O imperio Devece

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

É o que pensan moitos –como John Gray ou James Petras- e negan outros –como Roben Niblet, se ben este, en calquera caso, moi lonxe do optimismo “neocon” dos Wolfowitz, Perle e demais que soñaban con todo un século de dominio unilateral dos EE UU.

Para James Petras son as dúas guerras do Iraq e Afganistán a causa do devecer do poderío do Imperio, dúas guerras que foron un fracaso nos seus obxectivos reais –o dominio das fontes enerxéticas do mundo- e cuns gastos tan fortes que levaron ao esgotamento das arcas do país.

Hoxe –di Petras- vívese peor nos EE UU que hai dez anos. E vaise ir indo a peor: o pouco que queda dos programas sociais é obxecto de negociacións cos republicanos, que aproveitarán para acabar cos programas sanitarios oficiais (MEDICARE E MEDICAID), así como coa Seguridade Social e o programa nacional de xubilación.

O poder americano, engade, era omnímodo no ano 1992, máis pola debilidade das outras potencias que por virtudes propias. Pero no 2008 xúntanse o fracaso militar no Iraq, as dificultades cos aliados da OTAN e no seu patio traseiro, a emerxencia de competidores novos (China e India) ou a reaparición dalgúns vellos (Xapón e Rusia), que limitan o seu poderío.

Robin Niblet, director do prestixioso centro de investigación británico “Chatham House”, pensa que estamos lonxe do final dunha era, que pode haber un momento de estancamento, como outros que houbo no pasado e foron superados, polo que todo se reduce á recuperación do equilibrio financeiro do país, o que tamén determinará a súa capacidade militar.

Unha tese moito máis optimista que a de John Gray, para quen estamos vivindo “un cambio xeopolítico histórico no que o equilibrio de poder no mundo está sendo alterado irrevogablemente.”  Seguiremos dándolle.