2002. Erdogan e o AKP abriron os canais dunha política exterior mais autónoma, menos dependente da orientación prooccidental establecida pola República turca desde tempos da “guerra fría”.

Tanto como as friccións con Washington e Tel Aviv, Erdogan abriu canles de relacións cos islamitas exipcios e palestinos. Pero as contrariedades da política igualmente aducen contrariedades e ambigüidades nesta aposta de Erdogan: o pacto ruso en Siria e o golpe militar en Exipto constitúen dúas derrotas xeopolíticas para Turquía, toda vez en Siria, Erdogan fai causa común cos intereses de EUA e Arabia Saudita mentres que en Exipto pulsou unha forte rivalidade con Riad ao apoiar a Morsi e os islamitas.

A miopía occidental e estadounidense para interpretar os incertos cambios en Oriente Medio explican porqué a rexión está apostando por alianzas autónomas e autóctonas, sen depender excesivamente das prioridades esóxenas. Estas complexidades nunha rexión inevitablemente mutante desde a asunción da Primavera árabe en 2011 certifica a perda de iniciativa occidental, confirmando igualmente a persuasión xeral dun notorio debilitamento da ata agora incontestable hexemonía estadounidense.

 

 



([1]) LOBE, Jim; “EEUU camina sobre hielo delgado en Medio Oriente”, Inter Press Service en Español, 23 de outubro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/10/eeuu-camina-sobre-hielo-delgado-en-medio-oriente/

([2]) “Riad airea su furia (y su impotencia)”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 864, 4 de novembro de 2013, páxina 5.

([3]) “El acercamiento entre EE.UU. e Irán tensa la situación en Bahrein”. Ver en: http://www.laproximaguerra.com/2013/10/acercamiento-entre-eeuu-e-iran-tensa-situacion-en-bahrein.html

 

([4]) “EEUU camina sobre hielo delgado en Medio Oriente”, op.cit.

([5]) “Arabia Saudita continúa su desafío a EE.UU. propiciando la petición de Rusia a Egipto de una base militar en su territorio”. Ver en: http://www.laproximaguerra.com/2013/11/arabia-saudita-continua-desafio-a-eeuu-propicia-base-militar-rusia-en-egipto.html.

 

([6]) “Riad aire su furia (y su impotencia)”, op.cit.

([7]) “Israel y Arabia Saudita coordinan sus movimientos para contrarrestar el acercamiento de EE.UU. a Irán”. Ver en: http://www.laproximaguerra.com/2013/10/israel-y-arabia-saudita-coordinan-sus-movimientos-contrarrestar-acercamiento-eeuu-iran.html

([8]) “EEUU camina sobre hielo delgado en Medio Oriente”, op.cit.

([9]) “Riad aire su furia (y su impotencia)”, op.cit.

([10]) A mediados de outubro, o xornalista estadounidense David Ignatius revelou na súa columna en The Washington Post que o xefe de intelixencia turco revelou a Teherán a identidade de dez axentes iranianos que realizaban espionaxe a favor de Israel. Aínda que o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan negou esta información, en Washington aumentan as percepcións que que Turquía e Irán están formalizando unha especie de alianza rexional, un aspecto que igualmente podería explicar a reacción de Obama por iniciar unha distensión con Teherán, unha vez o reformista Rouhaní gañara as eleccións presidenciais.

([11]) MANSILLA BLANCO, Roberto; “Neotomanismo turco e realpolitik”, IGADI, 11 de outubro de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/neotomanismo-turco-e-realpolitik. Consultar igualmente: “EEUU camina sobre hielo delgado en Medio Oriente”, op.cit.