¿Retirada de iraq?

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Hai algunhas razóns para pensar que as forzas de ocupación poden retirarse de Iraq. É o que pensan Paul Reynolds, especialista en temas internacionais da BBC, e algúns outros. Razóns ou síntomas. Eu penso que só síntomas por agora. Despois da declaracións de Bremer e Powell, veñen sucedéndose filtracións tanto no goberno de Blair como no de Bush, aínda que as neguen un e outro, suxerindo a posibilidade dunha retirada, por máis que non estea claro para cando.

Parece que as forzas de ocupación tratan de que vaian a menos os enfrontamentos para que o 30 de xuño poida constituírse, da mellor maneira posible e con certa calma, o goberno interino previsto. Como este non poderá tomar ningunha decisión, case seguro que para as eleccións de xaneiro "xa celebradas as dos EEUU- o goberno de transición elixido empezará a pedir que as tropas estranxeiras abandonen o país.

Pero, ademais desa presión interna, que se vai dar, haberá outra case tan segura e máis determinante: a crecente oposición doméstica á ocupación nos EEUU e na Gran Bretaña, maiormente despois do escándalo universal orixinado ó coñecerse as torturas a que recorreron as forzas de ocupación. Dende Vietnam sábese que a guerra pode perderse tamén na casa e non só nas operacións bélicas.

Por outra banda, tratan as forzas invasoras de que o enfrontamento sexa compartido, e así, a cidade de Faluya foi entregada a unha nova forza de soldados iraquís. Algo semellante, no dicir do comandante da División Blindada, M. Dempsey, pode ser ideado en Nayaf, traspasando a seguridade a unha forza local á que se poderían incorporar milicias de Sadr.

Son máis ca un síntoma as palabras do coronel Paul Hughes, primeiro director de planeamento estratéxico en Iraq despois da guerra: "Aquí estou, trinta anos máis tarde, pensando que gañaremos cada batalla e perderemos a guerra, porque non entendemos que guerra estamos pelexando".

En contra do anterior, din outros, están as recentes políticas de endurecemento seguidas polos EEUU contra Cuba e Siria, á par de que tampouco van renunciar á mina do petróleo de Iraq, verdadeira razón da guerra. Pero ó mellor ocorre que Iraq vén sumarse a Vietnam, a Beirut, a Somalia… posibilidade que, ó día de hoxe, penso que non desbotan os invasores.