O último libro de Alfredo Toro Hardy “The Crossroads of globalization. A Latin American View” (World Scientific 2018) é unha magnífica síntese sobre a historia da globalización e os seus principais desafíos inmediatos, como tamén de medio e longo alcance. Non é un repaso á globalización desde o cosmopolitismo baleiro ou algún non lugar, se non que o texto nace desde o propio título, das luces e sombras abertas no continente latinoamericano pola historia.
O último libro de Alfredo Toro Hardy “The Crossroads of globalization. A Latin American View” (World Scientific 2018) é unha magnífica síntese sobre a historia da globalización e os seus principais desafíos inmediatos, como tamén de medio e longo alcance. Non é un repaso á globalización desde o cosmopolitismo baleiro ou algún non lugar, se non que o texto nace desde o propio título, das luces e sombras abertas no continente latinoamericano pola historia.
Alfredo Toro Hardy, licenciado en Dereito pola Universidade Central de Venezuela foi embaixador venezolano de carreira en Washington, Londres, Madrid, Brasilia, Singapore, Santiago de Chile ou Dublin. Como académico foi Director da Academia diplomática venezolana Pedro Gual ou profesor visitante en Princeton ou a Autónoma de Barcelona, entre outros moitos destacados méritos. Cómpre engadir entre a súa actividade profesional relevante, que é un dos articulistas regulares do IGADI e do Observatorio da Política China, entre outros moitos think tanks, polo que podemos afirmar que é un deses pequenos luxos cos que contamos ao tentar comprender o mundo desde Galicia.
Semanalmente Alfredo introduce na web do IGADI temas suxerentes que van desde as análises da historia latinoamericana e mundial á visión cada vez máis inmediata e menos futurista, dun mundo organizado baixo a disciplina dos robots e a intelixencia artificial. Para quen estea acostumado a ler as súas pezas semanais, o libro ofrece un desenvolvemento estruturado e compacto dun resultado de altísimo valor para enfocar as chaves do futuro mundial nas próximas décadas.
“The Crossroads of globalization. A Latin American View” apunta de maneira transversal á xigantesca e paradóxica confrontación entre os USA e a China polo liderazgo global no S.XXI. O cruce de camiños da globalización que pon en cuestión o factor Trump (e os seus ecos e réplicas por todo o mundo) como resultado agónico dos fracasos de todas aquelas promesas arredor do mellor dos mundos posibles que anunciaba o fin da URSS; e que comezou a quebrar na crise económica global de 2008.
E que hai no núcleo desa reorganización internacional e do fin dos consensos globais? Todo o libro apunta desde as primeiras páxinas que máis alá da guerra comercial e financeira ou as disputas territoriais en tantos puntos sensibles do planeta, a guerra tecnolóxica está no cerne desa carreira pola supremacía internacional, coma o caso Huawey demostrou nas últimas semanas. O software, as materias primas e o capital humano que as sustentan, como elementos críticos na carreira polo S.XXI, entran nas próximas décadas nun diálogo fundamental no que o desenlace ameaza con episodios de conflito; entre a violencia tradicional e novas formas de confrontación aínda por aparecer.
Cando a finais de 2018 no IGADI organizamos o noso anuario de relacións internacionais e política global IGADI Annual Report 2019 titulámolo “En rumbo de colisión” non buscamos asustar, se non como sempre, desenvolver a nosa misión fundacional de tentar comprender o mundo desde aquí. Na nosa web segue dispoñible e en aberto.