Renóvanse as conversas no Ulster

Case dous meses despois de ter iniciada a súa segunda etapa como mediador, o ex senador norteamericano George Mitchell anunciou que o mércores reiniciaránse as conversas entre os partidos asinantes do acordo de "venres santo" do pasado ano. As negociacións están interrompidas dende que os unionistas de Trimble se negaran a aceptar a presencia de dous membros do Sinn Fein no goberno autónomo do Ulster, tal e como lle correspondía, se o IRA non facía entrega das armas con anterioridade. A posición do "ministro principal" e do seu partido contára co apoio dos unionistas opositores ao Tratado de Stormont liderados polo reverendo Ian Paisley, e co rexeitamento tanto do Sinn Fein como do SDLP que apoiou a decisión dun dos seus líderes, Seamus Mallon, de dimitir das súas funcións de "viceministro principal".

Non compre ser moi optimistas. Tanto Mitchell como Adams téñense pronunciado deste xeito nos últimos días. O Tratado de Stormont semella ir fracasando pouco a pouco. Agora ábrese a posibilidade de que non o faga totalmente, mentres as esperanzas son cada vez menores. As ilusións de abril do pasado ano foron esmorecendo aos poucos pola constante negativa das forzas unionistas a ceder o máis mínimo nos seus postulados políticos e nos seus privilexios sociais.

O proceso de paz no Norte de Irlanda, en tantos aspectos semellante ao de Oriente Medio, (impulsados polo remate da guerra fría, con cuestións territoriais, terrorismo de "gueto" entre os marxinados e permanente resistencia das comunidades dominantes á cesión dos seus privilexios) pode derivar en novos enfrontamentos violentos como ten sucedido no conflicto israelo-palestino. Si os sucesivos atrancos postos por Israel aos acordos asinados coa OLP provocaron a reacción islámista de Hamas, o torpedeo constante por parte dos unionistas aos acordos de 1998 poden provocar unha reacción violenta entre a comunidade irlandesa do Ulster.

O IRA está a topar serias dificultades para manter unidos aos seus comandos en torno ao proxecto negociador impulsado polo Sinn Fein. Na pasada semana a policía irlandesa (La Garda) practicou a detención de dez persoas, seica pertencentes ao IRA Auténtico (Real-IRA). Ao mesmo tempo, o xefe da policía do Ulster (RUC) informou da aparición dun novo grupo, resultado da alianza entre os anteriores, o IRA de Continuidade, o Exercito de Liberación Nacional Irlandés (INLA) e disidentes do IRA. As tensións entre estes e o IRA semellan ir en aumento.

O "premier" británico, Anthony Blair optou por entregarlle a cabeza da "ministra calva" aos unionistas e facilitar o reinicio das conversas. O cese de Mo Mowlam só pode ser entendido como unha concesión a Trimble e aos unionistas, quen a consideraban unha traidora con simpatías pola causa irlandesa. A ex ministra para o Ulster, que se mantén no goberno de Londres, afastase do primeiro plano do proceso polo que tanto traballou dende que Blair lle pedira formar parte do "gabinete na sombra" que constituíu ao pouco de ser elixido líder dos Laboristas. O xefe do goberno británico consciente da importancia de acadar a pacificación do Ulster, un dos compromisos electorais que lle permitiron o irresistible triunfo de abril de 1997, nomeou como substituto de Mowlam, a Peter Mandelson. O novo ministro, que tivera que abandonar o gabinete hai dez meses por un escándalo financeiro, é considerado como un dos ideólogos do Novo Laborismo e un dos dirixentes máis achegados ao primeiro ministro.

A partir do mércores iniciase unha nova etapa no proceso de paz. Os partidos representantes da comunidade católica irlandesa defenderán que se cumpra o acordado en Stormont, os unionistas perseguirán unha relectura do Tratado que peche as portas á máis mínima posibilidade futura de que os condados do Norte se integren en Irlanda.