Tadxiquistán mirase nas Torres Xemelgas

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Tadxiquistán adiantou a súa negativa a permitir o uso do territorio ou espacio aéreo ós continxentes militares estadounidenses para perpetrar un posible ataque contra a veciña Afganistán. En todo caso, Enmomalí Rahmonov, presidente tadxico, resérvase o dereito a consultar con Rusia, o seu principal aliado político, a decisión última.

Pola súa banda, os 25.000 soldados rusos desplegados en Tadxiquistán permanecen en estado de alerta máxima e non se descarta a súa participación nunha posible acción internacional contra o terrorismo. Moscovo subscrebeu a proposta de Bush, sen que,en ningún caso, isto supoña otorgar carta branca a favor dos EEUU para o uso das bases e efectivos rusos.

Tadxiquistán forma parte do complexo puzzle da rexión. O pasado domingo 9 de septembro, dous días antes dos atentados de Nova York e Washington, foi asasinado Ahmed Sha Massud nun ataque suicida en Dushanbé, capital de Tadxiquistán. Massud fora xefe militar e político da resistencia afgana. Lideraba a Alianza do Norte, coalición de milicias que leva a cabo a resistencia armada de oposición ao réxime talibán en Asia Central. Goberno e oposición tadxicos compartían simpatías pola actividade de Massud, xa que o fracaso da súa resistencia supón a ameazante vecindade co réxime dos talibán, coñecido polos seus sentimentos anti-tadxicos. De consolidarse o réxime talibán, Tadxiquistán sufriría serias repercusións económicas así como un debilitamento da súa liberdade e autosuficiencia defensiva, concretándose así as xustificacións rusas para manter tropas neste país.

A independencia de Tadxiquistán produciuse como consecuencia do colapso da URSS en decembro de 1991, momento a partir do cal declarouse unha guerra civil, que trouxo consigo profundas e duradeiras dificultades políticas, económicas e sociais sumindo ao país nunha grave crise. O establecemento da paz, en setembro de 2000, adquiriu status oficial coa fin da misión de observación das NU (MONUT), e logrouse en virtude dos acordos asinados entre o goberno oficial de Tadxiquistán e a oposición tadxica unida, liderada polo partido do Renacemento Islámico. As eleccións lexislativas e presidenciais de 1999 e 2000 desenvolvéronse nun clima de terror e manipulación. Impulsado pola política de Vladimir Putin, de obstrucción das forzas islamistas, non se respectou o reparto de poder con estes grupos, acordado nos tratados de paz.

Dende 1999, Tadxiquistán, xunto con Afganistán, é utilizada como soporte territorial e vía de infiltración para unha nova revolta islamista, coñecida como MIU (Movemento Islámico de Uzbequistán) que ten por obxectivos a liberación dos presos políticos e a creación dun estado islamista en Uzbequistán, donde o presidente Karimov dirixe un réxime represor do islam político. O MIU ameaza con desestabilizar toda a zona, e nos últimos días atribuíronselle presuntas relacións con Osama Bin Laden.

A economía de Tadxiquistán presenta os peores datos da rexión de Asia Central, sendo o país máis empobrecido da CEI. Conta con certos recursos, como o gas natural, o algodón, metais raros, derivados do petróleo, hidroeléctricas, téxteis etc. Nembargantes, ainda despois do establecemento da paz, Tadxiquistán non conseguiu unha minima recuperación económica, moi afectada pola propia guerra e o subseguinte éxodo das elites rusas que constituían a clase técnica e intelectual, así como por disfuncións intrínsecas do sistema económico que non logra adaptarse a nova realidade tras a etapa soviética.

Por outra banda, a industria extractiva conta con condicións de explotación moi custosas debido ás características orográficas do país, e a falla de infraestructuras modernas. En canto á agricultura, padeceu as nefastas condicións climáticas dos últimos anos, nos que se viviron tanto os efectos das extremas secas, como de esporádicas inundacións, alcanzando tal gravedade en setembro pasado que a fame supuso unha ameaza real para a metade da poboación. Sen sair dun balance xeral negativo, os factores favorables apareceron da man da recuperación da economía rusa, principal apoio financeiro de Tadxiquistán, e da elevación dos prezos mundiais das materias primas no último ano.

Tadxiquistán, feble, recén saído duna guerra civil e dunha crise de supervivencia económica, a súa independencia política e estratéxica respecto a Rusia presentase cada vez máis difícil. Agora, nos últimos días, convertiuse nunha peza clave para a seguridade rexional e internacional.