Agostos rusos

Rematou o mes das vacacións por excelencia. En Rusia estiveron de aniversario. Hai dez anos, un grupo de dirixentes soviéticos intentaron un golpe de man. Fracasaron. Ieltsin subiuse ao carro do poder e, por decembro, a URSS desapareceu. Poucos o quixeron lembrar. Ninguén se acordou do outro agosto ruso, o de 1998 cando se esborrallou a indecente xestión económica do período Ieltsin. Dous acontecementos cruciais que marcaron a última década.

O 19 de agosto de 1991 o Comité Estatal do Estado de Excepción destituíu a M. Gorbachov por "motivos de saúde". O propósito do golpe era impedir a firma do novo Tratado da Unión e asi salvar a URSS; o resultado, a desintegración soviética, a eliminación política de Gorbachov e o absolutismo dexenerado de Ieltsin. Dez anos despois, un cento de persoas, entre os que non se atopaba ningún dirixente político, reuníronse diante da Casa Branca para celebrar a data.

Ninguén quere lembrar aqueles días que tanta ilusión espertaran. Mesmo foron escasos os medios de comunicación que lembraron a data. Algunha que outra entrevista (Ianaev, vicepresidente de Gorbachov a quen substituíu durante aqueles tres días, ou Kriuchov, entón xefe do KGB e hoxe asesor financeiro e presidencial) e pouco máis. As enquisas constatan a decepción: un 36% non se lembra daqueles días, un 25% di que as cousas terían ido mellor cos golpistas e só un 20% apoian a posición de Ieltsin.

O segundo aniversario a celebrar, do cal xa ninguén falou, foi a crise financeira que estourou en agosto de 1998 e deixou ao descuberto a voluble e inconsistente xestión económica de Ieltsin, quen se mantería no poder dous anos máis pero xa sen capacidade de decisión exercida dende aquela pola "Familia". Sería este grupo de persoas quen rematou por designar ao seu sucesor, V. Putin, despois de asegurarse a inmunidade para eles e o ex presidente.

Si as consecuencias do golpe de 91 son xa historia, as da crise do 98 están aínda por vir. Daquela suspendeuse durante cinco anos o reembolso das obrigacións do Estado. O 2003 está a volta da esquina.