20071126 teheran ali khamenei

Irán: freo a Ahmadíneyad?

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Alí Khamenei; clic para aumentar
Os movementos estudiantís volven a ocupar notoriedade no seu intento de premer ao Consello dos Gardiáns a adoptar reformas democráticas. O poderoso aiatolá Alí Khamenei (na foto), que comanda o Consello dos Gardiáns e considerado o mentor político de Ahmadíneyad, semella empezar a enfriar o seu apoio ao actual presidente, cuxo poder está máis fortalecido dentro da Garda Revolucionaria e as súas milicias.
 

As eleccións lexislativas previstas para o próximo 14 de marzo en Irán poden deseñar un novo mapa político que afecte á solidez da presidencia de Mahmud Ahmadíneyad e defina un escenario alternativo de cara ás eleccións presidenciais de 2009.

Esta renovación no Majlis ou Parlamento podería propiciar un fortalecemento no espacio político dos sectores reformistas, liderados polo ex presidente Mohammed Khatamí, así como o ascenso dunha ala conservadora dirixida polo tamén ex presidente Alí Akbar Rafsanjani, un clérigo multimillonario que perdeu os comicios presidenciais de 2005 ante o actual presidente e que manifesta unha posición contraria á denominada "liña dura" dominada por Ahmadíneyad.

O pasado 24 de xaneiro, o Consello dos Gardiáns, órgano político e relixioso que aproba as candidaturas electorais, descualificou a 2.000 candidatos reformistas, nunha medida similar á realizada antes das derradeiras eleccións lexislativas, a principios de 2004, coa descualificación de 4.000 candidatos reformistas.

Diversos sectores opositores consideran que existen razóns para pensar que Ahmadíneyad pasa por un baixo momento político. Acusan a súa presunta incompetencia e mala administración económica, retardando diversos procesos de privatización necesarios para reflotar a economía.

Paralelamente, unha parte da sociedade iraniana semella fatigada polo enfrontamento retórico de Ahmadíneyad en política exterior con EEUU e Israel e o pulso nuclear, a pesar de que ambas bazas constitúen parte da fortaleza sociopolítica do actual presidente iraniano.

Os movementos estudiantís volven a ocupar notoriedade no seu intento de premer ao Consello dos Gardiáns a adoptar reformas democráticas. O poderoso aiatolá Alí Khamenei, que comanda o Consello dos Gardiáns e considerado o mentor político de Ahmadíneyad, semella empezar a enfriar o seu apoio ao actual presidente, cuxo poder está máis fortalecido dentro da Garda Revolucionaria e as súas milicias.

A posición estadounidense de illar a Ahmadíneyad e así evitar un ascenso xeopolítico iraniano determinou no seu momento un consenso social en Irán de apoiar a posición do seu actual presidente. Non obstante, e a pesar do rearme auspiciado por Washington en Oriente Medio a fin de acosar a Teherán, os iranianos comezan a barallar outras perspectivas e alternativas, a fin de superar este semi-illamento internacional.

Velaí que as próximas eleccións lexislativas serán un paso decisivo para analizar o futuro político iraniano a curto e mediano prazo, como probable antesala ás presidenciais de 2009. En Washington tamén é ano electoral e un posible cambio de goberno na Casa Branca podería propiciar un cambio de enfoque, mais moderado, cara Teherán.