Vietnam: trinta anos sen o tío Ho

O tres se setembro cumpríronse trinta anos da morte de Ho Chi-Minh. Dez días despois o primeiro ministro de Vietnam, Phan Van Khai, participaba na inauguración do VII Cumio anual do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC) celebrado en Auckland (Nova Celandia). As imaxes emitidas polos medios de comunicación non deixaban de ser significativas, o xefe do goberno vietnamita tiña á súa dereita ao home máis poderoso do mundo, o presidente dos EE UU, a súa esquerda ao sultán de Brunei, o máis rico do planeta.

O seu rostro adornado cunha longa perilla foi unha das imaxes máis reproducidas do século, só superada pola do outro gran mito da esquerda, o Che, que aínda hoxe segue estampada nas camisetas de moitos mozos. O iluminador, como se podería traducir o alcume que adoptou en 1945, fundador do Partido Comunista Vietnamita e impulsor da independencia de Vietnam, dirixiu a terrible loita deste pobo, primeiro contra o invasor xaponés, logo contra os colonialistas franceses e despois contra os EE UU, presos do pánico á expansión do comunismo segundo a estratexia do dominó. O tío Ho non viviu para ver a unificación de Vietnam pero si para contemplar a caída de Saigón (1975) e o abandono das tropas norteamericanas de territorio vietnamita.

Tres décadas despois moitas cousas teñen mudado. Desaparecido o vello protector soviético, pacificado o veciño campucheo, restablecidas as relacións cos dous xigantes que durante anos a quixeron afogar (China e EE UU) a República de Vietnam, seguindo a estela da “perestroika” gorvachoviana, puxo en marcha o seu propio plano de reformas, a Doi Moi ou renovación, mais segundo o modelo chinés. A partir de 1986 comezou a introducción controlada de mecanismos propios dunha economía de mercado dentro dun sistema global de economía planificada e unha suave apertura política que non poñía en cuestión o predominio político do PCV. As reformas quedaron reflectidas na Constitución de 1992.

As reformas económica e políticas coñeceron un novo impulso en 1997 cando se procedeu á renovación das principais institucións do país. A Asemblea Nacional segue dominada polo Partido Comunista, co 85% dos deputados, mais cun 15% de lexisladores independentes. Naquel momento os tres principais dirixentes do país (Do Muoi, secretario do PCV, Le Duc Anh, presidente da República e Vo Van Kiet, primeiro ministro) non concorreron as eleccións facilitando a substitución por unha xeración máis nova que ten ao primeiro ministro Phan Van Khai e ao presidente Tran Duc Luong como principais representantes.

Unha nova xeración ao fronte dun país de preto de 80 millóns de persoas das que un 80% segue traballando na agricultura, con altas taxas de paro, mais no que non falta arroz e un pouco de carne, que ten no turismo unha, cada vez máis importante, fonte de ingresos e no que as inversións estranxeiras, nomeadamente norteamericanas, van en aumento. Mais sobre todo un país no que a primeira xeración que non coñece a guerra, en todo un século, pode contemplar o futuro con esperanza.