Soberanía de Bush en Iraq

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

A situación de Sadam Husein é unha boa mostra do que en realidade é a chamada soberanía de Iraq: tan soberano é que aquel estará, ou está xa, en poder dos iraquís pero nun edificio vixiado polas forzas de ocupación, americanas neste caso. Ou sexa, unha trangallada. Case é imposible facer peor as cousas. ¿Haberá alguén que poida crer que houbo unha transferencia de soberanía, que as forzas de ocupación xa non son tal, senón convidadas, que o pobo iraquí dispón do seu destino?

Os EEUU van seguir mantendo no país invadido 140.000 soldados e unha embaixada con 1.700 traballadores ó servicio dun Goberno practicamente designado por eles, cun colaborador da CIA á cabeza, e co apoio do home que no seu día dirixiu as operacións contra os sandinistas. Sen esquecer a importancia de Robert Blackwill, antigo embaixador na India, que xunto con Negroponte van ser o verdadeiro poder americano en Iraq.

A seguridade vai seguir sendo competencia dos invasores: o control do país non poden facelo as forzas policiais iraquís, porque en realidade non existen E no consello de seguridade iraquí vai haber mandos americanos e británicos. Na práctica, as operacións das forzas de ocupación terán total autonomía. Nin sequera se lles concedeu ós iraquís o dereito que reclamaban para vetar incidencias como as de Faluya. Por iso o novo Goberno depende por enteiro dos ocupantes ó non ter autoridade sobre as actividades militares, de seguridade e de intelixencia.

Ó cabo, o Goberno interino, por máis que nominalmente apareza como soberano, redúcese a marionetas que manexa Bush en Iraq, pois o seu labor non vai moito máis alá de preparar as eleccións de xaneiro do ano que vén. Co "asesoramento", claro é, de Negroponte e de Blackwill, e a colaboración dos iraquís designados a dedo dende Washington.

Por iso alguén definiu a suposta entrega de soberanía como "un trámite oficial case vergonzante", como ás agachadas. Que se pretendeu xustificar na súa présa, adiantando 48 horas o acto, dicindo que Bremer debía desaparecer para non coincidir con Negroponte, para evitar desa maneira dar unha imaxe de continuidade. Pero esquece quen tal ideou que os xogos de palabras non cambian a realidade. E esta non é outra que a soberanía de Bush en Iraq. Por agora.