guantanamo02

Guantánamo, unha eternidade!

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Guantánamo, clic para aumentar
Pode que no próximo cumio UE-EEUU do 21 de xuño en Viena se lle pida formalmente a Washington que Guantánamo pase a formar parte da historia negra. Mais no século XXI, ter silenciado oficialmente durante catro anos a impunidade dun dos membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU é unha eternidade.
 

Cúmprense agora tres anos dende que George W. Bush no seu discurso do Día Internacional da ONU, en apoio das Vítimas da Tortura afirmara: " Relevantes violadores dos Dereitos Humanos, como: Birmania, Cuba, Corea do Norte, Irán e Zimbabwe, teñen tentado durante moito tempo agachar dos ollos do mundo os abusos que cometen, negando o acceso aos observadores internacionais dos Dereitos Humanos".

Cando pronunciaba estas palabras Guantánamo xa fora designado como centro de reclusión en xaneiro de 2002, tras da invasión en Afganistán, cun estatus establecido unilateralmente polo Presidente Bush o 7 de febreiro de 2002 no que proclamaba aos catro ventos que "os detidos en Afganistán non terían a condición de prisioneiros de guerra. Por tanto, non estarían en condicións de acollerse aos dereitos establecidos na Convencións de Xenebra, senón que serían considerandos como combatentes inimigos en activo".

A catarse dos atentados do 11-S posibilitou o uso da forza militar en Afganistán, sen que se alzasen voces que cuestionasen o novo modelo unilateral-preventivo, nin voces contra da vulneración dos Dereitos do Home. EEUU converteuse no oráculo supremo da Guerra contra do terrorismo, que lle outorgou un cheque en branco no exterior e no interior. A defensa da seguridade do país encumiou a un presidente omnipotente que prevaleceu sobre o lexislativo ou sobre a xudicatura ou, mesmo, sobre a Lei de Servizos Armados pola que se prohibe expresamente o "Trato cruel, inhumano ou degradante dos prisioneiros". Daquela só a Corte Interamericana de Dereitos Humanos da OEA, se pronunciou para que se aplicasen os tratados internacionais.

No buraco negro da prisión da illa caribeña, sobreviven máis de 450 prisioneiros internacionais, vellos e menores incluídos, acusados de seren colaboradores do terrorismo mundial, de ter sido integrantes do réxime talibán ou de ser activistas de Al Qaeda ou, mesmo, sen acusación algunha coñecida, tal como lle aconteceu a un dos reclusos que se suicidou esta semana, o saudita Mani Shaman Turki al Habardi al Utaybi, de 30 anos, que estaría xa incluído na relación de 141 presos aos que se tiña previsto excarcerar, cousa que descoñecía o recluso, como parte da diversificada e persistente tortura psicolóxica . Segundo un informe confidencial da Cruz Vermella Internacional, elaborado en xuño de 2004, filtrado polo The New York Times na base tanto os médicos como os psicólogos axudan aos interrogadores a establecer os limiares de resistencia física ou psíquica dos detidos.

Que para o contralmirante Harry Harris, o triplo suicidio de Guantánamo non mereza máís consideración que a dun "acto de guerra asimétrica" ou "golpe propagandístico para atraer a atención", encaixa na doutrina Bush de 2002, pola que os prisioneiros serían considerados combatentes inimigos en activo.

Pero o mundo de 2006 é menos unipolar do deseñado polos EEUU naquel documento Estratexia de Seguridade Nacional que en 2002 argumentou e alimentou as teses do unilateralismo e as intervencións bélicas preventivas. O presidente George W. Bush ten niveis de popularidade internos que escasamente superan o 30%. Os aliados máis leais foron vítimas da maldición das Azores. Os escándalos, humillacións, perversións de Bagram en Afganistán ou de Abu Graib en Iraq, teñen arrepiado á humanidade.

Agora, algunhas cualificadas voces europeas consideran a base unha "anomalía". Mesmo pode que, segundo anunciou a ministra de Exteriores austríaca Ursula Plassnik, no próximo cumio UE-EEUU do 21 de xuño en Viena se lle pida formalmente a Washington que Guantánamo pase a formar parte da historia negra.

Mais no século XXI, ter silenciado oficialmente durante catro anos a impunidade dun dos membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU é unha eternidade. Cando lle tocará a denuncia internacional á Rusia por Chechenia? Por certo, tamén membro do Consello de Seguridade.
O mundo merece mellores referentes.