20060531 violencia nas ruas de timor leste

Timor, reaparece a crise

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Violencia en Timor Leste, clic para aumentar
Unhas xornadas de manifestación organizadas polos militares rebeldes, que en marzo tiñan sido expulsados do exército polo Goberno, dexeneraban en accións violentas e confrontos que deixaban destrución material, persoas feridas e… mortes. Nas semanas seguintes reproducíanse os confrontos, aumentaba o número de vítimas.
 

Timor Leste padece, desde finais do pasado mes de abril, a peor das crises que houbo de enfrontar desde a súa constitución formal como Estado independente no 20 de maio de 2002.

Todo comezaba o pasado 8 de febreiro, cando 404 soldados das forzas armadas timorenses, Falintil-Forças de Defesa de Timor Leste, se concentraban diante da Presidencia da República para queixárense perante Xanana Gusmão por supostas discriminacións no exército por seren, maioritariamente, da etnia loromonú. Os militares ían desarmados e a protesta era absolutamente pacífica e calma; Xanana prometíalles que se investigaría o problema e, chegado o caso, serían tomadas medidas.

No entanto, a finais do pasado mes de abril o Observatorio Galego da Lusofonía, que no seu acompañamento diario da actualidade lusófona seguía o problema desde o inicio, víase bruscamente abalado polas noticias que lle chegaban desde Timor Leste: unhas xornadas de manifestación organizadas polos militares rebeldes, que en marzo tiñan sido expulsados do exército polo Goberno, dexeneraban en accións violentas e confrontos que deixaban destrución material, persoas feridas e… mortes. Nas semanas seguintes reproducíanse os confrontos, aumentaba o número de vítimas, a poboación fuxía cara as montañas e mesmo un párroco chegaba a declarar perante os micrófonos da radio portuguesa TSF que se respiraba un clima de guerra civil. Como era posíbel terse chegado a semellante estado de cousas?

A orixe do problema debemos situala, segundo os propios militares rebeldes, na división etno-territorial loromonú-lorosae, que contrapón as persoas nacidas nos 10 distritos occidentais (loromonú) e as nacidas nos 3 distritos orientais (lorosae). Segundo estes militares, os loromonú estarían a padecer maiores dificultades que os lorosae á hora de accederen a promocións de rango e, por súa vez, estarían a sufrir máis intensa e frecuentemente os rigores da disciplina militar. Así e todo, para explicar a áspera evolución da situación debemos recorrer a outros factores.

En primeiro termo debe terse en conta que Timor Leste é o país máis pobre da Asia, o que nos remite a unha situación de necesidade extrema que choca coas esperanzas de benestar a curto prazo que a independencia timorense tiña alimentado en boa parte da poboación. Isto, unido ao forte desemprego xuvenil, tería contribuído a que algúns grupos de persoas, nomeadamente bandas xuvenís, socioeconomicamente marxinais teñan optado por unírense ás protestas militares para, así, manifestaren o seu descontentamento co actual goberno do Fretilín, dirixido polo primeiro-ministro Mari Alkatiri, e exerceren presión contra o mesmo.

Doutro lado debe ser referida a inadecuada xestión da crise realizada pola Presidencia e o Goberno timorenses, que a finais de abril, 11 semanas despois de os militares rebeldes teren formulado as súas queixas, non tiñan brindado unha solución satisfactoria ao conflito no seo das forzas armadas e, no entanto, tiñan protagonizado desautorizacións entre si, divisións internas en relación á xestión da crise no caso do Goberno e, ademais, tiñan optado por expulsar os soldados rebeldes do exército.

Cómpre referir finalmente a existencia de intereses estranxeiros eventualmente comprometidos nun intento de afastar a Mari Alkatiri do goberno timorense, ben sexa agora, a través da consecución da súa dimisión, ben nas eleccións lexislativas de 2007, a través da erosión da súa imaxe. Estes intereses contrarios á continuidade de Mari Alkatiri poderían derivarse da súa “política económica nacionalista”, en palabras da profesora universitaria australiana Helen Hill, que prefire a explotación estatal dos recursos timorenses, entre os que destaca o petróleo, ao seu aproveitamento por empresas estranxeiras. Nacionalismo económico ao que aínda compriría acrecentar o achegamento á China ou Estados latinoamericanos de esquerda, como Cuba, impulsado polo primeiro ministro e perante o que os Estados Unidos xa teñen mostrado o seu desagrado.