Guinea Ecuatorial: ¿Quen está detrás dos mercenarios?

A oposición Guineana no exilio e as autoridades sudafricanas esperan as sentenzas dos xuízos realizados en Guinea e Zimbabwe contra os dous grupos de mercenarios detidos o pasado 7 de Marzo no aeroporto de Harare e Malabo, acusados de planear un golpe de estado contra o réxime de Teodoro Obiang Nguema. Todos os mercenarios participantes formaban parte da coñecida empresa de mercenarios sudafricana “Executive Outcomes”. A detención destes grupos produciuse grazas a unha información dos servicios secretos sudafricanos facilitada ás autoridades de Zimbabwe, segundo a cal, tras partir de Pretoria o avión que transportaba 69 mercenarios recollería as armas que servirían para derrocar ao réxime de Malabo. 24 horas despois da detención deste primeiro grupo detívose en Malabo un total de 18 efectivos que debían prestarlles apoio loxístico unha vez chegaran a Guinea. Como resultado no mes de Xuño iniciáronse dous procesos, en Malabo e Harare contra os respectivos grupos, acusados de diversos delictos: tenencia de armas, inmigración ilegal e intento de derrocar a un goberno.

Dende Malabo acusouse a Severo Moto de selo inspirador de esta acción. Amais, segundo Teodoro Obiang, os compoñentes do “trío das azores” apoiaron a intentona. Gran Bretaña aportou os mercenarios relacionados coas SAS e membros do partido conservador como Mark Tatcher (fillo da ex primeira ministra) recadaron parte da financiación. Estados Unidos prepararía o avión, vendido unha semana antes á empresa Africana, e España mantivo unha fragata, supostamente a “Canarias”, cerca das augas guineanas realizando labores de intelixencia.

Segundo as teorías guineanas, Severo Moto atoparíase o 7 de marzo en Bamako, capital de Malí a unha hora en avión de Malabo, esperando a execución do golpe para aparecer en Malabo e facerse co poder. Cando por fin recibe noticias, infórmanlle de que o golpe fracasou e regresou a España. Moto negou todo tipo de relación con esta intentona golpista, pero Nick Dutoit, líder do grupo detido en Malabo, confesou ós poucos días da súa detención ante a televisión, que o cerebro deste golpe de estado foi Severo Moto co financiamento do empresario libanés Ely Khalil, un trader do sector enerxético e asesor en materia petrolífera de varios presidentes africanos -Nixeria, Angola, Congo, Senegal e Chad-, e coñecido nos mercados internacionais por traballar cos excedentes de petróleo mundial non controlados. E dicir, a diferencia entre o que os países productores declaran e a cantidade que realmente producen. Severo Moto recoñeceu a súa amizade con Khalil, quen axuda economicamente ao mantemento do goberno no exilio de Guinea Ecuatorial que Moto preside. Khalil seria quen presentou ante Moto a Simon Mann, antigo membro das forzas especiais británicas e millonario tras participar en escuras operacións de tráfico de armas e diamantes en Serra Leona. A coincidencia non tería relevancia de non ser porque Simon Mann viaxaba no avión interceptado en Harare e foi considerado como o xefe dos mercenarios detidos. Amais, na súa confesión pública, Nick Dutoit asegurou que Khalil e Moto asinaron un contrato con Mann aportando cinco millóns de dólares para organizar o golpe.

Diametralmente oposta resulta a versión de Severo Moto, segundo a cal o auténtico cerebro do frustrado golpe seria Armengol Ono Nguema, irmán de Obiang e aspirante a sucedelo. Segundo esta versión, o dictador padece un cáncer con metástase que o levou a designar como sucesor ao seu fillo, coñecido como “Teodorin”, de 34 anos. Unha iniciativa que non agradou ao seu irmán que conta co apoio de boa parte do exército. Segundo Moto, Ono Nguema ostenta o cargo de presidente honorífico da empresa Logo Logistics, encargada de fretar o avión dos mercenarios e é socio nunha empresa de exportación guineana xunto a Nick Dutoit, líder dos detidos en Malabo.

Aínda queda unha terceira posibilidade, apuntada por algúns analistas: o autogolpe. Obiang ben podería tecer todo este circo como escusa para iniciar unha campaña de detencións e seguir reducindo liberdades en Guinea. Un “aviso”, por así dicilo, a tódolos seus opositores e un intento de desprestixiar a Severo Moto, sobre quen pesa unha solicitude de extradición ao goberno español que foi rexeitada. Para realizar esta afirmación baséanse en datos como a suavidade coa que se comportou Obiang con respecto ao xuízo de Harare, o feito de non solicitar a extradición a Guinea dos acusados; por non pedir, nen sequera pediu a pena de morte para os xulgados en Guinea pese a que nun primeiro momento amosouse iracundo e disposto a perseguir e matar aos seus inimigos. Nas súas declaracións explicou que a lexislación guineana non permite aplicar a pena de morte a un delicto en grao de tentativa como é este caso. Curioso dato cando os xuízos sumarios seguen existindo baixo o seu réxime xunto cos maltratos a detidos, como amosa a morte no cárcere de Black Beach dun dos detidos en Malabo.

Sexa cal sexa a hipótese verdadeira, as familias dos detidos esperan unha sentenza sen garantía algunha dun xuízo xusto, e Obiang suspira aliviado dende o seu trono. Este é o sexto intento de golpe de estado do que sae indemne.