ARTIGO PUBLICADO ORIXINALMENTE NO XORNAL LA VOZ DE GALICIA
Fonte; Creative Commons www.kremlin.ru

Un Putin acabado?

O presidente ruso Vladímir Putin foi seriamente humillado polo fundador do Grupo Wagner, Yevgeny Prigozhin. Certo que este deu marcha atrás ao seu avance sobre Moscova pero moi probablemente, sen practicamente pegar un tiro, conseguiu boa parte do que pretendía sen dar a sensación de ser obrigado a se render...
Liñas de investigación International Relations
Idiomas Galego

Foi sen dúbida o desafío máis serio para o inquilino do Kremlin dende que accedeu ao poder máximo en 1999. E abre un importante horizonte de incógnitas sobre o seu futuro político e a estabilidade do propio sistema de poder ruso, tanto dentro como fóra da propia Federación.

Haberá cambios bruscos no Ministerio de Defensa, na Rosgvárdia ou Garda Nacional e nos servizos de intelixencia? Tamén relevos inmediatos nas elites que conforman o sistema financeiro público ruso e nas empresas estatais mais relevantes? Moitos dedos apuntan a unha moi estendida corrupción como a lacra que abicha de vello o poder ruso. A ela levaban tempo apuntando as denuncias de Prigozhin no seu enfrontamento co liderado militar oficial representado polo ministro Serguéi Shoigú. Oficialmente só se admite a fin das accións xudiciais contra o xefe e os membros do grupo mercenario, ademais dunha oferta de incorporación parcial ás forzas armadas.

O desgaste de poder no Kremlin está pasando unha severa factura a Putin. Coa guerra en Ucraína sen moito menos resolver, a apertura dunha fronte importante de inestabilidade cae como auga de maio en Kíiv. O desconcerto xerado esta fin de semana pode ter un inocultable impacto no ánimo das tropas de choque que levan o peso da contenda na fronte bélica. O líder ruso está á defensiva.

No medio da crise, na capital rusa, autoridades políticas diversas expresáronlle a Putin o seu apoio. Dende o presidente do lexislativo Volodin ao líder comunista Ziuganov. Na oposición rusa exiliada, proliferaron os chamados a apoiar a Prigozhin, como o de Mijaíl Jodorkovski.

Aínda que moitos en Occidente dano xa por defenestrado, quizais un tanto apresuradamente á vista do seu historial de astucia, Putin ten unha oportunidade de reverter esta situación impulsando medidas serias e de longo alcance contra a corrupción que gangrena a dirixencia moscovita, medida que contaría co aplauso da poboación, poida que incluso da que vitorea a Prigozhin. Sen embargo, é dubidoso que a estas alturas dispoña da manga ancha que precisaría para facer rodar cabezas sen temer pola súa propia.