Rusia, un ano decisivo

En decembro terán lugar as eleccións lexislativas. Seis meses despois celebraranse os comicios presidenciais. Tras unha década continua de crise, semella chegado o momento do relevo no poder da Rusia postsoviética. O fin da era Ieltsin semella máis preto. Mais, ¿estará disposto o presidente a unha razoable transmisión do poder?. As consecuencias de posibles decisións do Kremlin "aprazar as presidenciais e ilegalizar aos comunistas" poderían ser imprevisibles.

Os inqueritos e a opinión dos analistas indican que chegou a hora da alternancia. Os que durante esta década exerceron o poder saben que serán incapaces de render contas e polo tanto poderán ser acusados de enriquecemento ilícito. Ningún partido favorable ao presidente ten a máis mínima posibilidade de gañar as lexislativas e o que aínda é peor, este non conta cun candidato con posibilidades, por cativas que sexan, para as presidenciais.

Ieltsin e o seu circulo de poder están dispostos a empregarse a fondo para ter asegurado na metade do dous mil un retiro seguro. Para o futuro presidente non sería moito problema esquecerse do bombardeo do parlamento, da guerra de Chechenia, das crises financeiras ou do desprestixio internacional, e asegurarlle a Ieltsin un retiro tranquilo, incluso como senador vitalicio para que ningún fiscal o molestase. Mais facer o mesmo co que en Moscova se coñece como "A Familia" non semella tan doado. Ningún dos posibles candidatos á presidencia ten a intención de ampliar a inmunidade aplicada a Ieltsin.

As cousas non están nada ben para a familia presidencial que non foi quen de destituír ao fiscal xeral Skuratov e tivo que contemplar como o Senado creaba unha comisión de investigación sobre a corrupción. A pesares do secretismo que preside o funcionamento da comisión, todo o mundo sabe que Tatiana Diatchenko " a filla e principal asesora de Ieltsin- está implicada no desvío de fondos do FMI; que Valeri Okulov "xenro do presidente – enriqueceuse cos beneficios de Aeroflot; que Bolochim "xefe da administración presidencial – ten polo menos unha ducia de "negocios" sospeitosos; que Pavel Borodin "administrador dos bens da presidencia – gastou oficialmente 335 millóns de dólares en mobles e en obras realizadas por unha empresa de Lugano-Suiza; que, en fin, o Rasputín Berezovski preocupado por manter o seu imperio está de novo disposto a gastar algunha parte do mesmo e sacar adiante á "Familia" da difícil situación na que se atopa como xa fixera nas presidenciais anteriores.

A outra fronte que ten aberta o presidente é a batalla cos comunistas. Ieltsin semella disposto a buscar o xeito de imposibilitar a presencia dos comunistas na Duma a elixir en decembro. Xa quedou claro cando impulsou a investigación xudicial para incriminar ao PC e as ameazas que verteu contra o ministro de Xustiza por que estas non tiveran o resultado que agardaba. Agora seica pretende remexer nos mortos para lograr os seus obxectivos. A operación consistiría en provocar aos comunistas ordenando por decreto que o corpo de Lenin fose retirado do mausoleo da Praza Vermella. As manifestacións que se orixinarían poderían ser empregadas para ilegalizar ao Partido Comunista. A xogada, xuridicamente insostible, contaría cunha segunda parte, a lentitude de Xustiza rusa faría que no resolvese antes das eleccións parlamentarias. Sería a vinganza de Ieltsin sobra os comunistas por tentar destituílo e podería deixar sen dereito a voto ao 40% dos electores (algo menos do 25% do PC e un pouco máis do 15% dos seus aliados). O plano semella tan maquiavélico como insensato, mais do presidente e dos seus colaboradores calquera cousa se pode agardar.

As armas a empregar contra os comunistas non serven para as presidenciais. Ieltsin non pode presentarse, carece de candidato con posibilidades e aos presidenciables con maiores posibilidades (Luxkov, Primakov, Iablinski e Liebed) tenos, en principio, abertamente en contra.

Desprestixiada internacionalmente, a pesares do esforzo de enviar 3.500 paracaidistas ao Kosovo, economicamente fundida, moralmente destruída, si Ieltsin decide modificar o mapa político da Duma, impedindo a presencia dos comunistas, ou aprazar as presidenciais, as consecuencias para Rusia poderían ser imprevisibles.