Referendo independentista en Escocia: O apoio definitivo?

O Primeiro Ministro escocés, o nacionalista Alex Salmond, do Scottish National Party (SNP), dous anos e medio despois de ter alcanzado o poder, continúa a aumentar a súa popularidade e a render positivas previsións electorais para o seu partido e, en xeral, para o nacionalismo e independentismo do país de Sean Connery, William Wallace ou Rob Roy.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

O Primeiro Ministro escocés, o nacionalista Alex Salmond, do Scottish National Party (SNP), dous anos e medio despois de ter alcanzado o poder, continúa a aumentar a súa popularidade e a render positivas previsións electorais para o seu partido e, en xeral, para o nacionalismo e independentismo do país de Sean Connery, William Wallace ou Rob Roy.

O plano era, desde un primeiro momento, promover o apoio á independencia vía demostración á poboación de que un goberno propio non só era perfectamente viable, senón que podía entender e atender mellor as necesidades propias, o que debía redundar, fundamentalmente, no aprimoramento dos servizos públicos. Todos os sinais apuntan a que esta última parte do plano está a ser conseguida con certa comodidade, se atendemos aos últimos inquéritos sobre a popularidade de Salmond ou mesmo sobre as expectativas de voto para o SNP nas próximas eleccións para o parlamento de Westminster. Isto ten especial valor levando en conta a situación de crise económica con que todos os gobernos mundiais están a lidar. No caso escocés, o SNP parece estar a ser salvado da queima, aínda que os recortes orzamentarios poden continuar até o fin da lexislatura, e isto implicará a necesidade de establecer prioridades.

A día de hoxe, a intención é que o parlamento escocés vote a convocatoria ou non dun referendo sobre a independencia de Escocia no ano próximo. Sendo precisa maioría parlamentar, un voto afirmativo parecía case imposible até hai unhas semanas, cando Salmond admitía a posibilidade de que as eventuais respostas a ser escollidas pola poboación no tal referendo fosen tres, e non dúas, tal como desde as filas liberaldemócratas (o terceiro partido do país) se tiña demandado. Se até agora a proposta era que a xente puidese responder se SI ou NON queren un Estado escocés, agora poderían responder SI, NON ou NON, PERO QUEREMOS MÁIS COMPETENCIAS.

Esta viraxe do Primeiro Ministro escocés colocaba automaticamente a bóla no tellado dos grandes partidos unionistas, que meses atrás tiñan louvado e apoiado, con algunha reticencia no caso do Partido Conservador, as teses sostidas no relatorio da Comisión Calman, publicado en xuño deste ano. Segundo o tal relatorio, debía avanzarse con decisión no autogoberno escocés. A nova proposta de respostas para o referendo permitiría comprobar se a cidadanía escocesa apoia esta opción, aceptada por laboristas, liberaldemócratas e conservadores.

O movemento dos nacionalistas xa está a ter consecuencias. Días antes da conferencia liberaldemócrata prevista para o sábado 31 de outubro, da que debería resultar o posicionamento definitivo do partido en relación ao referendo, foi feita pública unha revolta de cargos do partido, dispostos a rebelarse e mesmo pór en cuestión a lideranza de Tavish Scott, xefe de filas no ramo escocés, a fin de apoiar a celebración da consulta popular. Os 16 deputados liberaldemócratas, unidos aos xa declarados favorables ao referendo, os do SNP e os verdes, conformarían unha maioría absoluta. O certo é que na altura da redacción deste artigo, non está claro cal será o curso das cousas.

O tempo dirá. O certo é que o que está a ocorrer en Escocia pode acabar resultando crucial e ter consecuencias moito máis alá das fronteiras do Reino Unido e mesmo da propia Europa.