O proceso de paz en Irlanda do Norte sufriu durante as eleccións do 26 de novembro o seu peor contratempo dende a firma do Acordo do Venres Santo de 1998. A diferencia do que indicaban as sondaxes electorais, o radical Partido Democrático do Ulster (DUP), en contra do Acordo do Venres Santo, gañou as eleccións, aumentou os seus escanos, e é por primeira vez na súa historia o partido maioritario na comunidade unionista. O seu rival, o moderado Partido Unionista do Ulster (UUP), só logrou 27. Na comunidade nacionalista, o gran derrotado é o moderado Partido Socialdemócrata e Laborista (SDLP), tradicionalmente o primeiro partido nacionalista, que perdeu seis escanos en favor do brazo político do Exército Republicano Irlandés (IRA), o Sinn Féin. O SDLP e o Sinn Féin teñen a partir de agora 18 e 24 representantes, respectivamente. Ademais, os partidos moderados con membros de ambas comunidades, coma por exemplo a Coalición de Mulleres, fracasaron nas eleccións. Tan só o liberal partido Alianza e un médico independente teñen representación na Asemblea. Coa victoria electoral dos partidos máis radicais en ambas comunidades, tanto na unionista como na nacionalista, o proceso de paz corre un grave perigo.
Sen embargo, estes resultados electorais non teñen consecuencias directas a curto prazo, xa que o goberno británico suspendeu a autonomía e a Asemblea en outubro de 2002. Coma antes das eleccións, Irlanda do Norte aínda está gobernada directamente pola Northern Ireland Office en Londres. Polo tanto, o secretario británico para Irlanda do Norte, Paul Murphy, invitou a cada partido a unha reunión persoal para falar sobre os posibles camiños a seguir. Estas conversacións non produciron aínda ningún resultado. Pero, ¿cales son os posibles escenarios?
En primeiro lugar, o goberno directo (Direct Rule) dende Londres continuará ata que os partidos norirlandeses estean de acordo acerca do futuro goberno autonómico, no peor dos casos durante anos. O máis problemático é que o líder do DUP, o reverendo Ian Paisley, rexeita as estipulacións do Acordo do Venres Santo, especialmente o goberno de poder compartido, e esixe un novo acordo. Ó mesmo tempo, descarta categoricamente a posibilidade de que alguén do seu partido "fale con terroristas", é dicir, co Sinn Féin, que rexeita firmemente a revisión do Acordo do Venres Santo.
En segundo lugar, co apoio dos outros partidos, o goberno británico anunciou unha exame dalgunha das estipulacións do Acordo do Venres Santo, malia que Paul Murphy aclarou que os puntos fundamentais non son renegociables. Pero non se sabe si tanto o DUP coma o Sinn Féin estará realmente de acordo. Se non conduce a unha reanimación do proceso político, o goberno británico poderá volver chamar ás urnas ós cidadáns norirlandeses, esperando que estes se percaten de que non é posible o progreso cos partidos máis radicais.
En terceiro lugar, Tony Blair poderá tomar tamén medidas extraordinarias, poñamos por caso, impoñer en Irlanda a soberanía compartida coa República de Irlanda. Malia que sería algo improbable, é unha posibilidade seriamente discutida nos círculos gobernamentais de Londres. Ó mellor, esta posibilidade " un pesadelo para os unionistas " obriga ó DUP a negociar co Sinn Féin.
O Sinn Féin, pola súa parte, non se opón ó diálogo co DUP ou outros partidos, pero é incerto cantas concesións fará ó unionismo. Sen embargo, unha nova declaración de guerra do IRA é pouco probable, posto que a "estratexia pacífica" foi un éxito enorme para o Sinn Féin. É posiblemente a mellor noticia destas eleccións.
En resumo, o escenario máis probable a curto prazo é a continuación do goberno directo dende Londres, acompañado por negociacións ás veces máis e ás veces menos intensas. A longo prazo, o escenario aínda está aberto, a pesar de que o regreso á violencia case seguramente non forme parte deste mesmo.