20060109 nourredine yazid zerhouni

Un ano de “reconciliación” en Alxeria ou a consolidación de Al Qaeda


 Nourredine Yazid Zerhouni, clic para aumentar
O ministro de Interior alxerino, Nourredine Yazid Zerhouni, avanzou recentemente que a cifra de víctimas mortais ate o pasado mes de febreiro, é dicir, antes dos atentados de abril en Alxer e do ataque contra a guarnición militar de Lakhdari, que provocou más dunha ducia de mortos, era de trinta. Desde entón, AQMI asegura ter cometido alomenos dezaoito ataques contra obxectivos do exército, da xendarmería, da policía, da garda comunal e contra empresas e cidadáns estranxeiros, só en Alxeria.
 

Un ano despois da expiración do prazo outorgado ós terroristas alxerinos para presentar a súa rendición a cambio dunha amnistía, segundo os termos estipulados na Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional, a actualidade no país magrebí estivo, durante este tempo, marcada polo recrudecemento da acción violenta de corte islamita. Nos últimos doce meses temos asistido a unha preocupante multiplicación de atentados e a unha intensificación das operacións do exército contra as goridas do Grupo Salafista para a Predicación e o Combate (GSPC) nas rexións montañosas ó Leste do país.

O 24 de xaneiro de 2007, o GSPC consumaba o seu pacto de lealdade coa organización cuxa cabeza máis visible é Ousama Ben Laden e cambiaba a súa denominación pola de Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI), muda que implicou, amais, un cambio estratéxico e de modus operandi. A agresión de maior magnitude reivindicada ate o de agora por esta nova marca foi a que tivo lugar o pasado 11 de abril en Alxer, cando explotaron varias bombas diante do Palacio de Goberno e na comisaría do barrio de Bab Ezzouar, nas proximidades do aeroporto Houari Boumediene, causando 30 mortos.

Esta operación, auténtico bautizo de sangue da AQMI, era tamén o anuncio do paso dunha estratexia de “pequenos atentados” a unha auténtica “guerra aberta” contra institucións oficiais, corpos e forzas de seguridade e, como non, intereses estranxeiros presentes en “terra do Islam”, elementos estes todos característicos da marca Al Qaeda a escala internacional. A partir de agora, ademais, os ataques son acompañados dunha grande acción propagandística en Internet, coa finalidade de facer ver ó pobo que só se pretende atacar ó réxime, exhortando ós alxerinos a afastarse dos centros de seguridade e das institucións do Estado.

Xunto coa “clásica” acción violenta directa do GSPC en Alxeria, unha das principais misións encomendadas a AQMI é, por outra banda, a da coordinación da acción terrorista en todo o norte de África, aportando ós grupos aramados que operan na rexión magrebí, entre Mauritania e Libia, axuda financeira e loxística, así como adestramento no uso de armas, elaboración de explosivos e na loita de guerrillas.

Un ano despois da expiración do prazo da “reconciliación”, AQMI ten aberto os seus rangos ós terroristas estranxeiros, xa non só alxerinos, buscando reforzarse, a consecuencia da rendición de arredor de cincocentos mouyahidines pola política de “reconciliación” e da morte de varios centos de integristas armados nas operacións levadas a cabo polas forzas de seguridade. Por estes motivos, en paralelo, a organización de Abbou Moussâb Abdelouadoud, alias Abdelmalek Droudkal, o emir de AQMI, traballa no recrutamento de novos elementos, dirixíndose agora tamén ós máis novos, investindo esforzos no endoutrinamento das novas xeracións de descontentos.

Cabe subliñar como estas tarefas de captación de futuros terroristas non teñen só unha dimensión interna, senón que estes virán a reforzar tamén ós continxentes en contextos tales como Iraq ou o Líbano, sen esquecer que é tamén aquí principalmente onde se organiza a Yihad en Europa, notablemente en Francia e España, sendo alxerinos e marroquís a punta de lanza desta acción violenta, como ben teñen demostrado as últimas detencións en territorio europeo.

O ministro de Interior alxerino, Nourredine Yazid Zerhouni, avanzou recentemente que a cifra de víctimas mortais ate o pasado mes de febreiro, é dicir, antes dos atentados de abril en Alxer e do ataque contra a guarnición militar de Lakhdari, que provocou más dunha ducia de mortos, era de trinta. Desde entón, AQMI asegura ter cometido alomenos dezaoito ataques contra obxectivos do exército, da xendarmería, da policía, da garda comunal e contra empresas e cidadáns estranxeiros, só en Alxeria. A esto, habería que unir a guerra aberta no leste do país cos combatentes islamitas, que fai incrementar inexorablemente cada semana, cando non cada día, o número de mortos “non civís”, tanto dun bando coma do outro.

Á luz dos feitos e inercias en liza, e se ben aínda estamos moi lonxe dos baremos de morte e desolación acadados na década dos noventa en Alxeria, a consolidación de AQMI é un feito cando menos inquietante, que amosa ben ás claras a ineficacia da política de reconciliación alxerina fronte ós seus terroristas.