Pacto de circunstancias en Palestina

O acordo asinado o pasado 23 de abril entre o movemento islamita Hamas e o partido Al Fatah, que pon fin á ruptura establecida entre ambas formacións desde 2007, abre un paréntese de incógnitas determinadas pola atomización política actualmente existente nun Oriente Medio “domesticado” pola pulsación das forzas reaccionarias e o evidente distanciamento da atención exterior, principalmente por parte de EUA, en particular ante o epicentro de atención de crises actualmente en curso (Ucraína), e do epicentro de pulsos estratéxicos a longo prazo (Asia-Pacífico) 

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

O acordo asinado o pasado 23 de abril entre o movemento islamita Hamas e o partido Al Fatah, que pon fin á ruptura establecida entre ambas formacións desde 2007, abre un paréntese de incógnitas determinadas pola atomización política actualmente existente nun Oriente Medio “domesticado” pola pulsación das forzas reaccionarias e o evidente distanciamento da atención exterior, principalmente por parte de EUA, en particular ante o epicentro de atención de crises actualmente en curso (Ucraína), e do epicentro de pulsos estratéxicos a longo prazo (Asia-Pacífico) 

Coas negociacións de paz con Israel en practicamente “punto morto”, o pacto entre Hamas e Al Fatah aduce máis ben un sentido de urxencia que de convicción, motivado pola contorna rexional. Neste sentido, o acordo estipula a formación nos próximos días dun goberno de unidade nacional presidido provisionalmente polo actual presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas para, dentro duns meses, convocar eleccións conxuntas en Cisxordania e Gaza para elixir ás novas autoridades palestinas.

Como era de prever, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu rexeitou inmediatamente este pacto, rompendo subitamente as negociacións coa ANP tras considerar que Abbas “aliouse co terrorismo palestino”, en clara referencia a Hamas. Pola súa banda, Washington observa con receo este acordo, toda vez intúese o fracaso do plan de paz para Oriente Medio impulsado polo seu secretario de Estado, John Kerry.

En perspectiva, este pacto aborda diversas variables. A ralentización da guerra en Siria e, especialmente, a case absoluta atención internacional pola crise ucraína, incrementaban o illamento de feito ao que ven sendo sometida a ANP nos derradeiros tempos, incluso ao carón dunha Primavera árabe cada vez máis atomizada e “domesticada” pola reacción das elites árabes.

Paralelamente, o interese de Washington por “reacomodar” as súas relacións con Teherán implicaba igualmente unha degradación substancial da situación palestina, un marco de actuación que obviamente beneficia a Israel á hora de deseñar unha nova estratexia de relación nun “novo Oriente Medio”, particularmente fortalecendo as súas relacións con aliados tradicionais (Exipto e Turquía) ó mesmo tempo que abría canles de relación tácita con inéditos actores (Arabia Saudita, Catar), particularmente en contenciosos conflitivos como Siria.

Un escenario tacitamente decisivo que influíu na concreción deste acordo entre Hamas e Al Fatah corresponde coa situación en Exipto, sumido nun sistema “pretoriano militar” en mans do xeneral golpista Fatah al Sissi e que verase electoralmente "lexitimado" de cara aos comicios presidenciais previstos para finais de maio. Coa anuencia estadounidense e israelí, o fortalecemento do status quo tralo golpe militar de xullo de 2013 contra o goberno de Mohammed Morsi e da Irmandade Musulmá exipcia, intensificado coa cada vez maior represión e persecución xudicial contra os islamitas exipcios, determinaba unha situación progresivamente insostible nunha ANP atomizada pola ruptura entre Hamas e Al Fatah, feito que evidencia a fractura e incomunicación entre Gaza e Cisxordania.

Do mesmo xeito, a recente redución das tensións e o achegamento entre Israel e Turquía, trala súbita ruptura de relacións desde 2010 motivadas polo asalto á flota de solidariedade con Gaza, determina outra variable que pode gravitar indirectamente dentro da ecuación do pacto palestino.

A dependencia enerxética turca de Rusia supón para Ankara un escenario incómodo tomando en conta as consecuencias da crise ucraína e da anexión rusa de Crimea. Neste sentido, o achegamento turco-israelí ven determinado pola explotación de novos xacementos de gas natural na Zona Económica Exclusiva no Mediterráneo Sur, en particular nas costas israelí e chipriota, nas que participan empresas turcas(1).

Este factor enerxético igualmente ten incidencia na perda de interese estratéxico de Oriente Medio para Washington, en particular ante os descubrimentos do “petróleo de esquisto” en EUA. Este escenario eventualmente configuraría a autosuficiencia enerxética estadounidense, degradando así a xeopolítica enerxética de Medio Oriente (Golfo Pérsico) e potenciando o paulatino interese de Washington cara Asia-Pacífico, con particular énfase na contención de China.

Con cada vez menos aliados de peso a nivel rexional e unha evidente perda de atención internacional, o pacto entre Hamas e Al Fatah urxía concretarse tomando en conta a caída política da Irmandade Musulmá en Exipto, do paulatino entendemento en marcha entre EUA e Irán, do recente reacomodo de relacións entre Turquía e Israel e da eventual fragmentación en Siria, escenario que indirectamente gravitará de cara aos refuxiados palestinos a nivel rexional. Un pacto de  alfileres, escasa convicción e numerosas incógnitas.

             

 

               



(1) Este achegamento turco-israelí permitiu a revitalización dun proxecto de subministro de gas natural do porto israelí de Haifa ao porto turco de Ceyhan, que podería estar operativo a partir de 2017. Recentemente, Ankara ampliou o volume subministrado polo oleoduto ruso South Stream, aínda que Moscova non acordou unha redución de prezos. A proliferación de proxectos enerxéticos no Mediterráneo Sur está configurando unha nova posición xeopolítica para Israel, cuxas implicacións terán consecuencias relevantes a mediano prazo, en particular na concreción de diversas alianzas rexionais. Para maior información, consultar o artigo “Israel y Turquía se aproximan”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 888, 5 de maio de 2014. Sobre a súbita atención cara o potencial enerxético no Mediterráneo Sur, consultar o artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto, “Nova Xeopolítica no Mediterráneo Sur”, IGADI, 9 de maio de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/nova-xeopolitica-no-mediterraneo-sur