Todo apunta á hora do relevo dentro da Autoridade Nacional Palestina. Ao menos, isto é o que reflicte a fractura interna no gobernante partido Al Fatah e no inevitable ascenso electoral do partido islamita Hamas. As noticias de Gaza, Cisxordania e Israel auguran momentos de mudanzas, rupturas e complexidades para unha poboación atenazada pola presión israelí e a ineficacia dos seus propios dirixentes.
En Palestina obsérvanse múltiples variacións destes cambios que están a experimentar. Dunha banda, o ascenso político da "nova garda" xeracional, personificada en Marwan Barghouti, manifesta unha definitiva escisión en Al Fatah e a ANP. Barghouti, preso en Israel por "instigación ao terrorismo", imprime un natural liderado dentro dun grupo de forte carácter nacionalista, herdeiro das "Intifadas" de 1987 e 2000, aos que se lles engade a presenza de importantes líderes palestinos da catalogada "vella garda", descontentos coa dirixencia actual na ANP.
Esta loita xeracional augurábase inevitable e comezou a dinamizarse trala Intifada do 2000 e a morte de Yasir Arafat, a finais do 2004. O cada vez maior descontento popular coa elite tradicional da Autoridade Palestina, principalmente persoas como Mahmoud Abbas e Ahmed Qorei, imprime incerteza á transición post-Arafat. Neste sentido, as presións provocan un dilema para o presidente Abbas de cara ás eleccións lexislativas do 25 de xaneiro: por unha banda, ameaza con retrasar os comicios; por outra, calcula acudir á convocatoria electoral, co risco de que Al Fatah perda a súa histórica hexemonía política en mans do islamita Hamas e as novas xeracións.
A escisión do grupo de Barghouti e a probable creación dun novo partido amplía a complexa estrutura política palestina e complica o funcionamento interno de Al Fatah. En diversos municipios, suspendéronse as eleccións internas de candidatos ás lexislativas, evidenciando a loita interna entre grupos de poder, clans e líderes rexionais. Todo isto limita a marxe de acción de Abbas e afonda a crise na ANP, especialmente trala renuncia do primeiro ministro Ahmed Qorei.
Dende o exterior, as noticias contribúen a radicalizar o panorama: as autoridades israelís anunciaron o peche das circunscricións electorais en Xerusalén oriental, onde votan 250.000 palestinos, advertindo que non permitirían unha vitoria lexislativa de Hamas. O Congreso de EEUU aprobou unha resolución na que avoga por impedir o concurso electoral de Hamas mentres a Unión Europea pediu a este partido que "renuncie á violencia e recoñeza o Estado israelí". En Tel Aviv, Washington e Bruxelas, así como na ANP, temen unha deriva radical e islamita da política palestina, baixo o control lexislativo dun movemento acusado de terrorismo.
Por razóns directas e indirectas, o principal beneficiario desta situación é o propio Hamas. O seu voceiro, así como os de outros dez partidos palestinos, declararon que non aceptarían un retraso dos comicios lexislativos por parte de Abbas, a cúpula de Al Fatah e a ANP. O estelar momento de Hamas ven referendado polas recentes eleccións municipais en tres cidades de Cisxordania, onde logrou o control absoluto en Xenín e Naplús, aínda que en Ramala, Al Fatah logrou manter a súa hexemonía grazas a unha alianza de última hora coa Fronte Popular para a Liberación de Palestina.
Tamén para Israel, o "factor Barghouti" e o impulso de Hamas constitúen dous problemas de gran magnitude, tendo en conta que este país está nas vésperas dun proceso electoral. Na transición post-Arafat, a clase política israelí apostou por Abbas e a "vella garda" por consideralos máis moderados e manexables. Pero se a ruptura se materializa na ANP e Barghouti comeza a constituírse nun líder con amplas opcións políticas, o seu mantemento en prisión podería exercer un efecto contraditorio.
En canto a Hamas, e segundo as derradeiras enquisas en Israel, un 50% das persoas considera necesaria a apertura de negociacións de paz con este movemento sempre e cando permita alcanzar o fin da violencia. Sen embargo, un 47% rexeita esta posibilidade, xa que acusa a Hamas de ser o responsable dos atentados terroristas en territorio israelí. Polo tanto, non existe consenso e os temores de que este partido islamita e antiisraelí domine o parlamento palestino, seguramente será un tema clave na campaña electoral, principalmente entre os seus tres candidatos: Ariel Sharon, Binyamín Netanyahu e Amir Peretz. As eleccións israelís están marcadas pola escisión de Sharon do partido Likud e os seus problemas de saúde.
Tanto Abbas como Sharon poden manifestar a súa sintonía política e os seus temores no relativo ao ascenso de Hamas. Pero o actual panorama pode estar formulando a creación dunha conxuntura clave na convulsionada transición post-Arafat. En Palestina albiscase unha especie de "fin de época".