Ó fío da “terceira onda” –parafraseando a Samuel Huntington– de democratización, dos cambios na escena internacional, así como en virtude de certas modificacións de tipo endóxeno, a ninguén escapa que o discurso da transición democrática tense instalado solidamente en Marrocos. Algúns mesmo manteñen que xa estariamos nunha etapa ulterior e que, se ben perfectible, a democracia é hoxe o tipo de sistema imperante no Reino Alauí. Esteamos ou non de acordo con este tipo de percepcións, o certo é que a impresión de movemento, de avance, é unha constante que ten callado en amplas capas da poboación. Alén das fronteiras do país magrebí, entre un nutrido grupo de estados cada vez meirande, a impresión é a mesma e, se ben constatan que “queda aínda camiño por andar”, os seus dirixentes non escatiman lisonxas para cos esforzos e a determinación de Rabat para ir máis aló na vía do cambio democrático.
Que hai de certo en toda esta retórica da transición? No concreto, pouca cousa. Por citar algúns exemplos, é certo que as regras do dereito aplícanse en determinadas ocasións, aínda que non de xeito sistemático. Observamos unha certa liberalización da palabra nos medios de comunicación que, nembargantes, non se atopa acompañada a nivel lexislativo, existindo aínda a figura do “delicto de prensa” e certas liñas vermellas que non se poden traspasar. A sombra da corrupción e a falta de transparencia son dúas constantes dentro do xogo político. A omnipresencia de “Palacio”, unha constitución que dota ó monarca de poderes absolutos, un Executivo timorato e un Parlamento pouco activo, redundan nesta idea. A xestión do dossier do Sahara Occidental non axuda tampouco a reforzar esa idea do cambio. Doutra banda o Majzén, o réxime tradicional marroquí con tódalas súas redes clientelares e circuítos ocultos de poder, mantén case intacto seu peso específico, amosándose os partidos políticos e a denominada “sociedade civil” incapaces de promover auténticos cambios.
Non cabe dúbida que Marrocos pode ser considerado, en materia democrática e de reformas, coma un exemplo a seguir dentro do contexto africano e árabe. Resulta patente que é grande a tentación de establecer un paralelismo co seu veciño do Norte, coa tan idealizada “transición española”, de parte de políticos e académicos das dúas beiras do Mediterráneo. Non é menos certo que, baixo a presión internacional, Rabat está abocado a implementar toda unha serie de cambios democráticos. A economía é outro elemento forte á hora de adaptarse ás esixencias dos países máis avanzados, en orde a liberalizar, a modernizar o aparato económico e a modificar toda unha serie de procedementos “pouco claros”. Nembargantes, a pesar de todas estas constatacións, non cabe dúbida que o réxime hoxe vixente en Marrocos é de natureza autoritaria aínda que, eso si, con “tics” protodemocráticos de cando en cando.
Cabe ser optimista cara o futuro? En política non hai lugar para o pesimismo e, en principio, todo é posible. Agora ben, o pulo para o cambio virá de dentro ou de fóra do país? Á luz do vivido e dependendo –hoxe máis que nunca– o Reino Alauí da cooperación e da axuda internacional, é de fóra de onde seguirán chegando, sen dúbida, as presións reformistas. A elite do réxime, se ben semella resignada e abocada o advenemento dunha nova era –quizais é este un dos poucos paralelismo que se poden establecer coa experiencia española no tardofranquismo–, non parece ter demasiada presa.
En canto ó pobo, quere este cambiar? É aquí onde se atopa o quid da cuestión, xa que o debate sobre a transición democrática en Marrocos atópase limitado a unha pequena franxa da poboación. Se a súa prioridade non é a de escapar cara “Occidente” buscando mellor sorte, as preocupacións do “marroquí medio” pasan por chegar a final de mes, prosperar na vida e algún día, inchaa Allah (“se Deus quere”), formar parte desa elite acomodada que tanto envexan e admiran, mantendo o status quo eso si. Desgraciadamente, á luz de sondaxes e enquisas, o cambio democrático non está entre os principais anceios dos marroquís que, nembargantes, si consideran a situación en Palestina ou en Iraq como un problema digno de consideración, así como “a loita pola integridade territorial do Reino”, en clara alusión á cuestión saharauí e ós “presidios ocupados” de Ceuta e Melilla.
Rabat, 06/11/2006.