angola mapa 2004

Angola: eleccións para a esperanza

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Mapa de Angola; clic para aumentar
Angola é rica e ten demostrado que cando se lle deixa e reúne a vontade necesaria, pode facer grandes cousas. O país ten petróleo, diamantes, auga, boas condicións para a agricultura… (Foto: Mapa de Angola. Fonte ONU 2004).
 

Angola e o Brasil son, con certeza, os dous países máis promisorios entre todos os que teñen o galego-portugués como lingua oficial, estando o africano chamado a ter un papel fundamental, mesmo de lideranza, nas institucións mundiais, continentais e rexionais.

O certo é que o Estado subsariano non tivo as cousas fáciles desde practicamente o seu descubrimento polos occidentais. Primeiro, fornecedora extraordinaria de man de obra escrava para o continente americano; despois, colonia explotada con criterios pouco atentos ás necesidades da populación local; posteriormente, campo de batalla durante 27 anos, desde 1975 a 2002, inicialmente reflectindo e traducindo explicitamente as tensións das potencias da guerra fría, e despois continuando mercé do financiamento que posibilitaban petróleo e diamantes a dous bandos cuxa reconciliación parecía complexa ou imposíbel, até que un dos seus líderes, Jonas Savimbi, foi morto; finalmente, enganada polas principais potencias occidentais, que lle tiñan prometido unha conferencia internacional, para se recabaren fondos para a reconstrución do país, que non chegou a ter lugar.

Mais Angola é rica e ten demostrado que cando se lle deixa e reúne a vontade necesaria, pode facer grandes cousas. O país ten petróleo, diamantes, auga, boas condicións para a agricultura, etc. A reinserción dos ex-combatentes parece ter sido ben sucedida; o país creceu a un ritmo de dous díxitos desde o fin da guerra, con excepción do ano 2003; os datos macroeconómicos son internacionalmente loubados de modo reiterado; todo o territorio está a beneficiarse dun notábel esforzo para a recuperación de infraestruturas, unha das grandes prioridades do goberno, sen dúbida paso necesario para se avanzar máis no desenvolvemento.

Hai quen critique, e con razón, que o obscurantismo en relación á xestión gobernamental é aínda un trazo indesexabelmente visíbel, que o investimento social é inferior ao necesario, que a aposta no petróleo como recurso estratéxico estatal xera pouco emprego.

Mais probabelmente o máis grave problema que moitos viamos até aquí era a inexistencia de eleccións desde 1992. É necesario que o MPLA, no goberno desde o fin da guerra civil, submeta a súa xestión e a súa axenda de prioridades para o país ao xuízo popular, que concorra con outras opcións, con outras propostas; que a cidadanía se sinta partícipe desa axenda, que sinta que pode fiscalizar a acción de goberno, e que a clase política sinta que debe ofrecer solucións eficaces aos problemas e render contas, a risco de, en caso contrario, satisfacer menos á cidadanía e perder o poder.

Esperemos, pois, que as eleccións lexislativas previstas para setembro deste ano, e as presidencias axendadas para o 2009 teñan lugar, por fin, e que decorran do modo máis limpo posíbel. Un resultado contrario aos intereses da UNITA cabe pensar que sería ben asumido, levando en conta que aceptaron o seu papel de opositores durante estes anos. Máis difícil é prever o que podería acontecer nunha eventual derrota do MPLA, que non coñece o que é ficar fóra do poder. Confiemos que a aínda recente experiencia da guerra civil esconxure eventuais tentacións violentas e que o proceso electoral sirva para aprofundar a estabilidade do país e mellorar o seu funcionamento político-institucional. Moito é o que este país pode ofrecer ao mundo.