Angola, ser pobre por ser rico

Nos últimos tempos, se hai un país africano que, sen dúbida, ven pisando forte na estrutura económica mundial (deixando de lado a África do Sur que sempre gozou dun grande desenvolvemento e progreso) e que cada vez está a medrar máis, esa é a República de Angola, quen actualmente ostenta o mérito de se-lo 2º maior produtor de petróleo de África (só superado pola Nixeria), sector que atinxe máis de dous terzos do PIB do territorio e un estreito amigo da puxante República Popular China (hospitais, escolas, vivendas…, a China agora mesmo está a enviar un amplo continxente de traballadores para que lle dean pulo ás infraestruturas do país). (1)

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

Nos últimos tempos, se hai un país africano que, sen dúbida, ven pisando forte na estrutura económica mundial (deixando de lado a África do Sur que sempre gozou dun grande desenvolvemento e progreso) e que cada vez está a medrar máis, esa é a República de Angola, quen actualmente ostenta o mérito de se-lo 2º maior produtor de petróleo de África (só superado pola Nixeria), sector que atinxe máis de dous terzos do PIB do territorio e un estreito amigo da puxante República Popular China (hospitais, escolas, vivendas…, a China agora mesmo está a enviar un amplo continxente de traballadores para que lle dean pulo ás infraestruturas do país). (1)

En relación á súa estrutura económica, ao longo da historia, os analistas económicos levan observado un fenómeno que vense repetindo de xeito reiterado naqueles países especialmente ricos en materia de recursos. É o feito de que a pesares da súa riqueza interior, iso non se traduce en riqueza social e modernización económica, algo co que plenamente se identifica Angola.

É o que se ven a denominar o “mal holandés”. Cando un país consegue facer atractivo un recurso no mercado (o petróleo), de súpeto producirase unha entrada masiva de capital no país, pero se só se centra na importación non terá repercusión ningunha na estrutura da sociedade.

E isto adoita incidir, sobre todo, na África petroleira, onde normalmente, en comparación cos países sen recursos, localízanse maiores taxas de desnutrición e analfabetismo.

Isto en parte débese a que o do petróleo é un sector que precisa de cualificación e ademais está sometido a unha grande volatilidade nos mercados, o que incide sempre sobre a poboación máis desfavorecida. E dado que a súa explotación adoita concentrarse de xeito sistémico en maos duns poucos individuos, as súas ganancias tenden a ser desviadas.

Así mesmo, como o cru chega directamente aos petos dos caudillos da rexión, os gobernos non se ven na necesidade de aumenta-los ingresos a través de impostos. Polo tanto, non ten interese ningún en desenvolve-los demais sectores económicos.

Así, o país centra a súa maquinaria produtiva e especialízase nun só sector, o cal da lugar a que o capital que flúe polo país acabe nunhas poucas maos, xa que o resto de sectores non se potencian o que deturpa as variábeis económicas e propicia que a poboación que se sitúa á marxe dese sector fique abocada á marxinalidade e á subsistencia.

Un exemplo manifesto desta situación é Luanda, a capital do país. O boom do petróleo significou que entre os bancos, as construtoras imobiliárias e China leven á cidade ao dubidoso mérito de se-la cidade máis cara do mundo (2), xerando isto unha convivencia histriónica entre a extrema pobreza e a opulencia. Todo é caro, todo é importado.

Na altura, o país atópase nun proceso de reconstrución debido a que debeu deixar atrás unha nefasta herdanza colonial portuguesa entroncada cunha feroz guerra civil que desangrou ao país internamente até fai escasos 10 anos cun regueiro de até 1,5 millóns de vítimas mortais. Arestora, o país trata de erguerse e comeza a tornarse atractivo para os mercados enerxéticos globais o que vense facendo notábel nos últimos tempos mesmo co seu ingreso no organigrama da OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo).

Algo normal tendo en conta que nos últimos tempos o seu PIB leva experimentado un crecemento exponencial, como ben o ilustra o feito de que no ano 2006 se incrementase até nun 26%, suavizándose esta cifra no 2011 até o 9% (3), cifra que, no entanto, non é nada depreciábel tendo en conta a situación económica global de profunda recesión e contracción dos mercados.

Porén, a pesares do que trabucadamente a xente cre, tradicionalmente, estar en posesión de recursos naturais estratéxicos non se leva traducido nun verdadeiro desenvolvemento económico e do benestar humano. As institucións só se centran en incrementala explotación e a exportación de materias primas, sen reparar no indispensábel proceso de industrialización nacional, co que iso finalmente non repercutirá no interior do país ao non inverter eses rendementos de capital en milloralas condicións de vida do pobo ou en modernizar as estruturas produtivas.

Así é como, ao igual que en case tódalas nacións que posúen as súas mesmas características internas, a historia repítese: canto máis abundantes son as túas riquezas naturais, máis abundante será tamén a pobreza e a desigualdade social entre a poboación. Así é que abundancia da natureza non se traduce en abundancia e desafogo económico, senón que máis ben é unha condena a render un labor de servilismo aos grandes centros do poder económico e empresarial.

Soamente tiran proveito desta situación vantaxosa aquelas elites que detentan a posesión dos medios de produción en base a prácticas corruptas clientelares que lles aseguran inxentes beneficios. As todopoderosas multinacionais, armadas coa tecnoloxía e o sacrosanto capital, non teñen outra finalidade que a rapiña indiscriminada de recursos para o seu propio lucro, impedindo, de xeito consumado, un desenvolvemento pleno destes países.

Polo tanto, hoxe, Angola vive en paz e é un país próspero, mas os seus moradores seguen arrastrando coma unha pesada lousa as secuelas dunha longa historia marcada pola violencia e a escravitude. De aí a súa endémica situación de pobreza e miseria que padece a meirande parte da súa poboación.

Outro caso a destacar tamén é o do estratéxico enclave de Cabinda, separado do país pola República Democrática do Congo, onde se extrae o 60% do petróleo total do país. Alá, a paz social aínda segue sendo unha quimera e o goberno de Luanda segue a combater ao FLEC (Fronte de Libertaçao do Enclave de Cabinda), organización político-militar de corte independentista que leva alzada en armas desde 1975.

Nos últimos tempos, organizacións como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch (4) teñen alertado sobre os continuos homicidios, represión ás liberdades civís e políticas, violacións ou encarceramento de presos políticos que o executivo angolano leva a cabo na zona, algo que supoñemos debe notarse de xeito máis acusado desde que Angola ratificou o seu proceso de paz e non tivo impedimento algún en destinar a todo o seu persoal militar a esa zona.

Así pois, esta inmensa nación posúe toda unha amalgama de recursos ben saborosos para os mercados: desde petróleo, diamantes, ouro, gas….. até produtos máis básicos como o café, o algodón ou uns bos caladoiros onde pescar grande variedade de especies.

Desgraciadamente, isto non se traduce en equidade e a diferenza económica entre ricos e pobres estase retroalimentando a grande velocidade. Case non existe a nivel interno un termo medio: ou xogas na liga da extrema pobreza ou ben xogas na da cobiza opulenta.

No plano interno, dáse o paradoxo de que o país é un dos menos desenvolvidos do mundo (5), xa que as súas carencias sociais son abismais. Estímase que arredor do 54% da poboación sitúase por baixo do limiar da pobreza (se ben até os últimos compases do conflito bélico estimábase nun 70%, e nas crianzas, até un 45% padece de desnutrición crónica ), as taxas de mortalidade infantil superan os máis de 150 cativos mortos por cada 1000 nacementos, a taxa de incidencia do VIH e outras patoloxías malignas son moi pronunciadas e mesmo a esperanza de vida só se achega aos 50 anos.

Nin que dicir ten, por outro lado, que as  infraestruturas case son testemuñais: as estradas, edificios, escolas, alumado público, redes de abastecemento de auga…, ficaron verdadeiramente estragadas durante a época bélica. Ata que toda esta serie de servizos non se bote a andar, dificilmente o pobo poderá saír da indixencia. Algo que non será doado de acadar xa que a nación angolana tamén precisa importar coñecementos técnicos e materiais de construción. Todo isto déixao nunha situación de clara inferioridade.

Ata agora, as persoas van sobrevivindo, sobre todo, da economía de subsistencia, cuns piares fundamentais centrados nas actividades vinculadas ao sector primario, dos que se estima que a meirande parte da poboación tira proveito. Porén, fóra do medio rural, esta situación non é tan satisfactoria e prodúcese unha verdadeira escaseza de produtos básicos (arredor de só un 5% das terras do país son cultivábeis, o resto están inzadas de minas anti-persoa) o que encarece a vida e, ao mesmo tempo, condena de xeito inevitábel á institucionalización da figura da fame no país. Arredor dun 30% da poboación activa está desocupada.

Atendendo ás indicacións da ONU, case 4 de cada 10 familias padece graves problemas en materia de saúde e alimentación; outras 3 situaríanse xusto por riba dos baremos da pobreza; e outras dúas formarían a que se concibe como incipiente clase media, aquela que actualmente proporciona unha precaria estabilidade política e económica ao país. O 10% restante sería a clase acomodada, normalmente vinculada ás estruturas de poder económico e á clase dirixente e cadros militares do país.
Todo isto pon de manifesto que as rendas do petróleo non se traducen nunha mellora da calidade de vida nin nun incremento do poder adquisitivo e iso que os principais organismos que comercian este combustíbel estiman que no 2020 o país acade unha produción de 2 millóns de barrís diarios aproximadamente.

De xeito ben marcado, o poderoso lastre que atenaza o empoderamento da sociedade angolana é a corrupción. Sen ir máis lonxe, a axencia Transparency International cualificou ao país como “moi corrupto” no 2011, outorgándolle a posición nº168 nun ránking de 182 países e cunha puntuación de 2 sobre 10 (6), tan só mellorando a nota de países coma Afganistán, Somalia, Iraq ou Myanmar. O organismo apunta sobre Angola que posúe un feble goberno e uns niveis de corrupción desbordados que orixinan un sistema de servilismo acentuado aos centros de poder (7).

Para atopar moitas das respostas ao porqué desta situación non hai que fedellar en demasía para atopalas. Tan só hai que botarlle un ollo á figura do presidente "Zédu" e á da súa filla Isabel, quen levan tecido ao longo de décadas unha especie de "dinastía capitalista", na que os recursos do país pertencen ao Estado e este á súa vez réndelle vasalaxe á todopoderosa SONANGOL (Sociedade Nacional de Combustíveis de Angola), cuns cabezas visíbeis que teñen algún tipo de vínculo fraternal coa familia dos Santos (mesmo rumoréase que o seu fillo Zenú postúlase para a sucesión no poder).

Desta maneira, as empresas privadas do país, na maioría dos casos responden aos intereses da familia dos Santos, a cal "auto-concédese" contratos co Estado Angolano, cos incontábeis beneficios que iso lle reporta.

Dos Santos é un home ben intelixente, dos que por diante non lle pon mala cara a ninguén e que non escatima esforzos en ter "atencións" en forma de esmola con tódalas tribos que integran o país, para desta forma mantelas tranquilas e sen que ameacen a súa omnipresente figura. É consciente de que a través do clientelismo consegue tapar tódolos seus excesos derivados da corrupción administrativa e da desviación indebida de bens patrios.

En definitiva, Angola é un país en plena efervescencia expansiva que trata de buscalo seu oco no mundo, pero que até agora non foi quen de afianzarse debido á súa galopante corrupción (está no club das 15 nacións máis trampulleiras do mundo) e ás infames condicións de vida do seu pobo.

Por iso, tres deben selas claves que marquen o devir do país: Desenvolvemento Social, Construción de Infraestruturas de Servizos e Redistribución da Riqueza en substitución das tres que agora mesmo monopolizan a vida dos seus habitantes: o Futungo (a presidencia), o exército e a SONANGOL.

Cómpre pular porque os beneficios adquiridos a través da explotación dos recursos naturais repercutan na calidade de vida e o benestar do pobo, sen descoidar nin deixar de lado o pleno fortalecemento das institucións democráticas coas que xerar un Estado forte, plural e transparente, xa que como ben é sabido, o petróleo e os seus derivados só son materia non renovábel que hoxe está presente e só reporta desmesurados beneficios, mas mañá, se deixa de ser unha realidade, pode que non haxa nada máis que eidos cheos de despoxos. 

 

Notas:


(1) Ademais, é de destacar que a China nos últimos tempos venlle concedendo créditos de grandes cifras usando o petróleo como aval. Todo un negocio, petróleo barato e en cantidades industriais. De feito, intúese que hoxe Angola subministra 1/5 do petróleo total que China demanda fóra das súas fronteiras, o que converte a Angola no seu principal subministrador de cru e nun poderoso aliado. A ciencia certa, China concibe a Angola como un país xeo-estratéxicamnete clave para a preservación da súa seguridade, en termos enerxéticos claro está, e para alimentalo seu crecemento.

(2) Pódese consultar unha boa reportaxe sobre este curioso fenómeno en: (http://www.periodistadigital.com/economia/instituciones/2012/02/02/ciudad-mas-cara-planeta-tercer-mundo-luanda-angola-precio.shtml)

(3) Todo estes indicadores económicos están dispoñíbeis na web do Banco Nacional de Angola:(http://www.bna.ao/Conteudos/Artigos/detalhe_artigo.aspx?idc=841&idsc=950&idl=1)

(4) Información tirada do web do organismo: (http://www.hrw.org/news/2009/06/22/angola-stop-military-abuses-cabinda)

(5) Segundo os Informes sobre Desenvolvemento Humano elaborados polo PNUD, a súa cualificación actual é de 0.486, lonxe do 0.682 que estipula a media mundial. Así mesmo sitúase no posto 148 nunha lista de 187 países: (http://hdrstats.undp.org/es/paises/perfiles/AGO.html)

(6) Información tirada do web do organismo: (http://cpi.transparency.org/cpi2011/results/)

(7) O informe completo  pódese consultar a través da rede:(http://www.u4.no/publications/overview-of-corruption-and-anti-corruption-in-angola/)