Afganistán complícase

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

A ONU alertou do incremento dos ataques talibáns ás forzas ocupantes, en especial no sur do país. Entre os máis coñecidos está o da base de Bagram, ao norte de Kabul, unha das máis fortificadas. E tamén de moito simbolismo, pois nesa localidade está a máis sinistra prisión de Afganistán.

O incremento é tal que as propias autoridades de ocupación o cifran nun 94 por 100 nos primeiros catro meses deste ano. E cren que ese incremento é unha resposta á escalada nas operacións militares ao sur do país no primeiro trimestre de 2010, expresamente ordenadas por Barack Obama.

Pero, á par,  descubriuse (ou fíxose público o que xa se coñecía dende os tempos da ocupación rusa) que Afganistán ten as maiores reservas do mundo de certos minerais tan escasos como imprescindibles, o litio entre eles,  feito que, case seguro, vai reorientar  as actividades militares dos ocupantes.

O primeiro que estes dixeron é que os afgáns non están tecnicamente en condicións para explotaren esa fabulosa riqueza. Ou sexa, que necesitarán da tutela dos ocupantes, que xenerosamente (e sen que ninguén lla pida) lles van conceder. É dicir, que os afgáns van ter máis tutela da que xa tiñan.

Diante desa realidade ben complexa -sen esquecer tampouco que haberá que coidar moito de que China non interveña no negocio- ¿van saír do país en 2011 as tropas ocupantes? Claro que non. Agora hai máis razóns para que a ocupación siga e a tutela continúe. Ou sexa, para que Afganistán sexa unha verdadeira colonia do Imperio. Que ninguén o poña en dúbida.