ely ould mohamed vall

Mauritania: Folla de ruta cara a democracia


 Ely Ould Mohamed Vall, clic para aumentar
Esperanza con reservas. Este parece ser o sentir xeral en Mauritania tralo golpe de Estado que o pasado 3 de agosto derrocou ó presidente Maaouiya Ould Taya e que colocou à fronte do país magrebí a unha xunta composta por notables do exército, que tomou o nome de Consello Militar pola Xustiza e a Democracia (CMXD) e á cuxa cabeza se colocou o antigo director xeral da seguridade nacional, o coronel Ely Ould Mohamed Vall (na foto).
 

Esperanza con reservas. Este parece ser o sentir xeral en Mauritania tralo golpe de Estado que o pasado 3 de agosto derrocou ó presidente Maaouiya Ould Taya e que colocou à fronte do país magrebí a unha xunta composta por notables do exército, que tomou o nome de Consello Militar pola Xustiza e a Democracia (CMXD) e á cuxa cabeza se colocou o antigo director xeral da seguridade nacional, o coronel Ely Ould Mohamed Vall. Segundo un comunicado que fixeron público ás poucas da toma do poder, as intencións deste “golpe de palacio”, como se denominou entón, eran as de pasar páxina dunha etapa escura para o país magrebí e sentar unhas sólidas bases sobre as que edificar un auténtico réxime democrático nun prazo nunca superior a dous anos.

As derivas autoritarias do “antigo réxime”, o clientelismo, a corrupción e a rampante crise social da poboación situábanse na orixe desta manobra e, segundo confesaron fontes diplomáticas francesas presentes en chan mauritano, “ante un contexto semellante, a comisión dun golpe de Estado era, sinxelamente, unha cuestión de tempo”. O mesmo primeiro ministro do actual goberno transitorio confesou que “o país estaba abocado a unha crise xeralizada sen precedentes e era hora de poñer fin a esta situación, de restaurar a confianza e a quietude”. Non cabe menosprezar tampouco o atractivo que supón o feito que, a partires deste ano 2006, Mauritania entrará no selecto grupo de países productores de petróleo, feito este que cambiará, sen dúbida, a face dun estado que se sitúa actualmente entre os dez máis pobres de todo o planeta.

Cinco meses despois da deposición de Ould Taya, hoxe refuxiado no Qatar, é innegable que algúns avances teñen sido operados no nivel das liberdades e que tímidas reformas agroman nos eidos da xustiza e da administración pública. De entre tódalas medidas implementadas ate este momento, destaca sobremaneira a amnistía xeral dictada ás poucas semanas da toma do poder do CMXD, permitíndose con esto a volta ó país de todos aqueles cidadáns mauritanos condenados por delictos políticos e que se atopaban no exilio. Posteriormente asistimos á legalización de formacións políticas antes proscritas e tamén á eclosións de novos partidos, xunto cunha cada vez máis presente sociedade civil. A liberdade de expresión e de prensa tamén se viu beneficiada, saíndo ó mercado novos títulos que recollen dunha forma máis completa e plural o sentir da opinión pública. Con todo, e pesares de existir un certo estado de euforia colectiva, ninguén semella fiarse completamente e, como apuntaba un empresario estes días atrás nas páxinas dun rotativo da capital, de Nouakchott, “tras tres visto na miña patria tal sucesión de coroneis, de golpes de Estado, de ter oído unha morea de promesas, prefiro ser cauto e esperar a ver que ocorre”. Non é o único.

Cautelas aparte, o certo é que as reunións e os encontros sucédense. Líderes políticos, sindicalistas, homes de negocios, maxistrados e todo tipo de personalidades participan nas negociacións e concertacións arredor de boa parte dos temas importantes para o futuro do país como, por exemplo, a boa gobernanza, as medidas a tomar para loitar contra o tráfico de influencias, o paro ou a xestión dos recursos naturais. O obxectivo non é outro que o de consolidar unha sorte de “consenso nacional” que vise a delimitar cales deben ser os obxectivos da transición. Algunhas voces xa saíron á palestra para denunciar que se ben son todos os que están, faltan algúns feitos sobre os cales pasa necesariamente unha reconciliación co presente, obrigado para planificar un futuro mellor. Refírense estes, fundamentalmente, ás cuestións dos refuxiados en Níxer e Senegal e, como non, á cuestión do escravismo, moi presente aínda en Mauritania, e da discriminación racial da elite “arabo-bereber” ó encontro dos “negro-africanos”.

Namentres, o CMXD non se cansa de reiterar a súa neutralidade política. A proba desto atopariámola nun mandato aprobado por esta xunta de coroneis que impide ós seus membros, así como ós compoñentes do actual goberno, de “postularse como candidatos a un posto electivo nas vindeiras eleccións a celebrar”. Este parece ser o feito que consagraría unha efectiva transición cara unha auténtica democracia, a saber, á celebración de eleccións libres e transparentes. Para esto constituíse una Comisión Nacional Electoral Independente (CNEI), quen xa ten fixado o calendario dos vindeiros comicios constitucionais, municipais, parlamentarios e presidenciais, que terán lugar entre xuño de 2006 e o mesmo mes de 2007. Neste intre a tarefa dos golpistas será concluída e, como recentemente ten declarado Mohamed Vall, “teremos devolto ós mauritanos o que en dereito lles pertence, responsabilizándoos para amosar a nosa capacidade de facer, por nos mesmos e para nos, unha historia diferente, un futuro en prosperidade e democracia”.