Dende que acadou a súa independencia de España en 1968, Guinea Ecuatorial só coñeceu dous gobernantes. O seu primeiro presidente e posterior dictador, Macías Nguema, converteu o seu réxime nunha das dictaduras de mais funesto recordo de toda África. O seu propio sobriño, Teodoro Obiang Nguema, tras derrocalo por medio dun golpe de estado, executouno por crimes contra a humanidade e asumiu o poder á fronte dun Consello Militar. Pronto as esperanzas de cambio dos cidadáns de Guinea Ecuatorial se converteron en pesadelos baixo un réxime que replicou a virulencia e crueldade do seu predecesor. O día 3 de Agosto Obiang Nguema celebrou os 25 anos deste golpe de estado toldado dende a propaganda do réxime como “golpe de liberdade”. Ocasión propicia para facer balance desta dictadura que intenta maquillarse de democracia sen conseguir enganar a ninguén.
En 1996, co retroceso da axuda internacional prestada por Francia e España, a retirada dos créditos do FMI e o Banco Mundial e a presión por unha apertura democrática configuraban un entorno realmente hostil para o réxime. Sen embargo, a aparición de importantes bolsas de cru nas súas costas permitiu obviar tan graves carencias: a comunidade internacional decidiu pasar por alto a falta de liberdades a cambio dunhas boas relaciones diplomáticas que permitan a certas empresas explotar o ouro negro. Este feito foi crucial para a supervivencia do réxime ata a actualidade.
Recentemente Guinea Ecuatorial recuperou o protagonismo nos medios. Esta vez non a causa das sistemáticas violacións dos dereitos humanos. Nesta ocasión a espectacular riqueza persoal de Teodoro Obiang acaparou as portadas da prensa internacional. A dicir dunha investigación do Senado dos Estados Unidos o dictador depositou en diferentes contas da Banca Riggs no seu nome e no de algúns parentes, 700 millóns de dólares. Diñeiro claramente provinte dos subornos ofrecidos polas petroleiras ó dictador, segundo recollía o propio informe.
Os 700 millóns de dólares atopados no Banco Riggs supoñen a metade do PIB de Guinea e tres veces a súa débeda exterior. Mais sangrante resulta cando recordamos que dende 1995 Guinea Ecuatorial non recibe axudas ao desenvolvemento por parte do FMI por non pagar os créditos concedidos, supostamente embolsados, segundo o FMI e Banco Mundial, por Obiang e familia. Mentres tanto a poboación subsiste en chabolas e un 5% da poboación, na súa maioría de etnia Fang, como o dictador, controla o 80% da riqueza do país.
Nos anos 60, moito antes de aparecer petróleo no seu territorio, Guinea Ecuatorial era dos países mais ricos do seu entorno, con altos índices de asistencia sanitaria e alfabetización gracias á explotación e comercio exterior da súa gran variedade de recursos naturais. Durante o transcurso das dictaduras, estes índices non pararon de diminuír. Coa aparición do petróleo, o PIB duplicouse en 5 anos. Mais isto non tivo mais que unha mínima repercusión na economía nacional. De feito, o 60% da poboación sobrevive con menos dun dólar ó día. Dende o Estado, as achegas á sanidade e educación permanecen estancadas ou crecen de forma anecdótica. E dicir, pese ó enorme aumento da renda, a distribución da riqueza continua sendo regresiva.
Actualmente a riqueza provinte do petróleo é obxecto de mimo e atención por parte do réxime xa que os subornos constitúen a principal fonte de ingresos da corte de Obiang. Isto provocou ademais a desatención dos sectores que tradicionalmente constituíron a fonte de riqueza principal da economía do país. Os cultivos de cacao e café xunto coas explotacións madereiras foron esquecidos e as súas exportacións notablemente reducidas debido á desidia gobernamental. Obiang exerce de propietario do estado, explotándoo en exclusiva segundo convén aos seus intereses. Aquelo que non proporciona riqueza directa aos membros do goberno de Guinea Ecuatorial é deixado de man. Hoxe, a pesar da súa abundancia de recursos, desenvolveu unha dependencia considerable do comercio exterior para o abastecemento dos bens esenciais como alimentos básicos ou materiais de construcción, importados sobre todo de Camerún ante o declive das empresas nacionais.
As condicións nas que as empresas petroleiras obtiveron as explotacións resultan totalmente leoninas. As cifras de explotación son, segundo o goberno, secreto de Estado, a exportación de cru está exonerada de impostos, a participación do Estado nas explotacións é mínima, nalgunhas explotacións é incluso cero, mentres noutros países do área o normal é unha proporción para o Estado de mais do 50% do volume neto. En resume, a explotación está deseñada de forma que non deixa beneficios ao estado, deixando ao descuberto algo perfectamente imaxinable e coñecido: a relación entre as empresas do primeiro mundo ansiosas de beneficios rápidos e a corrupción no terceiro mundo. A colaboración entre a Banca Riggs que creou múltiples contas e sociedades para o branqueo dos fondos do dictador, as empresas petroleiras que obtiveron as súas explotacións mercando o beneplácito de Obiang e a corrupción xeralizada do réxime sumiu a poboación no abandono.
Sen dúbida, as cifras pagadas polas petroleiras aos membros do réxime para acadar estas condicións “refinan” unha gran rendibilidade para as petroleiras que non precisan compartir os seus beneficios cun Estado, tan só deben compartilos cun dictador. Iso é ética empresarial. Todo o demais, humor, negro.