Resulta oportuno observar con atención o inédito e crecente protagonismo do emirato de Qatar como relevante actor diplomático, político e incluso militar no contexto rexional entre Oriente Próximo, o Golfo Pérsico e Asia Central. Un papel que, non obstante, non deixa de reflectir importantes contradicións.
Beneficiado pola súa elevada riqueza en reservas de petróleo e gas natural (consideradas as segundas a nivel mundial) que lle outorgan unha indubidable proxección económica, así como un peso informativo clave ao albergar a sede da cadea árabe Al Jazeera, o diminuto reino do emir Hamid bin Khalifa al Thani (no poder desde 1995) ven adiantando unha activa diplomacia rexional que, a todas luces, contén o beneplácito por parte dos seus aliados occidentais, particularmente EUA, así como relativamente por parte doutras potencias rexionais como Arabia Saudita.
Un inesperado líder rexional
Por tomar algúns exemplos, Qatar comeza converterse nun relevante mediador de conflitos, como foi no caso da crise política no Líbano en 2008(), posibilitando un Acordo na súa capital Doha para afianzar un goberno de coalición en Beirut baixo a presidencia do xeneral Michael Suleiman. Así e todo, a mediación qatarí posibilitou a súa inserción na economía libanesa, a través de importantes contratos e investimentos.
Outro aspecto ten que ver coa aproximación entre Qatar e Irán, a través dun acordo de cooperación militar subscrito en 2010, con claras pretensións de equilibrar e evitar unha escalada de tensión entre Teherán, Arabia Saudita e EUA, que involucrara unha carreira de armamentos no Golfo Pérsico. Máis recentemente, o pasado 8 de febreiro de 2012, Doha albergou as negociacións para un acordo de unidade na Autoridade Nacional Palestina, entre o partido laico Al Fatah e o islamita Hamas().
Paralelamente, Doha alberga unha oficina exterior de representación dos Talibán afganos, unha condición que lle outorga ao emirato un relevante papel no conflito do país centroasiático contando co obvio apoio de Washington e da OTAN. Moi probablemente coa implicación da cadea Al Jazeera, en diversos círculos políticos e informativos árabes e occidentais se considera que o emir al Thani mantén canais segredos de comunicación con Taleb Agha, representante do mulá Omar, principal líder talibán().
Ao mesmo tempo, Doha tamén alberga unha oficina de negocios e representación de Israel, o cal evidencia un achegamento entre Doha e Tel Aviv, moi seguramente propiciado dende Washington. En 2010, e aducindo da ameaza militar iraniana, Qatar investiu sumas astronómicas no seu arsenal militar defensivo, recibindo contratos coa industria de armas estadounidense que incluíu F-15, Blackhawks e Boeing Apache. Estes contratos estiveron supeditados ao apoio do lobby israelí en Washington, baixo a presunción de que non ameazaran a supremacía tecnolóxica militar israelí na rexión()
Dobre vara de medir ante a rebelión árabe
Caso contraditorio ten que ver a posición qatarí no marco das rebelións políticas actualmente existentes no mundo árabe. Qatar aparece aparentemente inmune aos cambios, manifestado pola hexemonía da monarquía nun sistema político que reflicte unha notable falta de liberdades e dereitos políticos.
Publicamente, o emir al Thani apoiou os procesos de cambio en Tunisia, Exipto e Iemen, incluso ofrecendo mediación (no caso iemenita) e financiando aos movementos islamitas Ennhada en Tunisia e aos Irmáns Musulmáns exipcios. No caso de Libia, Qatar foi a primeira nación árabe en unirse á operación militar da OTAN contra o extinto réxime de Gadafi.
Non obstante, o emirato qatarí apoiou a represión no veciño emirato de Bahrein contra os manifestantes opositores, de maioría xiíta, a través da súa implicación con envío de tropas militares do Consello de Cooperación do Golfo, liderado por Arabia Saudí. Outro caso contraditorio é a posición qatarí no actual conflito en Siria. O emirato mantiña importantes relacións con presidente sirio Bashar al Asad, que lle permitiron a Qatar ampliar en Siria os investimentos anteriormente instalados na veciña Líbano.
Pero no contexto sirio actual, e moi probablemente baixo a presión occidental, Doha manifesta a súa oposición frontal a Bashar al Asad, incluso imprimindo unha posición de liderado dentro da Liga Árabe para fomentar as sancións contra Damasco. Nas últimas semanas, diversas informacións de servizos de intelixencia, principalmente israelís, dan conta da eventual implicación qatarí en apoio militar aos rebeldes sirios agrupados en torno ao Exército Libre de Siria. Estas informacións revelan da recente presenza de comandos militares de Qatar e Gran Bretaña en territorio sirio, principalmente en torno á localidade de Homs, bastión dos rebeldes.
Un novo baluarte occidental
Este pragmatismo e, nalgúns casos, prudente neutralidade política de Qatar moi probablemente pode corresponder a unha estratexia de Washington orientada a activar e potenciar a diplomacia de novos actores dentro do mundo árabe que substitúan a países con maior peso xeopolítico, como Exipto e Turquía, cos que EUA non atravesa actualmente determinadas friccións e distanciamento. Paralelamente, Washington impulsa o ascenso e liderado qatarí en decisións transcendentes nos foros internacionais, especialmente na ONU e na OMC.
Pero as bases da potencialidade qatarí son aínda incertas: o emirato non ten tradición de liderado político na rexión e, incluso, as súas recentes intervencións levaron a diversas protestas populares na súa contra; foron estes os casos de Tunisia, ante o apoio financeiro de Doha aos islamitas da Ennahda; e no Líbano e Siria, por parte de simpatizantes pro-sirios, ante a recalcitrante reacción qatarí contra o presidente sirio Bashar al Assad. Noutros casos, como a finalmente infrutuosa implicación e mediación qatarí no conflito de Darfur (Sudán) en novembro de 2011, Doha recibiu fortes críticas por parte de Exipto e Arabia Saudita().
Coa súa potencialidade económica, estabilidade política, irrestrita alianza aos intereses occidentais e unha diplomacia cada vez máis activa na rexión, Qatar conserva eses resortes necesarios para que Washington e Occidente poidan posicionarse con maior flexibilidade nas complexidades emanadas dos cambios políticos no mundo árabe. Compre, por tanto, observar con maior celeridade cales son os intereses qatarís na rexión. Polo pronto, a súa proxección internacional estaría igualmente concentrada na celebración nese emirato do Mundial de Fútbol 2022, así como no seu patrocinio financeiro a entidades como o F.C. Barcelona.