Tres Estados para Iraq

A partición de Iraq está sobre a mesa. Leslie Gelb, antigo presidente da Comisión de Relacións Exteriores, adiantou esta hipótese nun artigo publicado no New York Times o pasado 25 de novembro e ven sendo obxecto de discusión dende entón nos corredores administrativos da Casa Branca.

En realidade, as hipóteses son dúas. A primeira é a iraquización de Iraq, é dicir, transferir canto antes a autoridade operativa ás forzas locais, garantindo por riba de todo o dominio e en condicións que garantan a súa superioridade en relación á influencia que EEUU poida ter hoxe en calquera país da rexión, Israel incluído; en segundo lugar, delegar nesas forzas a capacidade para restablecer os elementos básicos que permitan a subsistencia dun país unido e en orde, asumindo as novas autoridades o custo da represión da resistencia. Nese contexto, habería un papel renovado para NNUU.

Pero hai desconfianza e sobre todo presa. As eleccións norteamericanas están a menos dun ano, en novembro de 2004. E os cadáveres non paran de chegar ao Olimpo antiterrorista. De aquí ao verán vai ser un tempo decisivo. Bush deberá elixir. Iraq é un avespeiro e debe atopar unha orientación de saída. A victoria proclamada en maio de 2003 debe ser revalidada agora: a posguerra é demasiado longa, demasiado conflictiva, demasiado incerta. O famoso "traballo" que di querer rematar en Iraq non terá futuro nin será crible se perde as eleccións presidenciais.

Pero ¿a quen transferir o poder en Iraq? Detido Sadam, e sabendo que numerosos iraquís se rebelan non na súa defensa senón en contra da neocolonización norteamericana, hai unha oportunidade, pero deben admitir que dificilmente Iraq poderá ser algún día un segundo Israel na rexión. ¿Solución? Tres estados: curdo ao Norte, sunnita no Centro, e xiíta no Sur, con trazos fronteirizos relixiosos e étnicos ben delimitados (¿era esa a democracia e a modernización prometida?). O marco xeral: reforzar a curdos e xiítas e debilitar a sunnitas, é dicir, controlar o petróleo e deixar que quen non o ten, pida papas. Leslie Gelp, íntimo do vicepresidente Cheney, desaparecido sen entrar en combate, propón unha limpeza étnica en Iraq, non un estado federal, senón o desmantelamento de Iraq. A fin de contas, un Iraq feble será un mundo arable máis feble aínda. Milosevic era un santo ao lado destes asesores do Pentágono.

A fragmentación, polo de agora, conta co apoio dos curdos, quen non descartan a solución federal. A súa loita ven de vello e é de naturaleza diferente á dos xiítas. Hai un problema nacional, que chega ata Turquía, preocupada polo control dos pozos de petróleo de Kirkuk.

Con tanto poder acumulado, os americanos non saben que facer da súa vida. De pouco serve a man de ferro, a destrucción do estado do Baas e a liquidación do exército. Agora ameazan a Siria, en vez de atraela para contribuír a normalizar o proceso. Iraq é un sándwich entre Siria e Irán, resentidos, con razón, coa Casa Branca. Non lle facilitarán as cousas. E xa se sabe, para obter a axuda internacional nada mellor que excluír a medio mundo dos lucrativos contratos da reconstrucción. É a diplomacia "ausentiva" dunha Administración, con Powell, no quirófano.