iraq iran cartaz manifestacion

Un futuro incerto nos agarda

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Iraq-Iran, clic para aumentar
Despois da destrución do Iraq pode que non estea lonxe a do Irán. Pode que Bush queira presentar, antes da súa saída da presidencia, un balance máis aceptable da súa guerra "e pode conseguilo, dende o punto de vista dos cidadáns do seu país, e tamén do dos políticos demócratas, que seguro que non verían mal un "escarmento" a bombazos, que para iso teñen o poder imperial. E, ao mellor, as pezas empezan a cadrar.
 

Sospéitase que EEUU vai manter no Iraq, pode que indefinidamente, un certo número de bases, agora en construción moi adiantada, que lle permitirán dominar todo o Oriente Medio. De aí que moitos pensen que o fracaso militar, tan evidente, non lles importa tanto como o feito de ter asegurado o seu dominio no país. E que conclúan que non existe tal fracaso, pois é real e efectivo o éxito para obter o apetecido dominio do Oriente Medio.

Pode que teñan razón. E aínda que tamén sexa certo que a violencia total, e por moi diversas causas, que hoxe existe no Iraq fose procurada adrede polos invasores. Hoxe Iraq é un país destruído, dende o seu patrimonio histórico á súa sanidade, dende a súa Universidade aos suministros de auga potable e enerxía eléctrica, cun paro do 50 por 100 e unha pobreza absoluta dun 40 por 100 dos seus habitantes. Ou sexa, a teoría do caos.

Desa maneira, cun país desfeito e en ruínas, e cuns líderes colaboracionistas, resultaralle máis doado ao invasor apoderarse do territorio iraquí (queda o territorio, porque o país xa case non existe), establecerse nunhas fortificacións illadas dun mundo que non lles importa e que pouca intranquilidade lles vai traer, e, dende alí, chegar ao dominio militar de todo o Oriente Medio. Poucas dúbidas caben hoxe sobre esta política de miseria e de vergonza.

Para máis, Francia e Holanda semella que se suman agora aos que ven xustificado castigar a Irán á marxe da ONU, poñéndolle así máis fácil o camiño ao que ben quixeran os invasores: destruír tamén o Irán. Por algo se puxeron a construír unha desas fortificacións militares para mellor ocupar o país, ou o que queda del, case na mesma fronteira con Irán. E non han faltar outras voces que se xunten a ese coro de submisos.

A consecuencia semella lóxica: despois da destrución do Iraq pode que non estea lonxe a do Irán. Pode que Bush queira presentar, antes da súa saída da presidencia, un balance máis aceptable da súa guerra "e pode conseguilo, dende o punto de vista dos cidadáns do seu país, e tamén do dos políticos demócratas, que seguro que non verían mal un "escarmento" a bombazos, que para iso teñen o poder imperial. E, ao mellor, as pezas empezan a cadrar. Un mundo feo, ao cabo, o que nos agarda.