Resulta incuestionable o carácter histórico do terceiro triunfo consecutivo do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e do partido islamita Xustiza e Desenvolvemento (AKP) nas eleccións lexislativas do pasado domingo 12, e que lle outorgan unha nova maioría parlamentaria. Deste modo, Erdogan e o AKP constitúen os actores máis decisivos na transformación política, social e económica experimentada por Turquía na última década, e que levou a este país a ser considerado actualmente como a 16º potencia económica mundial.
Resulta incuestionable o carácter histórico do terceiro triunfo consecutivo do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e do partido islamita Xustiza e Desenvolvemento (AKP) nas eleccións lexislativas do pasado domingo 12, e que lle outorgan unha nova maioría parlamentaria. Deste modo, Erdogan e o AKP constitúen os actores máis decisivos na transformación política, social e económica experimentada por Turquía na última década, e que levou a este país a ser considerado actualmente como a 16º potencia económica mundial.
No poder desde 2002, Erdogan marca a pauta política turca, converténdose igualmente no líder máis decisivo da historia republicana dese país precisamente tras o fundador da República turca, Mustafá Kemal Atatürk. Tamén Erdogan iguala ao controvertido ex primeiro ministro Adnán Menderes (1950-1960) como o único en ser elixido en tres comicios lexislativos consecutivos. A diferenza, Menderes sufriu un golpe militar en 1960, sendo posteriormente aforcado.
Polo contrario, na Turquía de 2011, a pantasma golpista non semella totalmente erradicada, aínda que si marcadamente afastada do acontecer político. Probablemente, o factor máis decisivo da política turca na última década foi a habilidade de Erdogan e do AKP para manter distanciado ao poderoso estamento militar, cunha perda de peso político que é evidente. Non obstante, o propio Erdogan xa sufriu os embates dunha “indirecta” intervención militar previa ás anteriores eleccións lexislativas de 2007, marcando un pulso que provocou posteriormente unha abafante maioría absoluta para o AKP nos comicios parlamentarios e a evidencia dun cambio na cultura política da sociedade turca.
Ao mesmo tempo, Erdogan logrou reorientar ao AKP cara un partido centrista e plural, non limitadamente islamita, con capacidade para atraer e mobilizar a diversas capas sociais. Así, afastou parcialmente os temores dentro e fóra do país sobre a preeminencia dunha presunta “axenda islamita oculta” que convertera a Turquía nunha teocracia á iraniana, tal e como argumentaban os seus detractores políticos.
Maioría, pero menos abafante
Cun novo mapa político, Erdogan e o AKP abren un novo período gobernamental ata o 2015 non exento de dificultades. A súa maioría parlamentaria, con 326 deputados dos 550 da Asemblea Nacional turca, non lle permite a maioría de 330 necesarios para afrontar o principal reto do actual goberno: unha reforma constitucional que amplíe os parámetros democráticos pero que, ao mesmo tempo, permita unha reelección presidencial indefinida. Nin a actual Constitución de 1982 nin os estatutos do AKP permiten a Erdogan postularse para un cuarto período de goberno. E, en comparación cos comicios de 2007, o AKP perdeu 15 deputados.
Por tanto, o pulso por alcanzar os apoios parlamentarios para a reforma constitucional semella afirmarse como o principal tema de debate para os próximos anos en Turquía. Erdogan deberá ponderar a “resurrección” política do Partido Republicano do Pobo (CHP), a formación kemalista e laicista renovada baixo o liderado Kemal Kilicdaroglu, un político que pregoa a rexeneración política dun partido tradicionalmente conformado polas elites laicas e apoiado polo estamento militar.
O salientable avance do CHP como principal partido de oposición ao gobernante AKP determinará tamén unha visión a longo prazo de retorno ao poder, probablemente manifestando unha inclinación por atraer as boiantes clases medias impulsadas polo crecemento económico turco da última década e que, ata agora, semellan máis proclives a apoiar a Erdogan, cuxo pragmatismo e carisma contrasta coas críticas (moitas delas certas) de presunto autoritarismo e arrogancia do poder, vertidas principalmente polo CHP.
Compre igualmente observar o avance do procurdo Partido da Paz e do Desenvolvemento (BDP), que con 36 deputados conformará unha dura oposición a Erdogan no próximo Parlamento turco. O BDP gañou de forma contundente no sueste do país, onde se asenta a maior parte da comunidade curda, un resultado que manifesta un claro toque de atención para Erdogan.
Desencantados coas promesas de apertura democrática e defenda dos dereitos culturais e nacionais dos curdos, realizadas desde 2002 por Erdogan, e abertamente contrarios aos postulados dos outros dous partidos parlamentarios, o CHP e o ultranacionalista MHP, o BDP moi probablemente negociaría co AKP a posibilidade de apoiar a pretendida reforma constitucional se a mesma garante unha maior amplitude dos dereitos de lexitimación do pobo curdo. Velaí a importancia que terá a reforma constitucional na próxima lexislatura.
Paralelamente, Turquía transitará a nivel internacional baixo un paradigma máis autónomo, non integramente determinado polos intereses occidentais, especialmente de EUA, Europa ou Israel. A súa visión multipolar gaña réditos e prestixio nos polos emerxentes globais, como Brasil, China e Rusia. Baixo o AKP, a diplomacia turca tamén inseriuse en escenarios anteriormente inéditos, como África e América Latina, ademais de plasmar un modelo político de referencia para o mundo árabe e islámico, un aspecto que cobra especial importancia ante os incertos cambios políticos que ocorren no Magreb e Oriente Próximo.
Tras coñecer a súa vitoria, Erdogan prometeu “humildade” e traballar cos seus rivais políticos. Sabe que necesita de consensos e frear levemente o acelerador, tras tres importantes triunfos electorais. Pode que isto clarifique o signo político da Turquía para a próxima década. Na mente está o ano 2023, celebración do centenario republicano, e auténtico slogan electoral de Erdogan. Para iso, terá que reformar unha Constitución que precisa da amplitude de dereitos democráticos e do recoñecemento e defensa oficial da pluralidade nacional, relixiosa e lingüística turca. Deste modo, Turquía experimentará as complexidades propias das sociedades en vías de modernización.