Fin do kemalismo en Turquía?

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Cun contundente respaldo do 58% da poboación, a reforma de 26 artigos constitucionais impulsada polo primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan abrirá un histórico (e non menos tenso) momento político no país euroasiático, con claras implicacións nas relacións entre o poder civil e o poderoso estamento militar e secular, férreo bastión do republicanismo estatal fundado en 1923 por Mustafá Kemal Atatürk.

Deste modo, o referendo de reforma constitucional en Turquía celebrado o pasado domingo 12 de setembro constituíu un auténtico plebiscito sobre a xestión de Erdogan e do gobernante partido islamita AKP, no poder desde 2002. Dende entón, e a tenor das maiorías absolutas obtidas polo AKP nas eleccións xerais de 2002 e 2007, Erdogan ven impulsando unha serie de reformas políticas e lexislativas destinadas a reconstituír os poderes públicos e constitucionais a través da ampliación dun proceso democrático, frecuentemente contrariado polos sectores kemalistas e o estamento militar.

Precisamente, non deixa de ser casualidade que este referendo constitucional realizárase o mesmo día en que se cumpría o 30º aniversario do golpe militar do xeneral Kenan Evren en 1980, que deu paso á activación dunha brutal lei marcial que reforzou politicamente ao poder militar, decretado coa Constitución de 1982, actualmente vixente. Polo tanto, este referendo de reforma constitucional que convocou a 50 millóns de turcos debía propiciar o peche definitivo dun longo e escuro capítulo da historia contemporánea turca, traducido nunha constante represión militar, escándalos políticos, ilegalizacións de partidos e tensións na proxección de maiores dereitos democráticos, especialmente de cara á comunidade curda.

A Turquía do século XXI

 A audaz mobilidade e transformación política da sociedade turca nos últimos anos ven confirmada por este respaldo ás reformas impulsadas polo AKP, destinadas entre outras a retirar a inmunidade xudicial aos xenerais golpistas de 1980, someter o estamento militar ao poder civil, reforzar os poderes do Parlamento na eleccións de membros dos poderes xudicial e constitucional, ampliar os dereitos civís e democráticos e considerar a existencia dun Estado multicultural e multiétnico, varrendo así os férreos parámetros do Estado étnica e culturalmente unitario plasmados no legado kemalista.

Paralelamente, este referendo reforza a hexemonía política do AKP e a posibilidade legal de Erdogan para postularse a unha nova reelección como primeiro ministro nas eleccións xerais pautadas para 2011, unha das bazas máis importantes para continuar cun proxecto reformista non exento de tensións e escenarios incertos.

A pesar diso, Erdogan e o AKP esperan fortalecer a súa hexemonía política, un proceso que se ben considérase necesario ante os riscos que suporía regresar aos períodos de atomización política e electoral en Turquía, consecuentemente podería persuadir ao estamento militar e kemalista a intervir politicamente a través de mecanismos fora da lei.

Dentro destes riscos, imponse a perspectiva que se abre agora coa reforma constitucional de cara ao pobo curdo. Durante a campaña electoral para o referendo, Erdogan esforzouse arduamente en garantir o voto curdo as súas reformas constitucionais, que permitirían ampliar unha serie de dereitos políticos e culturais para esta comunidade dificilmente aceptados polo estamento militar e os seus aliados políticos. Pero a situación no Curdistán turco complícase ante a perspectiva dun retorno da loita armada por parte da guerrilla do PKK, en gran medida condicionada pola división política dos partidos curdos e ante os escasos avances cara unha maior autonomía política.

Por contra, os partidos opositores, especialmente o Partido Republicano do Pobo (CHP), fundado por Atatürk, diluiranse agora nunha incerta etapa de recomposición dun liderado fortemente golpeado polas vitorias electorais do AKP. Se a reforma constitucional abre paso á democratización do escenario político turco, resta observar se o mesmo se ampliará tamén de cara ás Forzas Armadas e ao papel político do estamento militar, agora legalmente supeditado ao poder civil.

Paralelamente, debese considerar as secuelas da crise económica global nunha sociedade como a turca, onde as desigualdades socioeconómicas aumentaron dramaticamente nas últimas décadas. A necesaria ampliación de dereitos sociais como a posibilidade de folga xeral e de adopción de contratos colectivos pode, indirectamente, dar curso a un período de conflitividade social que poden afectar a popularidade de Erdogan e do AKP.

Un paso cara Europa?

No contexto exterior, a opinión pública europea observa este triunfo de Erdogan como un paso máis cara a democratización do país e os obxectivos turcos de ingresar na Unión Europea. Pero este proceso atópase paralizado e incerto, tomando en conta o aumento na opinión pública europea dun sentimento contrario ao ingreso turco na UE, un aspecto que pode dar curso a novos e inesperados escenarios.

A política exterior turca baixo Erdogan tamén ofrece visos de cambios de perspectivas, na que o ingreso a Europa xa non constitúe unha prioridade esencial. Incluso, as constantes paralizacións no proceso de admisión tamén provocaron un inédito cambio de orientación xeopolítica por parte do estamento militar turco.

Actualmente imponse en Turquía unha visión multipolar que deu paso á concreción de alianzas con novos polos xeopolíticos, como China, Brasil, India, Rusia, Irán, América Latina e África, incluso distanciándose de aliados tradicionais como EEUU e Israel. Erdogan e o AKP configuraron unha perspectiva alternativa para a política exterior turca, orientada a potenciala como actor emerxente no escenario global. Pero aquí tamén debe calibrarse ata qué punto Turquía cambiou a raíz das reformas de Erdogan.